1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Estereoflipando

Entre as cousas que máis admiro de Saraievo (probabelmente a que máis, por trivial que for) é o sentido do humor que os bosnios en xeral pero os saraievitas en particular teñen. Tirando de estereotipos –que penso explotar hoxe ate estremos criminais- os saraievitas non son graciosos como os andaluces –infelizmente- así estereotipados pola sociedade española máis chusca, senón que teñen sentido do humor que é unha sorte de navalla que podes abrir ou pechar... pero que ten dobre gume. Córtaste ao abrila e córtaste ao pechala e cando está aberta, corta. Ter sentido do humor, na miña persoal percepción, é afiar a punta da desgraza para chuzarte, no mellor dos casos, e tentar mudar así a perspectiva ao explotar o máis fondo da dor.

Esta fin de semana pasada tiven a sorte de ter –cousa rara por estas latitudes- unha convidada: xa sabedes, o tipíco colega/amigo/coñecido que cando estas vivindo de estudante en Compostela vénte “visitar” de fin de semana. Pois así foi como dez anos despois estaba en Saraievo nese plan, xa que unha colega da Universidade de Vigo, eslovena, baixou de Luxemburgo até Bosnia... a onde non viña dende que Bosnia é independente e Iugoslavia non existe. Isto dito así, soa raro, pero seguro que máis de un non se decata que hai 25 anos aínda existía Iugoslavia, a URSS, a RDA e Hungría era una República Popular. Pois alá fomos, como é debido, de visita a Mostar unha eslovena, dous cataláns -Marc e Vanessa- e un galego.

Trazando paralelos, os eslovenos teñen na (ex) Iugoslavia -estado que realmente existe aínda no maxín colectivo- a fama que os cataláns teñen no estado español –estado que tamén existe agás no maxín colectivo- son agarrados até máis non poder. Así que o venres o que fixen foi tirar cartos a esgalla do caixeiro porque con ese plan –repito, dous cataláns que van á sinagoga e unha eslovena- vía complicado que me convidasen a un copo de auga de billa nas vindeiras 72 horas. A desgraza do galego.

En realidade as cousas son sempre diferentes e é moi difícil saber o por que dos estereotipos: é posíbel que nos estereotipos vexamos sempre o que somos ou non somos, reflectidos noutros? Facer paralelos entre Iugoslavia e España era en tempos –parece que xa pasou a moda até que volva- o pasatempo preferido da dereita españolista: “España se balcaniza” non é precisamente un eslogan para o aumento do consumo de iogures e demais produtos lácteos na península ibérica senón o xeito de dicir que por culpa “dos outros” o estado ía para o carallo. Vai indo para o carallo igual, e “os outros” tamén, economicamente falando. Pois facendo paralelos, a semellanza que eu vexo entre cataláns e eslovenos é que tanto Eslovenia como Catalunya sempre estiveron uns chanzos por diante (economicamente) do resto do estado e o que fodía –e aínda fode- nos centros de poder (chámense Belgrado, Zagreb ou Madrid) sempre foi que xeograficamente (e historicamente) estiveron máis preto do inimigo que se devecía ser; no caso de Eslovenia, estaban á porta e influenciados polo Imperio que foi Austria Hungría e que Belgrado sempre quixo ser; hoxe en día Eslovenia é membro da UE, algo que en Zagreb proe e serve de escusa perante a incapacidade de ser parte dese clube “non balcánico” do que historicamente os croatas sempre se viron inxustamente fóra; ou Catalunya, preto e influenciada a primeira de todo o bo que vén dun estado, Francia, modelo ademais de centralismo que Madrid devece por ser dende que os Borbóns levan coroa... Digo isto sisudamente e con toda a seriedade que podo ter mentres sigo abraiado porque non paguei nin unha cea nin xantar na pasada fin de semana.

