Outro tornado arrasa Oklahoma
- Detalles
- Categoría: A Charanga da NBA
- Publicado o Mércores, 30 May 2012 11:38
- Escrito por Xosé d´o Noso
San Antonio Spurs volveu vencer a Oklahoma City Thunder no segundo partido da final do Oeste. Neste con maior autoridade que no primeiro. O base francés Tony Parker foi imparable con 34 puntos. Nos Thunder toda a produción ofensiva reduciuse á achega do seu big three (88 puntos), pero os secundarios de San Antonio marcaron a diferencia entre os dous equipos.
OKLAHOMA CITY THUNDER 111-120 SAN ANTONIO SPURS (0-2)
En Oklahoma, no centro xeográfico e posiblemente cultural, dos Estados Unidos, deben estar máis que afeitos aos tornados, ese peculiar fenónomeno atmosférico que chega e arrasa con todo, non en balde Oklahoma é o paraíso dos cazadores de tornados. Parece por iso mesmo extraño que cando montaron a franquía non tivesen optado por tal nome. A única explicación que me acorda é que os tornados, alén de árbores ou tellados tamén levan por veces unha chea de vidas humanas e non é bo mentar a soga na casa do aforcado. Thunder (lóstrego) non está mal, trátase doutro fenómeno senlleiro, inda que se cadra ligthning, raio, faríalle máis xustiza ao xogo rápido, eléctrico e vibrante do equipo de Scott Brooks. O caso é que os Thunder de Oklahoma poden estar moi afeitos aos tornados atmosféricos, pero estáselles a atragoar o tornado baloncestistico de San Antonio Spurs. Se o domingo foron capaces de plantarlles cara até ao final, malia sucumbiren ao talento de Ginóbili e compañía, hoxe non houbo que lle facer. San Antonio dominou o partido cunha autoridade de equipo campión, de equipo que vai camiño de facer historia coa súa xeira de 20 vitorias consecutivas, 10 delas no playoff. Desta volta Ginóbili estivo xenial, coma sempre, do mesmo xeito que Duncan que fixo esta barbaridade de mate nos fuciños de Serge Ibaka. Pero a palma ao mellor do partido tócalle a Tony Parker quen, do mesmo xeito que Durant, ten a capacidade de anotar cunha facilidade obscenamente pasmosa. Non necesita máis que aproveitar un bo bloqueo de Duncan ou de quen toque, poñerse ás súas costas e ben argallar o pick&roll ou cravarse para o seu infalible tiriño de catro metros. Así, como quen non quere a cousa, hoxe fixo 34 puntos cunha efectividade abraiante de 16 de 21 en tiros de campo. E o problema para Oklahoma non é Parker, nin Ginóbili, senón que son todos demasiado bos. Green, Bonner, Neal, Jackson, aparecen no momento acaído sós para cravar un triple deses que fan moito dano. Splitter segue ofrecendo minutos de descanso valiosísimos a Duncan e Boris Diaw leccións de talento e visión de xogo nos minutos que está na pista. Mención aparte merece máis unha vez o rookie Kawhi Leonard, a gran creación da tempada do alquimista Popovich. É o terceiro xogador do equipo que máis minutos está na pista (só por detrás de Parker e Duncan), e como os rentabiliza en ataque e en defensa! Esta madrugada volveuse marcar un dobre-dobre (18 puntos e 10 rebotes), cun 3 de 6 en triples, case sempre dende o lateral, onde non lle treme nunca a man, inda que veña de fallar o tiro inmediatamente anterior. Os Spurs son iso, ante todo un equipazo, e os Thunder tamén, non hai dúbida, pero hoxe o seu big three: Duncan, Harden, Westbrook (que sumaron entre os tres 88 dos puntos do seu equipo), estivo demasiado só. Desta vez Derek Fisher volveu fallar máis tiros dos que anotou; Ibaka e Perkins faxáronse pero non puideron cos interiores de San Antonio; e do resto... apenas houbo noticias, nin sequera de Sefolosha, inmenso no primeiro partido. Imaxinen até que punto debeu chegar a desesperación de Scott Brooks, que no terceiro cuarto, cando os Spurs xa escaparan de 20 no marcador, decidiu comer o seu orgullo e facer o que algunha vez dixo que non había de facer nunca: ir facer faltas sen balón ao peor tirador do equipo contrario (unha mesquiña (ou 'nasty') invención de Popovich), neste caso Splitter, para intentar rabuñar como for a desvantaxe no electrónico. Splitter é un lamentable tirador de tiros libres pero a xogada tampouco lle valeu de nada a Brooks. O único positivo para os Thunder, antes de procurar o agarimo dos seus en OKC, é que o equipo reaxiu con orgullo no último cuarto, que non se rendeu malia a superioridade do rival, e por momentos mesmo conseguiu frear o talento ofensivo do rival, pero... polo momento, está claro que os Thunder non poden co Tornado.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede