1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Crónicas Balcánicas

Constantemente falan na prensa española da nova vaga da emigración, da perda da mocidade e do futuro... como se fose algo recente e inesperado. A min, como galego que levo fóra do noso país máis de dez anos, esmendréllanme os titulares. Como se fose algo novo... é como cando din “temporal de chuvia e neve en España” porque caen catro pingas en Madrid mentres en Galiza fai un sol de carallo. No fondo –entre liñas- xa somos independentes, alomenos no maxín colectivo. Cavilando nisto, deime de conta que mentres os xornalistas da vila e corte escriben panexíricos porque a xente “agora” emigra (a xente... os da subespecie humana coñecida como galeguidade xa temos algo de experiencia no tema), a galeguidade deberíamos comezar a facer unha organización da emigración a modo de campionato. A primeira división da emigración, a segunda... atendendo a criterios arroutados. Non é o mesmo ser un galego emigrado na Arxentina entre varios centos de miles de galegos ca ser o único galego (non creo que se dea o caso, sempre hai dous e polo xeral lévanse a mal) en Mongolia. Iso si que é emigración e o demais son lerias! Imaxinen o diálogo: “e logo, onde anda teu neto?” di unha avoa provocativamente a outra, “pois para por Moldavia!” di chea de fachenda. “Moldavia?... e alí hai máis galegos?” “Hai, non ía haber? Unha rapaza de Santiago e un matrimonio novo da Fosangrada... e a túa neta, por onde anda?” “Estache en... en... algo que remate en –stan pero non é Afganistán... e é a única galega!” di con fachenda. “Carallo, pois si que foi parar lonxe” comenta, sen argumento mellor, a outra interlocutora.

Poño o meu caso; Bosnia e Herzegovina: cidadáns do Estado hai 100, galegos 8. Superamos a media estatal –un fito nesa teórica clasificación!!- pero precisas de máis dunha man para nos contar –e iso afecta á miña fachenda emigrante. Pero sempre hai sorpresas cando un anda na procura da galeguidade agochada na miña veciñanza, como a que me aconteceu hai 15 días. Realmente e sendo sincero, non ando precisamente na procura da galeguidade un sábado pola noite por Saraievo, senón que era o Purim e convidoume un avogado irlandés á sinagoga. Os dous adoitamos ir a todo tipo de celebracións relixiosas (ao carecer dunha especifica, tiramos a todo) porque no fondo nos interesa a diversidade cultural de Saraievo (gran verdade) pero tamén que entre as tradicións da festa en cuestión destaca beber máis da conta... e había que o comprobar “in situ”. E que dicir senón que esta xente si que sabe: nada da festa do viño, senón a romaría da santa peneca! Xa alí, mudaron a tornas. É dicir, bebemos a esgalla e pasámolo ben... pero non foi iso polo que escribo esta miña primeira anotación.

A comunidade xudía de Saraievo (1500 individuos nun bo día) é principalmente sefardí e aínda entre os vellos é posíbel escoitar ladino. Digo escoitar porque para o entender hai que facer un uso aplicado do castelán e do galego... só cunha das dúas non se entende todo -non o digo máis alto para non lle dar ideas a conselleiros varios e galegos bilingües que introduzan o decreto do ladino- e comecei a falar cunha persoa (xa falarei máis polo vagar dela) que, ao ficar abraiado co meu apelido, -“é vostede xudeu”, dixo- foime levar canda outra. A sorpresa ía ser maiúscula cando coñecín ao meu alter ego: Abraám Dorado. O señor Dorado ten 89 anos, naceu en 1922 en Saraievo e a súa familia leva por aquí uns 500 anos, década arriba ou abaixo. Infelizmente non sabe de que parte de Sefarad foi expulsado pero sabendo algo da orixe do meu apelido creo que máis ou menos eu sei de onde. É curioso: Callón foi un apelido común -desgraciadamente até a II Guerra Mundial- e aínda hai uns Mestre (e Maestro) pola cidade. A emigración galega mosaica xa chegara aquí antes ca min... pena que non abriran un furancho!

Chuzando un pouco co Dorado decateime –pola retranca das chuzas e pola capacidade das fechas- que igual hai certas características da galeguidade que non se perden e o señor Abraám é mostra disto... ou como dixo o señor Abraám, é ao revés: os galegos igual somos máis xudeus –na nosa orixe- do que pensamos... pero díxenlle que en Galiza na actualidade somos máis da tribo dos canaanitas. No fondo, tanto os sefarditas aquí como os galegos alí somos proclives á asimilación. Os Dorado da pola oriental han morrer co señor Abraám –os seus fillos eslavizaron o apelido a Zlatanovi, nun acto de feísmo antroponímico que non está lonxe do noso feísmo arquitectónico rural- e a pola occidental de Saraievo precisa de se centrar nese eido...

Hai porén unha mensaxe positiva: a teimosía identitaria. Manter unha lingua como o ladino, en uso, durante 500 anos, de portas para adentro –saír ao limiar implicaba unha mudanza lingüística por cuestións de practicidade- polo xo ou polo arre só indica que rematar cunha lingua e unha cultura precisa de actuacións drásticas. No caso do ladino hai dous factores –en Saraievo- que fixeron tal encomenda: a guerra e a “educación”. O da guerra é obvio: na II Guerra Mundial a comunidade xudía foi case exterminada (de 25.000 a 2.500) e na Guerra de Independencia (o conflito do 92 ao 95) ir de refuxiado a España implicaba que o ladino fose substituído polo irmán rico. O da educación é o grande risco –e a grande razón política- para calquera lingua que se mantivo fóra das esferas de poder: as poucas persoas que falan ladino con fluidez (tres en Saraievo a día de hoxe) fálano porque foron criados polas avoas (nona, como din eles) que, polo xeral, non falaban bosnio ou turco ou alemán ao estar todo o día na casa e carecer de estudos. Se foran criados polos pais (que eran bilingües), a lingua empregada na escola era a lingua que pasaba a ser empregada na casa e en dúas xeracións a substitución era total. Unha lingua, sen escola, morre porque é substituída por outra “máis práctica” (nin mellor nin peor, pero con saída comercial!). Ben que o saben na Xunta e é algo que nós non deberíamos esquecer.

Díxoo ben o sr. Abraám: ao ficar sen patria mantivémola na lingua. É unha gran verdade onde for, máis aínda nun país no que, como vermos, o tema da identidade vai alén das linguas.

Imaxe: Performance durante o Purim do Teatr Zydowski, na Wikipedia