1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O regreso de Moussambani

Recordan a Eric Moussambani, aquel nadador de Guinea Ecuatorial que se fixo célebre nas Olimpíadas de Sydney, no 2000, cando percorreu os 100 metros libres en cerca de dous minutos e estivo a punto de afogar no intento? Os Xogos de Londres, que se levarán a cabo o verán que vén, servirán de marco para o regreso deste auténtico heroe popular, ridiculizado polo habitual coro de comentaristas sobrados e admirado realmente por moita outra xente. Moussambani vén de ser nomeado adestrador da sección guineana de natación para a cita británica, segundo a web do servizo de prensa oficial do goberno do país africano. 

As imaxes da actuación de Moussambani hai unha ducia de anos aínda encollen o corazón, sobre todo se se acompañan da narración de simpáticos comentaristas que esquecen que eles dificilmente aboiarían no Mar Morto. O guineano participou nunha fase clasificatoria dos 100 libres destinada a nadadores de países "en vías de desenvolvemento" (cruel eufemismo). O nixeriano e o taxico que competían con el saltaron á auga antes de tempo, así que o bo de Eric, que aprendera a nadar meses antes practicando el só na piscina de vinte metros dun hotel, viuse abocado a nadar en solitario nunha pileta olímpica de 50, ida e volta, diante de 15.000 espectadores tan crueis como adoita ser o xénero humano. Custoulle, pero fíxoo.

Moussambani foi parodiado ata o extremo e converteuse nun dos primeiros virais da era de Internet. Mesmo houbo televisións que o quixeron facer competir contra unha señora de 85 anos. Tamén houbo quen o viu como a encarnación perfecta do soño olímpico de superación, e convén dicir que gañou os seus cartiños facendo xiras polo mundo para contar a historia, patrocinado por unha marca de roupa deportiva. Adestrou durante catro duros anos ata conseguir baixar do minuto para 2004, pero non conseguiu participar nos Xogos de Atenas por problemas de visados, e desapareceu da vida pública.

Segundo parece, Moussambani irá a Londres sempre que algún nadador de Guinea Ecuatorial consiga clasificarse. Ata entón, compaxinará este cometido co seu habitual traballo nunha das plantas petrolíferas que tanto rendemento lle dan ao ditador Teodoro Obiang (e que tan pouco beneficio deixan aos guineanos). Xa vexo aos Jordis González de turno preparándose para destacar o "interese humano".

 

Enlaces:

Vídeo de Moussambani en 2000: http://www.youtube.com/watch?v=3zjCc_VyxM4

Noticia da axencia oficial guineana: http://www.guineaecuatorialpress.com/noticia.php?id=2440#

Facebook persoal de Moussambani: https://www.facebook.com/eric.moussambanimalonga