1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O Real Madrid sae vivo do 'inferno' do Sar

Sexa polo que for, polo impresionante momento de forma que están a experimentar os homes de Pablo Laso ou polo gafe do señor Núñez Feijóo, a quen nunca antes se lle vira achegarse ao Multiusos Fontes do Sar a apoiar ao único equipo galego la Liga Endesa, o caso é que o Real Madrid cortou a xeira de tres partidos consecutivos gañados contra rivais da zona alta do Blusens Monbus Obradoiro. 69-84 foi o resultado final, un tanto inflado polo deixarse ir do minuto final, e que ben puido ter sido algo máis apertado se os pulsos de Kyle Singler (21 puntos) e Jaycee Carroll (17) non quixeran pagar cos da casa a desgraza merengue na Euroliga.


Saltaron ao parqué os quintetos iniciais cunha clara descompensación nos emparellamentos en canto á altura. Como pasaba na escola, onde os máis mangallóns collían máis rebotes, o Madrid cimentou a súa vitoria grazas en parte á diferenza no rebote ofensivo que colleitou no primeiro cuarto, onde ademais o Obradoiro cometeu sete perdas de balón dando a posibilidade aos merengues de multiplicar os seus ataques. A pesar de accións propias de top-3 como o pincho de pescada que lle puxo Stephane Lasme a Mirza Begic, este primeiro cuarto rematou cunha diferenza xa importante (13-24). A mala noticia para o Madrid foi a lesión fortuíta de xeonllo de Carlos Suárez, que xa non voltaría máis á pista.


Firmou Ante Tomic a canastra que establecería a máxima diferenza do encontro en quince puntos (13-28), pero acto seguido buliron Levon Kendall e, sobre todo, Oriol Junyent para aferrarse á barreira psicolóxica dos dez puntos e incluso baixar dela. O acerto de Jaycee Carroll, que xa sacaba o seu arsenal, foi neutralizado por un Obra que se situaba a oito antes do descanso (32-40).


Tralo recomezo, saíu o Madrid disposto a poñer terra de por medio. Carroll pasoulle a testemuña a Singler, Nikola  Mirotic e Tomic, e entre os tres asinaron os 20 puntos da súa escadra neste terceiro cuarto (44-60). O trío arbitral estaba a axudar ben pouco con algunha que outra decisión para a polémica, pero, porén, os ánimos nas bancadas, que unha vez máis volveron dar unha lección de compromiso co equipo, non decaeron en ningún momento.


Dúas triplas de Bulfoni, unha de Kendall e o acerto de Milt Palacio e Junyent fixeron que a diferenza pasara a ser de só 6 puntos mediado o derradeiro cuarto. A intensidade defensiva que manexou o Obra durante a primeira metade deste período só pasara desapercibida para Jaycee Carroll, pero agora, con 63-69 no luminoso, foi Kyle Singler o que espantou as meigas cunha canastra e unha tripla consecutivas que eran media sentenza. Respondeu Bulfoni, incansable capitán, pero de novo o rubio de Oregon, en comandita con Sergio Llull, confirmaban a vitoria visitante (69-83) e con ela a fin da xeira triunfal do Obra, que poderá ser retomada este mesmo martes no Nou Congost de Manresa (20:15, TVG) e continuada a fin de semana, de novo en Sar, perante o UCAM Murcia, rival directo non, directísimo, na loita pola permanencia.

 

Estadísticas de partido

69 - Blusens Monbus: Andrés Rodríguez, Alberto Corbacho (3), Ebi Ere (2), Bernard Hopkins (7), Stephane Lasme (9) -cinco inicial-, Milt Palacio (6), Bulfoni (16), Deron Washington (5), Levon Kendall (11) y Oriol Junyent (10).



83 – Real Madrid: Sergio Llull (7), Carlos Suárez, Kyle Singler (21), Nikola Mirotic (12), Mirza Begic (2) -cinco inicial-, Ante Tomic (11), Martynas Pocius (7), Felipe Reyes (4), Sergio Rodríguez (2), Novica Velickovic y Jaycee Carroll (17).

Parciais: 13-24, 19-16, 12-20, 25-23.

Pavillón: Multiusos Fontes do Sar. 5200 seareiros.

Árbitros: J.A. Martín Bertrán, Oscar Perea, Castillo.

 

FOTO: ACB