1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 21-05-2013 15:45

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

A mala sorte e os árbitros teiman en botar a Grecia da Euro

 

A República Checa venceu a Grecia (2-1). Os checos adiantáronse no marcador con dous goles nos primeiros cinco minutos do partido. Primeiro marcou Jiracek e máis tarde Pilar, quen xa iguala con dous tantos a Dzagoev e Mandzukic como máximo goleador do torneo. Os gregos volveron entrar no partido no segundo tempo despois dun erro garrafal de Petr Cech. Nos últimos minutos Grecia acosou a área checa pero foi incapaz de acadar o empate. O árbitro anulou un gol legal de Grecia antes do descanso por fóra de xogo.

 

REPÚBLICA CHECA 2-1 GRECIA

Se os gregos procuran na Euro, que non no euro, un consolo para os seus males, van aviados. A mala fortuna e os árbitros teiman en amargarlles cada partido. Hoxe, aos cinco minutos, xa ían perdendo 2-0. A defensa de Fernando Santos (non confundir co noso Fernando Castro Santos) tardou demasiado en asentarse no campo (os dous centrais do primeiro partido non xogaron. Avram Papadopoulos por lesión e Papastathopoulos pola sanción que acarrexou a incomprensible expulsión de Velasco Carballo no primeiro partido, polo que tivo que formar Katsouranis xunto con Kyriakos Papadopoulos). Aos dous minutos Hubschmann, excelente como trinco do mediocampo checo, meteu un pase milimétrico polo medio da defensa a Jiracek que definiu con clase. Tres minutos máis tarde era Rosicky o que atopaba a Gebre Selassie na banda dereita (Houlebas volve ser un coadeiro). O pase da morte do xogador de orixe etiope rematouno a gol Pilar co xeonllo. Era un golpe letal para os gregos, que inda que quixeran reaxir eran incapaces de superar o centro do campo checo, no que Rosicky xogaba a vontade como director de orquestra, ben escoltado por Hubschmann e Plasil. O certo é que no primeiro tempo a República Checa deixou moi boa imaxe, o cal dalle se cadra maior relevancia a vitoria rusa na xornada inaugural. Só lle faltou meter un terceiro que matase o partido. Non foi así e os gregos, que son teimudos malia a mala sorte, foron chegando ás inmediacións da área de Cech. Daquela, o árbitro, desta volta o frances Stéphane Lannoy, anulou sen motivo un gol a Grecia por fóra de xogo a poucos minutos do descanso. Santos deciciu que había que apostar todo ou nada e tras o descanso meteu o seu punta máis incisivo (Gekas) no campo. Bilek, porén, sorprendeu deixando a Rosicky no vestiario. Pouco a pouco o equipo heleno foise achegando a área checa, ata que Cech decidiu devolverlles os gregos o que antes lles roubara o árbitro. O gardarredes do Chelsea non blocou incomprensiblemente un inocentísimo centro de Samaras e deixou a bola franca nos pés de Gekas, que non tivo máis que empurrar. Co 1-2 entroulle o medo no corpo á República Checa que entendeu que tocaba achicar na área. Grecia apostou polo xogo directo, polos centros á área e a República Checa renunciou ao balón. O acoso foi intenso pero pouco efectivo e Cech dominou con firmeza o xogo aéreo. Os checos poderían xogarse a clasificación a próxima xornada ante a anfiitrioa Polonia. Os gregos cada vez ven máis lonxe a posibilidade de reeditar a sorpresa de 2004. Están cada vez máis fóra que dentro da Euro. Hai moitos que non lles perdoan o título de Portugal.