Rusia presenta a súa candidatura
- Detalles
- Categoría: Crónicas da Eurotaça
- Publicado o Venres, 08 Xuño 2012 21:41
- Escrito por Carlos Meixide
Rusia goleou 4-1 á República Checa e xa manda en solitario no Grupo I. O equipo de Dick Advocaat deu un un recital de xogo ofensivo e demostrou que é unha das favoritas para o título. Marcaron Dzagoev por dúas veces, Shírokov e Pavlyuchenko. Por parte dos checos marcou o gol da honra Pilar. A República Checa só ameazou con certo perigo a porta de Malafeev nos dez primeiros minutos de partido.
RUSIA 4-1 REPÚBLICA CHECA
Rusia é a miña favorita para o título. Xa o digo agora para que logo non me chamen vantaxista. Non me deixou en mal lugar, dende logo, no seu primeiro partido ante a República Checa. Rusia goleou 4-1 e deixou unha marabillosa imaxe. Dick Advocaat ten un equipazo e coñece de sobra aos xogadores. A columna vertebral da selección rusa é a do Zénit de San Petersburgo que baixo as ordes do técnico holandés se proclamara campión da UEFA en 2007. Naquel equipo estaban Malafeev, Anyukov, Denísov, Shirokov, Zyrianov, e o gran Andrey Arshavin, do que me declaro moi fan. E presta ben ver xogar tanto aquel Zénit como esta Rusia de hoxe, letal cada vez que rouba un balón no centro do campo. Abraia a precisión no pase, a visión de xogo e a capacidade de desmarque dos cinco mediocampistas rusos. Tamén a de Kerzhakov, o voluntarioso dianteiro centro do Zénit que hoxe puido incharse a meter goles pero que andou todo o partido coa puntería desaxustada. Abandonou o campo para lle deixar o seu lugar a Pavlyuchenko e o ex do Tottenham marcou un autético golazo na súa primeira acción no partido. É o que ten o fútbol. En defensa non sufriu en exceso Rusia. A súa parella de centrais, Ignashevich e Berezutski coñécense de tempos inmemoriais no CSKA de Moscova, e na banda esquerda é admirable a proxección ofensiva de Zhirkov. Da República Checa, porén, pouco podemos contar. Non é xa a aquela selección dos 90, con Nedved á fronte, que sorprendía en Europa. Cun discreto Rosicky e Plasil de principais referentes no campo, e Cech baixo a porta, apenas ameazaron máis que nos dez primeiros minutos. Logo Rusia xogou a vontade. O plantexamento do técnico checo axudou en parte. Atrevido e coa defensa moi adiantada acabou pagando caro o atrevemento. Foi Dzagoev quen bateu primeiro no minuto 13, ao culminar unha gran contra dos rusos. No 25 Shírokov resolvía con mestría ante Cech despois dun pase 'involuntario' de Arshavin. Puideron fartarse de goles os rusos. Só o desacerto no último remate do voluntarioso Kerzhakov impediu unha goleada maior. E non foi tanto por demérito da República Checa como pola excelencia do xogo ruso. Pero á volta do descanso Chequia recuperou opcións na única xogada na que foron capaces de sorprender á rigorosa parella de centrais. Marcou Pilar (apelídase así), talvez o xogador checo máis incisivo, quen resolveu con clase o un contra un ante Malafeev. Co 2-1 non aproveitaron os checos a oportunidade para se meteren no partido. O trío de mediocampistas rusos: Denísov (espectacular na recuperación), Shírokov e Zyryanov deron un recital que deixou en evidencia a Plasil e a Rosicky. Rusia sempre atopaba un camiño para chegar á porta de Cech. Alan Dzagoev, o xogador do CSKA de Moscova, natural de Beslán (Osetia do Norte), un talento tan grande como irregular, definiu perfectamente para facer o terceiro gol. Pavlyuchenko pechou a goleada. Rusia avisa. É clara favorita para liderar o seu grupo e pode aspirar a todo. Rusia pode ser 'o tapado' do torneo. Se algunha fraqueza ten a selección rusa é a condición física fráxil dalgúns dos seus principais xogadores, pero neste caso o parón invernal da competición ligueira rusa fai que os xogadores cheguen coas pernas máis lixeiras cas do resto das seleccións. En fin, que eu xa fixen a miña aposta. Por quen apostan vostedes?
Por certo, o que tal é a globalización. Non lles chamou a atención que o lateral dereito da República Checa se chame Gebre Selassie?
FOTO: Shírokov celebra o segundo gol de Rusia (uefa.com)



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede