A importancia dos tiros libres
- Detalles
- Categoría: A Charanga da NBA
- Publicado o Luns, 18 Xuño 2012 11:56
- Escrito por Xosé d´o Noso
Miami Heat venceu no terceiro partido das finais da NBA e xa está por diante (2-1) despois dun partido no que foi determinante o acerto do equipo de Florida dende a liña dos tiros libres. Anotaron os Heat 31 de 35 por 15 de 24 Oklahoma, o mellor equipo neste apartado durante a Liga Regular. Lebron James (29 puntos e 14 rebotes) e Dwayne Wade (25 puntos, 7 rebotes e 7 asistencias) foron os mellores do seu equipo, mentres que a estrela dos Thunder, Kevin Durant, volveu cargarse de faltas persoais demasiado cedo.
OKLAHOMA CITY THUNDER 85-91 MIAMI HEAT (2-1)
Oklahoma City Thunder foi o mellor equipo dende a liña de tiros libres durante a Liga Regular, pero esta madrugada foi precisamente a liña dos tiros libres o factor diferencial que mellor explica a vitoria de Miami Heat no terceiro partido das finais da NBA. Á hora da verdade Miami afinou a puntería e onte fixeron 31 de 35, por un pobre 15 de 24 de Oklahoma. Evidentemente hai máis aspectos que explican o que aconteceu esta madrugada no American Airlines Arena. Kevin Durant volveu verse ameazado polos problemas de faltas demasiado cedo: catro na metade do terceiro cuarto. Foi precisamenta a partir da cuarta falta de Durant que os Heat remontaron un partido que se lles complicara con até 10 puntos de desvantaxe. Lebron e Wade souberon sacarlle as cóxegas defensivas á estrela dos Thunder, que tivo que pasar máis minutos dos desexados no banco. É o que ten ocuparse demasiado tempo dun xogador como Lebron James, señorial máis unha vez con 29 puntos e 14 rebotes. Extraordinario estivo tamén Dwayne Wade (25 puntos, 7 rebotes e 7 asistencias). O de Chicago forneceu de balóns preciosos aos seus compañeiros, sobre todo a Chris Bosh, cuxa presenza nas Finais é determinante malia os seus problemas físicos. A súa achega na anotación (inda que por debaixo dos seus promedios) e no rebote, anulan a inferioridade dos de Florida na pintura. Volveu facer un dobre dobre (10 puntos e 11 rebotes) que lle deu a vida ao seu equipo. Shane Battier tamén achegou o seu (2 triples de 2 intentos máis outros tres puntiños dende os tiros libres tras recibir unha falta ao lanzar de tres. É abraiante como está a tirar o ex dos Rockets e dos Grizzlies nestes playoffs!). Demasiada esixencia, en fin, para uns Thunder loitadores coma sempre até o final pero que con Durant no banco son algo menos grandes. Harden traballou arreo e non se agochou cando llo pedía o seu equipo, achegou 6 rebotes e 6 asistencias, si, pero á hora da verdade fallou a meirande parte dos seus tiros (2 de 10). Do mesmo xeito, Russell Westbrook, ao que lle están a sentar ben mal as críticas de Magic Johnson e outros comentaristas senlleiros da televisión americana, pola súa cabeciña tola de máis ás veces, tampouco foi determinante, e Ibaka tivo un dos seus partidos máis discretos nos playoffs (5 puntos e 5 rebotes). Así que Miami refrendou con certa comodidade a vitoria do xoves en OKC que puxo o factor cancha ao seu favor. Só Sefolosha despois dunha gran acción defensiva no treito final puxo o medo no corpo da afección de Miami. Rouboulle a carteira con mestría a Dwayne Wade e anotou unha canastra espectacular para pór os seus a tres puntos a falta de dous minutos para o final. Na xogada seguinte reboteou Perkins , o mellor dos homes altos dos Thunder, un erro no tiro de Wade e Westbrook puxo o seu equipo a un. Perdo desta volta Miami soubo administrar con intelixencia a súa renda nos intres finais e aseguoru a súa importantísima vitoria. Se Miami volve facelo este xoves na súa cancha, a final comezará a inclinarse de máis cara Florida.
FOTO: rezsox



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede