1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O Obradoiro afoga no dioivo culé (71-58)

Tan acostumados nos ten ultimamente este equipo ás grandes fazañas que unha derrota na casa do campión da segunda mellor liga do mundo déixanos mal sabor de boca, como se no fondo na nosa conciencia estivéramos convencidos de que se voltaría de Barcelona cunha vitoria ás costas, como sucedera en Málaga ou en Alacante. Mais a ilusión durou un cuarto, o primeiro. Un parcial de 16-0 borrou o sorriso da faciana do obradoirismo, que vía como o equipo marraba posesións sen atopar tiro fácil e os que conseguía executar atopaban o aro e, en ocasións, nin iso. Non fallaba o Barça, que sen facer un gran partido foi ao seu, é dicir, a sumar e a defender. Neste dominio atrás foi onde os de Xavi Pascual esnaquizaron aos composteláns. Un dato xeral sobre o rebote: 41 por 31. Demasiadas concesións ante os mellores defensores da Liga Endesa. Unha canasta de Oriol Junyent e un dous máis un de Stephane Lasme antes de que rematara o cuarto serviron para maquillar o resultado deste período (20-7).
Aínda que visto o visto serviron tamén para darlle azos ao equipo, xa que comezou o segundo cuarto cun 0-6 de parcial (0-11 en total) obrigando a Xavi Pascual a pedir un tempo morto para recompoñer o seu equipo ante a que se lle estaba a vir enriba. No recomezo, a Junyent pitáronlle unha técnica e apareceron Juan Carlos Navarro e Marcelinho Huertas para contestar cun 9-0. Non achantou o Obra, que por medio de Palacio, Lasme por partida dobre e Corbacho dende 6’75 replicou con outro 9-0. Ao final, os tiros libres volveron ampliar a vantaxe dos azulgranas, que se ían ao descanso doce puntos arriba (34-22).
Da man do capitán Bulfoni, os de Moncho Fernández volveron encordiar ao campión. O Obra xa anotaba con máis fluidez e en defensa o panorama era algo máis alentador. Porén, o encontro tiña reservado protagonismo para un secundario de luxo: Boniface Ndong. O espigado senegalés apareceu case de súpeto para firmar 12 puntos só neste cuarto e sacudirse a presión que estaban a exercer os galegos, que chegaron a situarse a só 4 puntos do Barça (45-41) mediado o período. De novo os tiros libres volveron darlle aire aos de Xavi Pascual (51-41).
A eliminación por faltas de Junyent –cando aínda restaban 7 minutos- non fixo máis que empeorar as cousas, que xa se puxeran moi costa arriba cando Joe Ingles conectou unha tripla que puxo a diferenza en 15 puntos (58-43). Nin o acerto de Corbacho e Lasme nin o intento de Deron Washington de botarse o equipo ás costas nos minutos finais fixeron ao Barça pestanexar (71-58). Desta volta non houbo sorpresa, por máis que se confiara na fazaña. Cousa ben distinta será o vindeiro partido, na casa ante o FIATC Joventut. Aí o dioivo poderá albiscar tinguiduras de salvación.

Estatísticas do partido

71 - FC Barcelona: Regal: Huertas (10), Navarro (16), Mickeal (6), Lorbek (6), Ndong (21) -cinco inicial- Sada (3), Rabaseda, Ingles (6), Eidson (2), Wallace (1) e Vázquez.



58 - Blusens Monbus: Rodríguez (2), Ere (5), Corbacho (9), Lasme (17), Hopkins (1) -cinco inicial- Cabanas, Bulfoni (10), Palacio (2), Washington (8), Kendall, Junyent (4) e Nguema.
Parciais: 20-7, 14-15, 17-19, 20-17.
Árbitros: García Ortiz, Guirao e Soto. Eliminaron a Junyent e Kendall.
Pavillón: Palau Blaugrana. 3405 espectadores.

 

FOTO: ACB