''Non sabemos nada da historia da música galega''
- Detalles
- Categoría: Outra Volta
- Publicado o Martes, 11 Setembro 2012 10:28
- Escrito por Moncho Mariño
Julio Vilariño vive en Compostela. É DJ e crítico musical. Nestas dúas áreas de traballo ten cousas que dicir sen morder a lingua, cousa que ás veces lle pode dar máis dunha sorpresa. Falamos con el para que nos ofreza a súa visión sobre un panorama musical como o galego. Colaborador de publicacións e dentro de asociacións cidadás, ten ofrecido os seus puntos de vista de cara o público en conferencias que non deixaron indiferente a quen asistiu.
Tendo en conta a túa actitude a respeito do panorama musical dentro desta cidade e tamén en Galicia, deberiamos pensar que ves en decadencia dito panorama?
En Galicia pódense criticar cousas, pero o panorama está mellor que hai dez anos e moito mellor que hai vinte. Mesmo podemos falar de panorama en Santiago que antes non existía. Houbo a finais dos 90 e comezos dos 2000, aquilo da Familia Feliz e outros grupos. Realmente era un núcleo moi pequeno. O mesmo lle pasaba á escena hardcore. Agora hai cousas, pero poderían estar mellor. Santiago é unha cidade que para o seu tamaño ten dúas salas como a Capitol e a Moon. A Capitol ten certo nome nacional, e salvo festivais importantes ou axudas públicas, os grupos galegos teñen vetado o acceso.
Por que?
Porque por moitos grupos que haxa, a industria musical galega é feble. Non hai grupos con ventas, como quen di. Non hai bandas que vivan da música estrictamente en Galicia. As que o poderían facer son as bandas folk dos 80 e comezos dos 90. Aínda así a maioría conxugan varios traballos. A sala Capitol está orientada ao rock. A maioría dos concertos de grupos galegos témolos na Sala Moon. O problema que temos son os bares. Moitos deles tiñan tendencia a facer concertos, pero a política municipal non llelo permite. Agora hai unha volta do teatro nos bares. A música está ausente por cuestión do ruído. Non lle deixan desenvolverse nese tipo de lugares.
Píntalo como se fose unha persecución.
Máis que persecución é como un non deixar facer. O ruído é un problema. Os bares non están acondicionados para acoller música. A maioría das edificacións son ilegais no tema do ruído, sobre todo edificios dos 80 e 90. Na zona vella xa é máis difícil que estean acondicionados. Na zona vella estaría a Casa das Crechas con folk, algo limitado. Tampouco esquezas a parte política da Casa das Crechas.
Eu teño visto concertos na parte vella e hai cidades que fomentan os concertos na rúa.
A fórmula é Santiago-verán-turismo. Por que hai concertos na zona vella en verán? Porque se transforma nun decorado xigante para o turista. O resto do ano tanto grupos como xente que quere ir a concertos, case non pode facer nada.
Oínche dicir un día que Compostela é unha cidade que soporta unha vida cultural deseñada para unha cidade de, polo menos, un millón de habitantes.
A tipoloxía desta cidade é a de lugares como Salamanca ou Granada. Cidades universitarias con cen ou douscentos mil habitantes. Teñen unha vida cultural importante cunha certa renovación como todas as cidades estudiantís. Compostela é un caso especial. É capital, co que ten unha vida administrativa. É unha cidade turística. Isto dálle unha vida cultural maior que outras cidades máis grandes como Coruña ou Vigo.
Traballaches dentro do mundo da promoción e produción de espectáculos. Desde ese punto de vista como afecta a crise económica á calidade dos espectáculos hoxe en día?
En Galicia había unha cultura de crear iniciativas por parte de empresas privadas que buscaban subvencións. Todo isto creaba unha espiral perigosa. En Galicia hai problemas desde as institucións para pagar esas subvencións. Era unha dinámica de débedas que se acumulan e vivir só de subvencións. A iniciativa privada en Galicia, nese sentido é moi conservadora. Todos os grandes concertos en Galicia perden cartos. Os prezos están disparados, a cultura de festivais, Primavera Sound, Summer Case, os tratos entre produtoras etc, fixo subir moito os prezos. En Galicia o nivel de vida é máis baixo e os cachés non varían para todo o estado.
Hai iniciativas como o O Torgal, que é algo admirable. Os artistas son folk-rock americano que veñen para xiras de pequenos formatos. Eles sós cos instrumentos. Para este tipo de artistas si que se poden facer cousas. Xente que gusta de tocar en locais pequenos.
Cal é agora mesmo para ti a mellor a proposta artística en Galicia?
Hai algúns artistas que me interesan moito. Espero a ver se sae o novo disco de Emilio José. A crítica galega, que non existe, somos algo externo a Barcelona e Madrid. Pero discos de Emilio José ou Ataque Escampe. Das Kapital é un disco que non acadou o que pretendía. Spartakus Bund, discos así saen en Barcelona e serían portada de revistas que non penso mencionar. En Galicia temos un atraso estrutural no mundo musical. Non hai revisión do pasado. Non sabemos nada da historia da música galega, alén da música popular ou folclórica.
E os recoñecementos a Siniestro Total ou Os Resentidos?
E que máis? É un revival da movida viguesa. E cantos anos pasaron? Hai trinta anos. Cando viches un artigo que falase de grupos como Los Tamara ou Los Españoles? Nos setenta houbo tamén unha loita artificial entre Andrés Dobarro e Voces Ceibes, os dous deficientes musicalmente. Cando se contextualizou un grupo como NHU, Fuxan Os Ventos ou un disco de Emilio Batallán? Moitísimo máis interesantes. Nos 80 non todo é Resentidos e movida viguesa. Houbo tamén un certo revival de Radio Océano. Tamén se esquece a escena hardcore en Santiago a finais dos noventa. Ninguén se ocupa de poñer en relación todas estas pezas.
Hai críticos que din que as tendencias deste estado, son fixadas por gafapastas que desprezan a cultura popular. Concordas con isto?
Hai un desprezo polo popular, unha caste de snobismo, unha crítica do bo gusto que sobra por todos lados. Diego Manrique é un xornalista que non fai o que a maioría de críticos. Fai un artigo sobre Bob Dylan ou de Miguel Bosé seguindo as mesmas premisas e xuízos iniciais. Outra cousa é que o resultado é o que ten que ser. O desprezo cara a cultura popular moitas veces non ten base.
Nunha entrevista a Marlango en TVE, preguntándolles sobre a situación actual de España, o teclista dicía que non quería saber nada, non informarse porque se deprime.
Esa é a actitude da música española en xeral. Hai unha tendencia de extrema dereita cultural, de fuxir da política no ámbito musical. Calquera manifestación artística é política. Aquí hai un escapismo, por exemplo dentro da música o indie é unha música escapista e de dereitas neste país. A implicación e calidade da música galega agora mesmo é case que horrible, pero está por riba da música española. Na música española é escasa a implicación política.
Loquillo criticou hai tempo, a Emilio Estefan, a quen culpou de apartar o rock español para poñer música latina. Eu vía Nirvana nos 40 Principales e agora non vexo nada que se lle asemelle.
O rock latino foi unha creación posterior ao grunge que era o último repunte do rock. A herencia de Los Coyotes ou Los Rodríguez deu co rock latino este. Loquillo é un expoñente do clasismo intelectual. El critica a Estefan porque considera populacheiro o rock latino. Podes criticar a Estefan polos artistas que difunde. Que facemos entón co rock latino, salsa e cumbia dos 60 e 70? Non podes confundir a Paulina Rubio con Marc Anthony. Anthony cae ás veces nas paixóns baratas e emocións cutres, pero é un grande cantante. Cando criticas algo tes que ter unha base e non facelo por defecto.
Cal é agora mesmo a túa ocupación, DJ ou crítico?
As dúas cousas. Pero gaño máis cartos de DJ. Son complementarias para min. As cousas que escoitas sérvenche para poñer nun bar ou nunha discoteca. Son cousas para o público. Igual a crítica ten máis de ego e vanidade.
Cal é a túa oferta como DJ?
Tento facer algo variado. Poño funk, garage, salsa ou rock, tento dar unha oferta xeral. Ao mellor mirando ao pasado, pero porque é difícil para min seguir o ritmo actual.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede