Dous goles de Mario Gómez desafiuzan a Holanda
- Detalles
- Categoría: Crónicas da Eurotaça
- Publicado o Xoves, 14 Xuño 2012 14:54
- Escrito por Carlos Meixide
Alemaña está practicamente en cuartos despois de vencer 2-1 a Holanda na segunda xornada do Grupo B. Holanda xa debe estar a procurar billetes de avión para voltar a casa. As súas opcións de clasificación son mínimas e pasan en todo caso por derrotar na última xornada á complicada Portugal. Mario Gómez, con dous grandes goles adiantou aos alemáns no primeiro tempo. Van Persie fixo o gol que lle deu esperanzas aos holandeses. Finalmente non foron capaces de acadar o empate.
HOLANDA 1-2 ALEMAÑA
Holanda ten un problema. Critican a Van Maarwijk polo dobre pivote defensivo e por deixar a Huntelaar no banco, pero o problema máis grave de Holanda non está adiante, máis ben o principal problema dos holandeses é a brandura defensiva. Pagouna contra Dinamarca... era inevitable que a pagara ante Alemaña, selección fantástica e cun dianteiro centro que non perdoa. Pódense procurar bodes expiatorios coma Jetro Willems, o rapaz de 18 anos que ten que cargar coa responsabilidade do lateral esquerdo da subcampiona do mundo. O xogador do PSV, que seica é o máis novo da historia en participar nunha Eurocopa, compite co lateral esquerdo de Grecia Houlebas, por se converter no garan choio da competición. Porén, sería inxusto acusalo de todos os males da súa selección. Holanda non se sabe moi ben a que xoga, cunha distancia entre liñas inabarcable, confiada en exceso a calidade de Snejder e Van Persie e ao desborde de Arjen Robben, ao que sempre lle pasa algo para non dar o máximo nivel nas grandes ocasións. Ante tal panorama, Alemaña non tivo piedade. Os de Joachim Löw si que teñen claro o guión de cada partido. É unha selección nova pero cada vez máis curtida, grazas en boa medida o aumento espectacular da competitividade da Bundesliga nas últimas tempadas. Alén diso, ten o factor realmente desequilibrante que precisa calquera selección que pretenda ser campiona: un dianteiro de primeiro nivel como Mario Gómez, que xa inventou un gol inverosímil e que onte rompero o encontro con dous fogonazos admirables. Disparo inapelable cruzado ao pao longo no primeiro, control maxistral e definición impecable no segundo. Con 2-0 ao descanso Holanda foi a por todas, sabedora de que non lle quedaba outra e algo mellorou, se ben lle custou horrores meterse no partido. Chegou máis por relampos que por calidade colectiva. Van Persie inventou un gran gol para poñer o 2-1 con bastante tempo aínda por diante. Tivo algunha máis Holanda para empatar, pero Alemaña foi demostrando a súa superioridade e veteranía a medida que pasaban os minutos, de feito apenas houbo fútbol nos dez últimos minutos do partido. Alemaña ten practicamente asegurada a súa participación nos cuartos, mentres que Holanda ten xa a soga arredor do pescozo. Terá que ir á desesperada ante Portugal, inda que se cadra todo sexa de balde.
FOTO: uefa.com



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede