1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O Breogán segue imparable

O Breogán continúa coa súa extraordinaria xeira de resultados. Hoxe sumou no Pazo a súa sexta vitoria consecutiva. Desta vez foi ante Mallorca Básquet (80-75) e os baleares abofé que non deron tantas facilidades como o Clínicas rincón a pasada semana. O pívot senegalés Papa Dia estivo inconmensurable na pintura. Sumou 19 puntos e 14 rebotes, e como recoñeceu o propio Pepe Rodríguez, foi fundamental para darlle a volta ao marcador, non en balde o Breogán só tomou a iniciativa a partir da metade do terceiro cuarto. Ata ese momento tivera que ir remando contra o marcador. Cana Papa Dia, cómpre salientar un partido máis a James Feldeine, que foi unha máquina de anotar (26 puntos) e achegou moitas cousas no resto de facetas do xogo (9 rebotes, por exemplo) Por completar un trío de protagonista, cómpre mencionar o alento incansable da afección breoganista que tirou dos seus para lle dar a volta ao marcador nun partido duro e complicado. Manu Gómez confesou tras o partido: "A afección está con nós e notámolo moitísimo.

O partido comezou cun Mallorca moi enchufado, querendo levar a iniciativa no partido. O Breo aturaba os arreóns dos baleares grazas ao acerto fóra de Bortolussi e Ogirri e á loita de Papa Dia no interior. Con todo, o equipo de Xavi Sastre abrira unha vantaxe de sete puntos ao remate do primeiro cuarto (19-26). No segundo o Breogán foi máis correúdo, anulou a superioridade dos mallorquíns pero sen ser capaz de reducir notablemente a desvantaxe. O dominicano Feldeine asumiu o rol de anotador (10 puntos no cuarto) cun extraordinario acerto nos tiros de campo (10 de 15) ao remate do partido.

O 41-47 do descanso era un marcador significativo, canto á dureza do óso no que estaba a roer o Breogán. O público lugués aumentou a intensidade e Feldeine e Papa Dia perseveraron como protagonistas ofensivos do equipo. Con todo, foi Manu Gómez con dous tiros libres, a falta de tres minutos para o remate do cuarto, quen puxo por fin o Breo por diante (56-55). Bortolussi cun triple logo aumentaba a vantaxe. A partir dese momento o Breogán demostrou oficio e o Mallorca sufriu ante o poderío inconmensurable de Papa Dia. O resultado final (80-75) foi a cereixa no topo do pastel. O bo xogo do equipo e a comuñón hoxe coa afección, reforzan o ánimo e as expectativas cara os playoffs, onde ninguén dubida que teñen que estar os lugueses. Como asegurou Pepe Rodríguez ao remate do partido: "penso en gañar o próximo, pero son ambicioso e con este equipo e afección sinto que non hai equipo mellor có noso nesta Liga".

Estatísticas do partido