Abusón!!!
- Detalles
- Categoría: A Charanga da NBA
- Publicado o Venres, 08 Xuño 2012 14:35
- Escrito por Xosé d´o Noso
45 puntos, 15 rebotes, 5 asistencias; 30 puntos no primeiro tempo do partido; 19 de 26 en tiros de campo... eses foron os números de Lebron James esta madrugada. O de Akron (Ohio) esnaquizou aos Celtics, ao que xa lles batían no papo as finais da NBA. A serie decidirase agora en Miami, pero Lebron xa demostrou que non está disposto a deixar escapar novamente a súa oportunidade de ser, por fin, campión da NBA.
MIAMI HEAT 98-79 BOSTON CELTICS (3-3)
Que dicir? Non hai palabras. A exhibición de Lebron James pasará aos anais da historia dos playoffs. Que abusón! E que baixón para os Celtics que despois da vitoria en Miami xa se relambían confiados na maxia do Garden, no espírito de Auerbach, no talento do seu big four... pero Lebron non é deste mundo, non hom. Sempre pensei que o inventaran nun laboratorio, porque teno todo para ser o xogador perfecto. Non lle sobra humildade, é certo, nin inspira simpatía... todo canto fai fóra da cancha é cuestionable, pero dentro dela é un animal. Con todo, inda lle falta algo por demostrar: a súa capacidade de liderar un equipo campión. Con Cleveland estivo a piques, e aquilo tiña moito mérito pois poucas franquías hai na NBA tan cativas como a de Ohio. En cambio, en Miami non pode demoralo moito máis, cando Pat Riley argallouno todo para encherlle de aneis os dedos das dúas mans. A súa tempada está a ser formidable, digna dun MVP, pero o último partido en Miami puxo o seu equipo contra as cordas e inda que sería inxusto dirixir contra el o dedo acusador xa moitos vían que a Lebron acaíalle aquela canción da Roda sobre o Celta (sempre andas dicindo para o ano que vén). Por iso o de hoxe cala moitas bocas (como o ribeiro ese que anuncia Gayoso). Anotou cando e como quixo, empequeneceu como nunca antes a Paul Pierce, e bateu marcas históricas (nunca alguén anotara en playoffs 30 puntos nun só tempo e o seu 45 puntos, 15 rebotes e 5 asistencias de hoxe só chegara a rexistralo Wilt Chamberlain). Pódese dicir xa que logo que Lebron gañou o partido só, porque é verdade. Pretender paralo cando anda desbocado é como querer tapar o sol cunha peneira, Tanto tiña que tirase debaixo da canastra, a tres, a cinco, a sete metros... meteuno practicamente todo (19 de 26 en tiros de campo... que diferencia co pobre 4 de 18 de Paul Pierce). É que despois do de hoxe pódese permitir un novo tropezo na súa cancha no sétimo partido? En fin... onte poñiamos polas nubes a Durant, hoxe rendémonos de admiración ante Lebron. A perspectiva dunha final entre Miami e Oklahoma parece oe mellor broche para unha tempada na que dous xogadores, por riba de todos os demais, brillaron con luz propia.
FOTO: Keith Allison



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede