O correo da Resistencia
- Detalles
- Categoría: Bestiario do vestiario
- Publicado o Mércores, 30 Novembro -0001 00:00
- Escrito por Martiño Suárez
Xa se sabe que unha das cousas que máis cabreaba aos nazis alemáns dos seus colegas os fascistas italianos era o trato aparentemente brando que daban aos xudeus. En pleno apoxeo da Solución Final tiveron que ser enviados a Italia Adolf Eichmann e algúns dos máis altos funcionarios responsables do exterminio para poñer a funcionar a máquina de matar, porque os locais non parecían moi interesados no tema.
En toda Italia, varias organizacións traballaban para facer escapar da morte segura aos xudeus. Unha delas era a de Giorgio Nissim, un contable de Pisa que contaba cunha axuda ben peculiar para intercambiar instrucións con outros grupos antinazis, facer chegar fotografías e documentos a falsificadores de pasaportes e identificar vías de escape a través das montañas da Toscana: o piadosísimo ciclista florentino Gino Bartali, gañador xa daquela de dous Giros e un Tour de Francia, exercía de correo entre a célula e os xudeus escondidos (moitos en conventos católicos), facendo ver que entrenaba. Bartali era por entón un ídolo da Italia fascista, e a popularidade, sumada ao seu carácter, fíxolle escapar mesmo a interrogatorios da temida SD, a policía de seguridade nazi. Ultimamente sóubose que ata escondía unha familia xudía no faiado da casa.
Co final da guerra, Bartali retomou a súa carreira. Gañaría un Giro e un Tour máis, sempre en dura pugna coa súa némese, Fausto Coppi: mentres que aquel era católico, conservador, silencioso e sufridor (chamábanlle O monxe voador), este figurábaselle aos ollos dos seus seguidores explosivo, excéntrico e amante dos praceres carnais. Nos anos da dura posguerra nos que Italia estivo sempre ao borde da Guerra Civil, as dereitas eran de Bartali e as esquerdas de Coppi.
É difícil entender como beato escalador de Florencia mantivo calado durante o resto da súa vida o traballo que fixera para a resistencia contra os nazis durante a Segunda Guerra Mundial, mentres a súa fama se vía ensombrecida pola lenda, máis atractiva, do ‘comunista’ Coppi. O certo é que só a descuberta en 2003 dos diarios do activista Nissim (convenientemente aireados pola Igrexa) destaparon a historia e puxeron ao Monxe no lugar que lle corresponde.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede