O 'Ciclondoiro' toma Fuenlabrada (63-82)
- Detalles
- Categoría: Baloncesto
- Publicado o Sábado, 31 Marzo 2012 19:25
- Escrito por Manel González
Foi devastador o paso do Blusens Monbus polo Fernando Martín. Non só por ter acadada a vitoria nun pavillón complicadísimo diante dun equipo de Copa do Rei, senón pola tremenda superioridade da que fixo gala o conxunto de Moncho Fernández, que incluso lle arrebatou ao seu rival –directo, pois estaban a carón na táboa- o basket average, que estaba en +8 a favor do Fuenlabrada. Dez partidos gañados xa polo Obra nesta Liga Endesa 2011-12 que sitúan xa á vista de todos os obradoiristas o horizonte da permanencia. O “avó” Hopkins, con 21 puntos de valoración, e Levon Kendall, con 19, foron os puñais máis ferintes.
Os composteláns saltaron á cancha sen Milt Palacio, de baixa. Tardaron pouco en poñer as cartas sobre a mesa. Un 0-6 de parcial acadado grazas á intensidade interior de Hopkins y Lasme alertou aos de Porfirio Fisac, que reaccionaron cun 8-0 obra de Saúl Blanco, Mainoldi e Colom. O 12-11 resultante foi o último tanteo no que os de casa estarían por diante. Bulfoni, con dúas triplas, facía faltar polos aires o sistema defensivo do Fuenlabrada e, ao final do cuarto, Junyent e Kendall pechaban unha vantaxe de sete puntos (14-21).
A tripla de Nguema nada máis nacer o segundo período non foi máis que unha das sete que se anotaron neste cuarto, catro delas para o Obradoiro. Ere e Kendall, e Sergio Sánchez e Penney para os de casa, anotaron as catro seguintes nun bonito intercambio. Un dous máis un de Oriol Junyent estirou a diferenza ata os quince puntos (20-35). O 0-6 posterior furgou na ferida. O Fuenlabrada non daba coa tecla de frear ao Blusens Monbus. No descanso, o resultado era de 31-47.
Non amainaron os de Fernández no recomezo. Lasme, Washington e Kendall conchabáronse para castigar cun parcial de 0-10 que sentenciou o encontro, e aínda non acabara o terceiro cuarto. Co partido controlado, o obxectivo era facerse co basket average. Neste período, que rematou 49-69 tampouco se atopou o Obra con demasiados atrancos.
Tentou o Fuenlabrada reducir a sangría por todos os medios no último cuarto, mais para daquela xa os composteláns ían embalados na consecución do segundo dos seus obxectivos neste partido. En ningún momento peligrou o average. O Obra foise de Fuenlabrada coa décima vitoria no peto (63-82), abrumadoramente superior, e coa loita individual contra os de Fisac gañada. Un verdadeiro ciclón.
63 - Baloncesto Fuenlabrada: Colom (5), Laviña (7), Blanco (9), Mainoldi (14) e Diouf (2) -quinteto inicial-, Penney (3), Hall (5), Laso (2), Joseph (-), Cortaberría (2), Sánchez (12) e Muñoz (2).
82 – Blusens Monbus: Rodríguez (8), Bulfoni (10), Washington (4), Lasme (8) e Hopkins (14) -quinteto inicial-, Cabanas (-), Ere (5), Kendall (17), Junyent (7), Nguema (3) e Corbacho (6).
Parciais: 14-21, 15-26, 18-22, 14-13.
Árbitros: Juan Carlos Mitjana, Miguel Á. Pérez Pérez, e Castillo.
Pavillón: Polideportivo Fernando Martín. 5603 espectadores.
FOTO: ACB



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede