1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

''Para min é difícil deixar de tocar''

Rafa Anido é moitos entes ao mesmo tempo. Pode ser unha banda post-punk, un revival, un máis entre o público  ou pode ser o sorprendente Sr. Anido. Pero se é algo concreto, é a constancia en facer música polo pracer de facer música, e  o que lle poñan por diante.


Xa levas anos nisto da música. Primeiro comezaches dando concertos e logo fixhces unha parada entre 2001 e 2007. 

Empecei aló polo 1995, que foi cando comecei a tocar. Co proxecto de Sr. Anido comecei no 1999. Á parte diso, eu tiña un catro pistas que me vendera un amigo. Entón gravaba as maquetas nese catro pistas, pedía instrumentos prestados á xente. Así ía facendo maquetas. Facía como me petaba a min, pois aquí hai unha maqueta, estas catro son outra, e así. Normalmente eran tres ou catro cancións. Gravábaas en cinta daquela, e logo na cadea musical gravaba cintas sobre cintas e logo deseñaba eu unha portada con fotos. Logo véndiaas ou regalábaas. Iso foi ao principio.

Entón é certo que nese espazo de tempo de seis anos, chegaches a gravar dezaseis maquetas?

Non che sabería dicir as datas exactas. Pero houbo un momento moi forte. Estaba todo o día gravando, un día a cero graos e botaba horas esquecéndome de todo. O problema foi que o catro pistas petou. Eu tocaba daquela mentendo o catro pistas na mesa e logo tocaba por riba das bases gravadas.

Polo que contei, tes estado en catorce bandas polo menos. Ti considéraste a ti mesmo como unha mostra da inestabilidade do ciruito no que te moves? 

Pode que sexa eu algo inestable (risos). Escoitei hai pouco que Galicia é underground. Nós somos underground. Para min é algo normal, non anómalo. Logo un marcha, outro vaise con nova xente, porque non conecta, etc. É un pouco como as relacións. Hoxe estás ata aquí e mañá estás con outra persoa e dura máis. Chega un momento en que algo acaba e comezas con outra cousa. Para min é difícil parar de tocar.

Ti ves o rock galego actual como un pequeno tigre de papel?

Non, porque está moi relacionado todo coa nosa forma de ser. Realmente nós non somos moito de facer márketing brutal. Por exemplo, os Samesugas levan moito máis tempo ca min nisto. Estamos a falar de Dirty Barriguitas ou Fame Neghra en Santiago.  Eles seguen na mesma filosofía e no mesmo nivel. Gústalles facer música e así é a nosa forma de ser. A quen non lle gusta ter repercusión?, pero non é unha prioridade penso eu. En xeral o que quere a xente é facer música. Sempre digo que me gustan as loitas de baixa intensidade, que segues aí dándolle. Nestes últimos anos penso que saíron os primeiros resultados, con propostas máis que decentes. Moitas saen por si mesms  para fóra como Triángulo, Fantasmage, etc. Nin siquera necesitan unha plataforma.

Galician Bizarre é un recompilatorio de bandas galegas. Sentídesvos tan bizarre?

Nestas cousas sempre pasa que non sabes onde saíu, porque é moita xente. Pola miña información, iso chámase así por un fotolog. O nome referíase a personaxes como Tojeiro, Cañita Brava…a maioría da xente é moi fan deses personaxes. Teñen algo especial. Son bizarros pero de aquí, fanche moita graza. Nese momento había xa un grupo que se chamaba Triángulo de Amor Bizarro.

Nunha entrevista no blog forragaitas, dis que non hai referentes que canten en galego polo menos dentro dos estilos que abordas ti. Non che parecen moi taxativas estas palabras túas?

Hai poucos referentes. Para o meu gusto, hai poucos, quitando a Andrés Dobarro, Fame Neghra, poucos grupos hai que me gusten realmente. Os Resentidos están ben, pero un grupo que me guste moito, máis de tres cancións, pois non atopo. Agora si, temos Terbutalina ou Emilio José que cantan en galego, e realmente énchente. 

Jiménez del Oso, Jiménez Losantos, probaches con María Jiménez?

Non,  pero pódese mirar, non hai porque rexeitalo. En calquera momento pode pasar. Os nomes non van contra ninguén. No caso de Jiménez del Oso, o tipo chegou a saber da banda. Antes de morrer dixo que quería escoitala. Pero morreu e penso que a súa familia sabe da banda e non lles pareceu mal. A Jiménez Losantos non sei se lle gustaría máis. Pero os nomes non se poden rexistrar.

Falando con outros músicos que coñecemos ti e máis eu, din que un dos trazos más importantes do circuito galego, é o “do it yourself”. 

É o que che dicía antes. Galicia realmente é underground mesmo antes da existencia do punk. Eu non son seguidor da música tradicional. Pero esa música, do que eu coñezo, é unha expresión do pobo, os gaiteiros que tocaban nas bodas ou nos camiños, iso era underground. Hai cousas que polo menos ideoloxicamente, que me chegan. Eu estou dacordo con iso.

Para ti que é o punk?

Facer música polo pracer de facela, esquecendo outras circunstancias externas. Se queres facer música faina. O punk é unha marca comercial. Xa desde o comezo no 77 xa se comercializou case no momento. É a palabra que todos utilizamos para falar de certos conceptos, pero realmente, sempre existíu. Nos Sonics, Joe Mik, facían música porque lles gustaba. Isto está relacionado tamén co resentimento teu cara ao redor e quero facer algo diferente, que rañe na ferida.

En que traballos andas metido?

Estou cos Metralletas Letxeras. Pero agora a cousa parou debido a que todos andamos distanciados por traballo e estudos. A cousa é que seguimos aí e facendo cousas, pero xa non tocamos moito en directo. O de Sr. Anido, teño que dicir que me pasou algo que non esperaba. Javi de Fluzo, dicíame que tiña que gravarme. Eu tomábao a brincaderia. Teño un problema de inseguridade e ao mellor non valoro o que fago, cousa que outra xente si fai. Entón eu gravaría a Maqueta 18 para recoller só as cancións. Pero el díxome que me tiña que gravar. Fun hai un tempo á súa casa de Barcelona e botamos sesenta horas traballando. Neste caso vou ser sobrado, porque o que quitamos de aí é moi potente. Chamarase A Maqueta 18, que é un disco. A capacidade de retroalimentación entre Javie e eu, soprendente. 

Pensas que vivimos bos tempos para a creatividade. Sínteste pleno, cómodo no medio da que cae?

Si, precisamente nas dificultades a xente saca o mellor de si. Nos proxectos hai que esquecer “papá ou mamá estado”, que che vai subvencionar algo. Algunha vez saquei algo, non o vou negar, pero moi pouco. Se che din nun sitio que che pagan tantos euros, vas dicir que non? Pero realmente non é unha prioridade para que me subvencionen. A prioridade para min é que haxa máis xente ao meu redor que comparta o mesmo concepto e que nos organicemos entre nós. Que é o que pasa agora diante da falta de cartos públicos. A xente estase a organizar e penso que é a mellor opción.

No viceo “Sr. Anido 16”, porque o tema do video está en inglés?

Non, non,  é un idioma inventado. Chámolle o idioma do subconsciente, ou o galego precristiano, eu que sei. Teño unha capacidade de comezar a falar mesturando, como se falase outro idioma pero que ao mesmo tempo parece que digo cousas. O caso da ruptura esa que apuntabas, cando deixei de gravar, non sei por que, déume por aí. Improvisación continua, improvisar etc. Parece que falo pero non é nada ou si. 

Nese video o teu corpo tamén é un instrumento.

Vira unhas imaxes dun home nadando no programa Metrópolis. Tamén podo presumir dese video, porque hai unha persoa que entende o meu concepto da música, o que quería facer. Misturar música con Galicia. Ao final agradecementos a Galicia. 

Noto nese video que hai unha querencia polos 70 e 80. Pensas que estas cousas non estarán xa moi usadas?

Terías que preguntarlle a Rubén Domínguez que foi quen tratou a imaxe e deu o ton de cor que ten. Realmente non sei de onde veu, sei que me gustou. Todo o demais foi sobre a marcha, alugar a cámara na escola de imaxe e son, 30 euros en comer e gasolina. Tres ou catro horas gravando exteriores no Barbanza. O vestiario eran cousas que tiña eu na casa. 

 Á parte de Maqueta 18, que outra sorpresa nos tes preparada?

Pois vaise basear todo niso. Editar en vinilo. Facer videoclips. A idea é apostar moi forte por este traballo, mesmo recuperamos cancións doutras maquetas. Esta é a sorpresa.