Nemo Rangers retén a Copa Breogán
- Detalles
- Categoría: Deporte
- Publicado o Sábado, 14 Xullo 2012 20:45
- Escrito por Wenceslao G. Zapata
O fútbol gaélico é, polo momento, cousa de irlandeses. Aos Fillos de Breogán quedoulles claro a pasada fin de semana. Os Nemo Rangers seguirán coa Torre de Hércules, o trofeo que os acredita como campións da Copa Breogán, por segundo ano consecutivo. A Coruña Fillos de Breogán, mermado de efectivos, desprazouse a Cork, concretamente ao barrio de Douglas, para xogar a segunda edición deste torneo o sábado 7 de xullo. Os locais gañaron sen dificultades, malia que o resultado final non reflicte grandes diferenzas: Nemo Rangers 2-12 (18) – A Coruña Fillos de Breogán 2-07 (13).
A crise e os problemas á hora de concretar a data definitiva do partido impediron que os Fillos viaxasen en bloque a Irlanda. Ao ter que competir nun campo de fútbol gaélico auténtico, o partido xogouse tamén coas regras orixinais do deporte (aínda que con formacións de trece futbolistas por cada escadra). Polos Fillos de Breogán xogaron Seán Connolly, Cormac O’Broin, Wences García, Sebas Pan, Niall Moriarty, Rory Duggan, Carlos Seco, Alberto Méndez, Pablo Miragaya, Stephen O’Brien, Joe Kavanagh, Dannacha O’Neill e Vincent Kelly. Niall Moriarty e Pablo Miragaya marcaron un gol cada un. Os puntos repartíronse entre Carlos Seco, Alberto Méndez, Cormac O’Broin e os catro que acadou Niall Moriarty.
Cormac O’Broin foi premiado como mellor defensor e mellor xogador no Campionato Ibérico que gañou sendo membro de Sant Vicent Valencia no 2011. Este ano está a xogar de novo en Dublín, no Ballinteer St. John’s, equipo ao que tamén pertence Seán Connolly. Ambos os dous uníronse aos Fillos de Breogán e, xunto con futbolistas de Nemo, xogaron de branquiazul. Neses xogadores dos Rangers que formaron cos coruñeses salientan dúas lendas do fútbol gaélico: Stephen O’Brien e Joe Kavanagh.
Joe Kavanagh é un xogador xa retirado que gañou dous All Irelands con Nemo a nivel de clubes e xogou dúas finais con Cork no All Ireland de condados. Stephen O’Brien, tamén retirado, ten mellor palmarés: tres All Irelands con Nemo e dous con Cork. Os membros de Nemo Rangers estaban encantados de ter a ocasión de xogar con dúas figuras sobranceiras do deporte nacional irlandés.
Non foron estas dúas estrelas as únicas que coñeceron os Fillos de Breogán en Irlanda. Colm Cooper, o mellor xogador de fútbol gaélico, atendiu ós coruñeses no seu club Dr. Crokes na vila de Killarney, en Kerry. The Gooch, como é coñecido Cooper, un dos homes máis famosos de Irlanda, destacou pola súa humildade e o seu bo carácter. Esa hospitalidade tamén a demostrou o seu compañeiro de club, Eoin Brosnan.
Os Fillos aproveitaron a súa viaxe para ver a final de Munster en Limerick. Cork derrotou a Clare con contundencia. Paul Kerrigan, membro dos Nemo Rangers, realizou un partido sensacional. Tanto el como o seu compañeiro Fintan Goold tiveron a ocasión de falar cos Fillos logo do encontro e felicitalos polo traballo feito en Galicia para a difusión do seu deporte.
Finalmente e como despedida, os branquiazuis volveron o luns a Douglas a presenciar un encontro do Nemo Rangers Junior-3. Os futbolistas que os venceran dous días antes na Copa Breogán tiveron moitos atrancos para se impoñer a Éire Óg Ovens. Un gol de Niall Moriarty na última xogada do partido serviu para que os verdinegros saíran gañadores.
Para o vindeiro ano, tócalle aos Nemo Rangers vir á Coruña. Será a terceira edición da Copa Breogán. Nesta oportunidade, a intención é que veña tamén un equipo feminino de Nemo Rangers para que as Fillas de Breogán participen. “Corkuña” rabuña.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede