1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O traumático de deixar o fútbol gaélico

Aaron McGregor era un mozo norirlandés de dezasete anos. Vivía na vila de Limavady e xogaba ao fútbol gaélico nos Wolfhounds e ao fútbol británico no Ballymena United. Ata aquí, todo normal. Na zona de Irlanda ocupada polo Reino Unido, é habitual que os católicos como Aaron practiquen deportes gaélicos. É nesta parte da illa un compromiso cunha cultura máis ca unha actividade deportiva.

En Escocia, hai un derbi por enriba de todos os demais. A Old Firm, Celtic-Rangers, o partido que divide o país. A curiosa historia das Illas Británicas permitiu que Escocia teña unha importante poboación de irlandeses católicos (o 16%) e que Irlanda do Norte conte cun gran número de escoceses protestantes (39%). O Celtic de Glasgow é, malia ser un club escocés, o club favorito dos irlandeses católicos, dentro e fóra da illa. O Rangers, pola contra, é o club protestante por antonomasia. Tanto, que non ficha xogadores católicos, dun xeito moito máis rigoroso có Celtic, ao que tampouco lle prace fichar protestantes.

O fútbol gaélico é un deporte afeccionado. O fútbol británico ao nivel que xogaba McGregor no Ulster, tamén. Pero todo cambiou cando Aaron decidiu emigrar e ser profesional no fútbol asinando un contrato cos Rangers. El xa probara no Aberdeen escocés e no Bradford City e o Burnley de Inglaterra. Pero a dimensión do Rangers e o feito de facerlle un contrato profesional convenceron á familia McGregor para que o seu fillo asinase polos ‘Teddy Bears’.

“No equipo sub-19 dos Rangers hai tres rapaces de Dublín e un de Omagh. Tres deles teñen tatuaxes célticas. A este nivel todo é profesional”. Aaron pensaba que non tería problemas no seu novo club. Pero a súa fichaxe, malia non ser ningún prodixio mediático, foi moi comentada porque viña do fútbol gaélico e, claro, era irlandés católico. Esa repercusión fixo que o seu cambio de vida fose traumático.

Nos foros de siareiros dos Rangers non tardaron en chegar os comentarios maliciosos. Podíanse ler cousas como “non podo agardar para ver como lle chegan bombas ao seu correo”. Iso aconteceu no verán do 2011, pouco despois de que lles enviasen explosivos por esa vía ao adestrador do Celtic Neil Lennon, aos xogadores verdibrancos Niall McGinn e Paddy McCourt e ao famoso seguidor do equipo céltico Paul McBride.

Na vila de McGregor, os seus veciños fixeron campaña de apoio ao mozo ameazado. Ninguén quería que se repetise o mesmo con Aaron. O sectarismo volvía ser protagonista en Escocia, malia tratarse dun xogador do seu propio equipo e con ficha do filial, os ultras do Rangers non tiveron piedade con el. O acoso foi e é constante. O club, oficialmente, pediu desculpas á familia e a policía escocesa tomou cartas no asunto.

Agora, Aaron milita no conxunto dos Rangers da liga de reservas. Cumpriu o seu soño de ser profesional. Di que bota de menos xogar no club da súa vila ao fútbol gaélico, pois estaba a punto de debutar no primeiro equipo. Do que seguro ten morriña é da tranquilidade que tiña cando practicaba fútbol gaélico e a relixión, a etnia e os cartos non eran un problema. Só xogaba porque amaba ese deporte. En Escocia, malia haber clubes que practican deportes gaélicos, non pode compaxinar o seu contrato cos Rangers cunha filiación a outro clube, mesmo afeccionado. E os católicos da súa Irlanda natal veno, trala súa marcha ao club protestante, como un traidor. Cos dezaoito anos xa cumpridos, a Aaron McGregor agardalle unha estadía conflictiva nas dúas beiras do mar de Irlanda.

 

FOTO: rangers.co.uk