1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

A hora dos neofalantes

 Os profesores Karina Parga e Bernardo Penabade, son responsables do Proxecto Neo, un programa de radio para animar á mocidade ao uso do galego na vida cotiá. Proxecto Neo enmárcase dentro do denominado Modelo Burela, un programa de inmersión lingüística que soubo integrar ás diferentes comunidades que habitan na localidade mariñá.

Que é Proxecto Neo?

B.P.: PROXECTO NEO é unha iniciativa de radio educativa feita por profesorado e alumnado de dous institutos. Trátase dunha actividade de reforzo da aprendizaxe como o son as conferencias, as excursións ou os intercambios.  O programa de radio está incluído dentro do amplo repertorio de actividades Modelo Burela, polo tanto fai parte da intervención educativa comezada en 2005 e que se mantén en activo durante estes sete anos. Ven complementar a intervención pedagóxica inicial que consistía nun traballo de campo destinado a facer unha recompilación documental. Depois viñeron os seus aproveitamentos: exposicións, os encontros Lingua Viva que reúnen as persoas que protagonizan a normalización do idioma, intervencións Palabra e memoria , dedicadas á difusión da lingua galega nos textos relacionados co ritual funerario, Saúde e sensibilidade, por atención ao sector sanitario, as cerimonias Modelo Burela e outras actuacións sectoriais como a dirixida a comercio e empresa.

...e a quen implica?

K.P.: Cada programa é o resultado da implicación activa de nove persoas. Da coordenación xeral ocúpase María José Andión, responsábel da área de innovación educativa do Instituto Perdouro. Da produción ocúpanse as coordenadoras dos ENL, Carme Cociña e Miruca Parga , que seleccionan o alumnado que colabora nas entrevistas e que tamén asiste eventualmente ás gravacións, aínda que non fale para os micros. Eles fan os primeiros contactos con persoas a entrevistar; marcan as datas para as entrevistas; redixen os textos documentais e consensúan a selección musical. Durante a gravación do programa, o protagonismo é compartido polas persoas convidadas, polo alumnado que se ocupa do labor auxiliar na locución, polo locutores habituais, Bernardo Penabade e eu mesma, e polas persoas encargadas da atención ás redes sociais e da reportaxe fotográfica, Daniel Álvarez. 

B.P.: Aínda temos outra colaboración fixa, moi especial: un estudante procura estimular a participación da audiencia nas redes sociais, concretamente na sala-de-conversa do Facebook. O seu protocolo consiste en saudar a xente conectada, en animar a participar e dar lectura en antena aos seus comentarios. Dos labores técnicos sempre se ocupa o persoal de Radio Burela. Durante algúns programas procuramos que o alumnado do ciclo formativo de electrónica realizase tarefas auxiliares no control, mais só o conseguimos en dúas ocasións. Non sempre sae todo ben.

Explicade brevemente, a dinámica e obxectivos desta iniciativa?

K.P.: A nosa intención é emitir sempre en directo, de xeito que se facilite a participación do público para conseguir comunicación bidireccional. Por prudencia, o primeiro programa foi gravado; o resto, salvo por imposibilidade dos convidados, facémolos ao vivo. Emitimos unha hora semanal, os mércores entre as 5 e as 6 da tarde; e complementamos a tertulia do estudio coa interactividade en Facebook e Twitter, e no blogue do Instituto Perdouro. En todos estes canais anunciamos os luns o nome e perfil biográfico da persoa ou persoas entrevistadas, sempre neofalantes e dos temas a tratar relacionados co seu perfil biográfico.

Cal é o motivo polo que Proxecto Neo nace en Burela?

K.P.: Nace en Burela porque é o lugar en que se está aplicando esta pedagoxía transformadora, porque é unha maneira práctica e efectiva de socializar e concretizar o modelo de planificación lingüística. Penso que con esta iniciativa, os impulsores do Modelo Burela pretenderon  facernos un recoñecemento público, transmitirnos o seu cariño, ás persoas que día a día respondemos positivamente á oferta da integración social; ao mesmo tempo, os contidos dos programas serven de modelo para aquelas outras persoas que aínda non conseguiron ese obxectivo.

B.P.: Efectivamente, diso se trata. E eu diría que non só transmitimos cariño, tamén admiración.

Á parte das instalacións da Radio Burela, con que outras axudas contades? Están implicadas as institucións lingüísticas?

K.P.: O apoio fundamental é de Radio Burela, de Radiofusión. Sen a súa disposición de servizo público e colaboración con instalacións e persoal, non poderíamos facer o programa. Recibimos o estímulo do Consello da Cultura Galega, que divulgou a iniciativa no seu portal corporativo e que nos convidou a participar nos XIVº Encontros para a Normalización, e da Secretaría Xeral de Política Lingüística que nos concedeu un premio de innovación educativa. Resultounos tamén moi gratificante a cariñosa felicitación do Secretario Xeral, Valentín García.

Este programa semanal de radio nace logo de teren desaparecido cabeceiras de información xeral en galego. Vedes neste traballo un  paso para o nacemento de novas iniciativas  para novos medios galegos en galego?

B.P.: Somos unha iniciativa moito máis modesta de ámbito local, con só unha hora á semana, promovida por afeccionados. Iso si, faremos todo canto estea nas nosas mans para difundir todas estas novas cabeceiras. Dioivo e os que veñan, pois son os referentes. Nós estamos a pé de rúa e tentaremos servir de enlace entre eles e a audiencia. Esa é a nosa misión.

Quen non quere implicarse neste proxecto e por que?

K.P.: Por agora abríronse de par en par todas as portas. Algunhas incluso antes de chamarmos. A resposta está sendo magnífica. A audiencia implícase: envíannos referencias de neofalantes dos máis diversos lugares, mándannos vídeos, pasan o enlace dos programas a xente nova, convidan coñecidos a participar nas nosas redes sociais... Oxalá non defraudemos.

Cal sería o seguinte paso para Proxecto Neo?

B.P.: O ideal sería que se chegase a organizar un colectivo que aglutinase as persoas que se incorporaron ao uso do galego na adolescencia ou incluso máis tarde.

K.P.:  Somos moitísima xente e por agora parecemos invisíbeis. As nosas familias criáronnos na emigración ou na periferia de cidades como Ferrol, Coruña, Pontevedra ou Vigo e cortáronnos as raíces. Ocultáronnos o galego, porque pensaron que nos favorecían. Agora é o momento de agradecerlles o que fixeron por nós  recuperando a identidade perdida.