Os estereotipos da ex Iugoslavia son, en orde xeográfica os seguintes: os eslovenos son agarrados, os croatas arrogantes, os serbios violentos, os bosnios son parvos, os montenegrinos lacazáns e os macedonios... os macedonios son macedonios. Entendo os motivos que hai detrás de cada un destes estereotipo agás o dos serbios que, no meu parecer, está modelado –moito- polo “admirábel” Kusturica e a moda que seu Underground provocou –a miña obsesión, como vedes. Hai uns anos, falando cun colega da minoría húngara da Voivódina, dicía que o problema que el adoitaba ter na súa aldea cos serbios era que en canto se puña o interese colectivo (dos serbios) enriba da mesa, era imposíbel entrar en razón cos eles. Estou a falar de estereotipos –e hai que coller todo con ollo- pero penso que o meu colega húngaro fixo a definición mallada. Agora estou na procura do termo.

Os bosnios, pola outra banda, adoitan ser vistos con xente sen excesivas luces e non moi dados a non discernir alén do máis elemental. Penso que igual ten máis que ver polo feito de que se na túa aldea hai dúas ou tres relixións máis alén da túa e que nos últimos douscentos anos, de xeito máis ou menos violento, unha delas se impuxo sobre a demais (Imperio Otomano, ocupación austrohúngara, anexión a Austria, I Guerra Mundial, Reino de Iugoslavia, II Guerra Mundial, fascismo croata, socialismo iugoslavo, Guerra de Bosnia, ocupación da comunidade internacional...) o mellor é non se pasar de listo e adicarse a tarefa fundamental de calquera ser humano medianamente intelixente: sobrevivir.

E o humor probabelmente sexa a mellor ferramenta para a supervivencia en calquera circunstancia, pero máis en estados xerais de excepción permanente e mudante por iso non me abraiou nada que, co gallo do 20 aniversario do comezo do cerco de Saraievo, aparecesen varias antoloxías dos chistes e anécdotas máis cumpridos nese período que levaba xa anos oíndo. Advírtoo: seica para moitos, o que agora segue, pode parecer un compendio do humor negro máis ruín, a falta de gusto e a carencia máis absoluta de principios éticos e morais máis elementais pero como ben me deixou claro Vanessa, aportándome un argumento para min de moito peso (observade a derradeira parrafada do grande S. Ž. a partir do 8.15 neste video), o humor é –entre outras cousas- o alicerce de moitas virtudes e sen dúbida o que máis admiro (e polo que máis admiro) os saraievitas. Eis o tres chistes sobre a guerra e as consecuencias do conflito que máis me fan rir:

No medio do bulevar dos francotiradores [nome que recibía durante o cerco a avenida principal, escuso explicar por que] un bosnio chantou un bambán e púxose a brincar nel. Dende a beirarrúa e a cuberto, un amigo berraba “que carallo fas aí no medio a brincar no bambán!?!?” e o do bambán contesta, con calma, “tocarlles os collóns aos francotiradores”.

Un bosníaco chega da fronte e cóntalle a súa muller que en todas as vilas nas que estivo, os croatas/serbios queimaron as mesquitas. A muller, con calma, di: “non te preocupes, oh, xa lles queimaremos nós a súa en Zagreb/Belgrado” [En Zagreb e en Belgrado teñen só cadansúa mesquita e a inmensa maioría dos habitantes son cristiáns].

Huso [nome estereotípico musulmán] ten un fillo, chamado Omar. Cando Omar ten 6 anos, morre atropelado por un taxi. Ten outro fillo e chámao Alija e cando Alija ten 4 anos, morre atropelado por un tranvía. Ten un terceiro fillo, ao que chama Hajdur que cando ten 5 anos morre atropelado por un tranvía. Así que cando ten o cuarto fillo chámao Marko [escuso explicar que este é un nome cristián, a diferenza dos demais, todos musulmáns] e preséntanselle na casa os familiares e incluso o imán da mesquita. Este dille “Huso, que sorte de nome é ese?” E Huso, con calma, sen mover un músculo, fitándoo aos ollos di: “se espichan os nosos, que espichen os deles”.