1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Iugosaudade

Seica os máis militantes sempre o tiveron claro pero coido que nunca cavilaron no tema abondo alén dos datos obvios e máis visíbeis. A min sempre me vén isto ao maxín en dúas datas moi senlleiras no calendario e fundamentais na ex Iugoslavia e tamén en Hungría, os dous/tres países ex comunistas nos que vivín e sigo a vivir. Estou a falar de que nós vimos dunha sociedade fascista. Sempre falamos dende occidente dos estados ex comunistas pero o imperio pequeno e o veciño máis pequeno debería ser denominados entón estados ex fascistas. Nun ataque de SandardandPoorismo síntome atraido a rebaixar a un deles a categoría “menos ex”. En serio, non pensedes que as clasificacións ex son sempre feitas dende fóra. Aquí todo o mundo fala –para se referir ao estado e sistema anteriores- do “ex estado”, do “espazo [da ex Iugoslavia]”, do “antigo sistema” ou directamente “na SFRJ” (República Socialista Federativa de Iugoslavia) ou “na época de Tito”. Curiosamente ten máis uso o “durante o socialismo” có menos común “durante o comunismo” (sistema este que, segundo unha maioritaria e popular percepción local, tiñan en Romanía, Hungría, Bulgaria...).

A maioría máis silenciosa e feble –pero socialmente a máis diversa- ten en alta estima todo este pasado. Algúns todo (sistema e estado), outros non tanto o estado pero si o sistema (hai nacionalistas de esquerda por aquí tamén) ou viceversa. Basicamente, case todos os pensionistas e unha parte importante da mocidade ve con bos ollos ese pasado que viviron na súa mocidade ou do que lles falaron os máis vellos. Pero claro, hai quen non ve con tan bos ollos ese tempo pasado.... e curiosamente ese é un dos puntos en común que teñen os máis “belicistas” tanto dun coma doutro bando. E non hai mellor intre para ver iso có primeiro de maio.

O día do traballo, xunto con 8 de marzo son festas de “guardar” en Bosnia e Hercegóvina e no resto do espazo. No 8 de marzo a tradición di que ás compañeiras de traballo dáselles un caravel e convídaselles ao xantar. A praxe tampouco é así pero por exemplo este ano a miña compañeira de oficina recibiu dous caraveis (un meu, outro da “empresa”) e o xantar en restaurante (nada de cantina) pagámolo a escote. A miña compañeira de oficina é un bo exemplo desa xeración do impás: musulmá practicante, de esquerdas, nostálxica do estado anterior e dunha boa parte do sistema (con algúns matices) vía compatíbel vivir nunha sociedade laica, multiétnica, sendo crente e de matrimonio “non mixto” sen que isto fose para ela ou os seus unha contradición ou un atranco –algo que contradí as versións dos sectores máis belicistas. Ás veces, escoitándoa falar, penso que Iugoslavia puido ser unha sorte de Francia ou Turquía no tocante ao laicismo tras a desintegración do sistema anterior. Obviamente, non lle interesou a algúns dentro e fóra que así fose.

O Primeiro de Maio a tradición manda ir de churrascada cos amigos ou coa familia ao campo. A churrascada é o pasatempo número un dos ex iugoslavos. En tempos do ex estado, o 25 de maio era outro día grande, o aniversario de Tito, o día da mocidade. Festivo, desfiles, eventos de todo tipo no que se exaltaban os piares e o lema do estado, bratsvo i jedinstvo, irmandade e unidade; pode parecer irónico sabendo o que pasou logo, pero non o é. Para ironía está unha das citas máis repetidas de Tito: “un estado con esta mocidade non se ten que preocupar do seu futuro”. Líder carismático, Josip Broz, igual algo optimista con respecto á mocidade: sabían de onde viñan (como bo marxista) pero non tanto cara onde derivaban (como calquera político español).

O revisionismo histórico sempre me produce arrepíos porque é moi dificil de descontextualizar. En España é moi difícil atopar alguén que fale ben da época de Franco (“con Franco se vivía mejor” e demais lerias) e que teña argumentos de peso para dicir por que e como era que se vivía mellor, á marxe de casos de taras mentais ou de Europarlamentario e membro do... xa sabedes por onde vou. Porén en Iugoslavia é difícil atopar alguén que, racionalmente, non defenda os estándares económicos e incluso sociais do socialismo de Tito, criticando incluso as características que levaron a esa burbulla de irrealidade: prestamos a fondo perdido de Occidente nun sistema que explotaba as virtudes sociais do socialismo cun líder intelixente e carismático abondo para adaptar o seu modelo ás circunstancias. Non son un experto en historia pero se alguén ten tempo e ganas que compare o que aconteceu en Iugoslavia do 45 ao 55 e do 70 ao 80 e non dará creto a que se trate do mesmo país. O certo é que a democracia occidental, cos resultados enriba da mesa nestes países, non serviu como contrapunto dun sistema non democrático, con moitas grallas pero mellor para o 90% da poboación e dos intereses colectivos. Dá que pensar en tempos como os actuais... e tamén produce arrepíos.

Este tipo de consideracións leva á aparición dun fenómeno denominado “jugonostalgija” (común a varios países do “leste” de Europa como a RDA  co seu Ostalgie) na que se “devece” por un pasado obviamente mellor. A diferenza cos seus equivalentes europeos –no meu parecer- é que o aspecto estético e os alicerces son comúns pero os detonantes dese sentimento e incluso o que se devece con ese sentimento son diferentes non só entre ex repúblicas, senón tamén entre individuos. Non é colectivo. Hai ademais un punto de inconformismo social que traspasa o fenómeno meramente estético ou saudoso. Por unha parte, hai nostálxicos que teñen saudades porque abofé vivían mellor, principalmente os pensionistas. Pola outra hai xente nostálxica porque, aínda non vivindo aquel período, saben que tivo que ser á forza mellor có actual, e son os mozos para os que tamén representa un grado de ruptura xeracional: os nosos pais destruíron un sistema crendo nunha alternativa mellor, nos levámoslles a contraria porque ademais a alternativa é na realidade peor. En Eslovenia, a pesar da UE e do Euro, é un fenómeno xeneralizado: certo é que vivimos mellor, pero antes había menos problemas (e máis agora coa brutal crise que están a padecer... vamos, coma vós). En Bosnia e Hercegóvina a maior parte da xente que avoga por un estado multiétnico (así que poucos croatas e serbios e unha parte algo maior dos bosníacos) pensará que todo o anterior á guerra e todo o que non sexa guerra mellora o presente... e iso implica por forza rememorar o período –que se lembre- no que mellor se vivía e no que se “ocultaba” o cancro desta sociedade: a división étnico-relixiosa. Hai porén dous casos senlleiros: Croacia e Serbia. En Croacia hai xente que negará os beneficios do socialismo, avogando polas formas máis extremas do fascismo dos anos corenta (e que tiveron o seu clímax nos 90 como acción e como reacción a Serbia), e hai quen louvará o socialismo, culpando do seu fracaso ao fascismo serbio (e nalgúns casos tamén ao croata). Ademais, estas divisións son case rexionais. Non é o mesmo Istria ca Dubrovnik (por falar de extremos e non só xeográficos). En Serbia a cousa e moito máis complicada: por unha parte, as minorías non serbias e unha minoría moi culta de serbios avogará polo socialismo titista (lembrade a ligazón do artigo anterior). Por outra, hai un fascismo mascarado cun verniz socialista a la Milóxevich, que considerará que o socialismo de Tito prexudicaba aos intereses de Serbia, alicerce de Iugoslavia. E pola outra, hai unha parte mediaticamente importante e ben considerada que ten a Iugoslavia como unha grande Serbia na que os serbios foron vítimas sempre (facéndolle así ás beiras a unha das visións en Croacia). Para min, a proba irrefutábel de que non é o mesmo Cuéntame cómo pasó e a jugosnostalija é que a inmensa maioría da sociedade non celebra, como celebran aquí, festividades doutro tempo do xeito no que se celebraban noutro tempo... aínda que, quizais, ir a manifestacións por cuestións que pensabamos obtidas e ademais ter que correr diante da policía si sexa precisamente iso.

Sexa como for, imos todos de churrascada o primeiro de Maio. Eu tamén, teño de novo visita e alá vou a Jablanica, a comer o mellor año ao espeto do mundo. E é que ás veces non hai nada mellor para a festa do traballo que facer que outros traballen para ti (soa a fascismo, que é de onde vén e onde segue a estar a nosa sociedade, xa o dixen). O mundo é inxusto e, infelizmente, non hai que ir moi lonxe para nos decatar. Segundo din por aquí, o peor que te pode pasar e telo todo e de súpeto non ter nada, como lles pasou aos máis nos anos 90. Igual non nos viría mal, con tanto recorte orzamentario, darnos de conta de que é posíbel pasar do ceo ao inferno nun par de anos. Ogallá non vos aconteza, pero eu estou rodeado dun exemplo constante de que iso, a case todos, xa lles aconteceu.