Ana Peleteiro, campiona do mundo xuvenil de triplo salto
- Detalles
- Categoría: Deporte
- Publicado o Xoves, 12 Xullo 2012 18:53
- Escrito por Carlos Meixide
A atleta de Ribeira, Ana Peleteiro, acaba de marcar un fito na Historia do deporte galego ao proclamarse esta tarde campiona do mundo xuvenil de triplo salto, no campionato do mundo que se está a celebrar esta semana no Estadio Olímpico de Montjuïc (Barcelona). Peleteiro superou á súa principal rival, a cubana Liuba M.Zaldívar, cun salto espectacular de 14 metros e 17 centímetros. Peleteiro, de apenas 16 anos, estableceu ademais con este salto a terceira mellor marca española absoluta de todos os tempos. Esta marca chegou no seu terceiro salto. Xa no primeiro, a galega establecera un espectacular 13,87. A cubana Zaldívar superouna no salto seguinte (13,90) pero Peleteiro non achantou e volveu sorprender cun fantástico 13,96. No terceiro salto, despois de que os xuíces deran a coñecer o rexistro (cun vento de 1 m/s en contra), a atleta do Barbanza non puido coa emoción e rompeu a chorar no ombro do seu emocionado adestrador Abelardo Moure. Porén, o susto chegou uns minutos máis tarde cando a lituana D. Dzindzaletaite, no seu quinto salto, igualou a marca da galega. Afortunadamente, o 13,96 do segudo salto decantou a vitoria para Peleteiro
O pasado mes de xa dabamos conta no Dioivo do record nacional establecido pola atleta ribeirense no Campionato Galego junior que se celebrou en Cangas do Morrazo cun rexistro de 13,50. Era a constatación do nivel da atleta que xa acadara o bronce no Mundial de Lille 2011 e que fora elixida mellor atleta xuvenil pola Federación Española de atletismo. Os limites de Ana Peleteiro Brión son inimaxinables. O seu presente xa forma parte da historia do deporte galego.
FOTO: www.bcn2012.org



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede