Karate a morte en Graceland
- Detalles
- Categoría: Deporte
- Publicado o Mércores, 21 Marzo 2012 10:42
- Escrito por Martiño Suárez
Pode que todos os xenios teñan algo de obsesivos. Desde logo Elvis Presley posuía esta cualidade en grao superlativo, e igual lle podía dar por espremer os músicos con sesións de gravación de quince horas (un horario empeorado co feito de que a bobina nunca empezaba a correr antes das nove da noite) como por coleccionar insignias honoríficas da policía ou por regalar Mercedes e Pontiacs a todos os empregados e mesmo a unha señora que pasaba polo concesionario naquel momento.
O deporte foi unha das súas grandes monomanías. Cando era un mozo de tupé e ollos caídos, o fútbol americano era para el case unha relixión; propulsados polas anfetaminas, el e a súa corte de amigos, primos e chupópteros podían xogar partidos de dez horas na casa de Graceland sen parar nin para comer. Máis tarde, convertido xa nun espectro gordo, patilludo e paranoico do que fora, deulle polo karate. Empezara a practicalo en Alemaña, durante o servizo militar que lle interrompera a carreira artística a finais dos cincuenta. Nos setenta non ía a ningunha parte sen un ou dous instrutores da arte marcial xaponesa. Era frecuente que obsequiase aos espectadores dos shows e aos asistentes ás súas festas con demostracións que non sempre acababan ben: conta Peter Guralnick na súa monumental biografía do Rei do Rock que en 1973 foi demandado por unha muller á que rompera un nocello mentres lle mostraba como librarse dunha chave especialmente complicada. Segundo parece, non axudou demasiado que o marido da demandante se enterase de que a demostración se levara a cabo na suite privada de Elvis en Las Vegas.
Contra o final da súa vida, Elvis obsesionouse con producir (e protagonizar, pese ao sobrepeso e os enormes problemas de saúde) unha película de karate. Quería reunir a os mellores campións do mundo ao seu redor para explicar a filosofía desta arte. Da pomposidade do proxecto dan fe as notas do propio Elvis, de novo a través de Guralnick: no final do filme aparecería el, no cumio dun monte, en posición de loita, dirixindo os golpes ao unísono dun exército de karatekas mentres rezaba en lingua de signos india. Toda unha empanada xaponesa que, por sorte ou por desgraza (máis ben por obra das montañas de medicamentos que consumía e o acabaron matando en 1977) quedou en nada.
FOTO: Dominio público
Fragmentos do film de karate inacabado de Elvis Presley: The New Gladiators



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede