Os Sixers nunca agachan a cabeza
- Detalles
- Categoría: A Charanga da NBA
- Publicado o Xoves, 24 May 2012 12:34
- Escrito por Xosé d´o Noso
Os Philadelphia 76ers gañaron con brillantez o sexto partido das semifinais da Conferencia Leste ante Boston Celtics. A baixa de Avery Bradley, especialista defensivo do xogo exterior de Boston, foi fundamental, pois permitiulles aos homes baixos dos Sixers anotar con moita facilidade na pintura. Jrue Holiday foi o máximo anotador de Philadelphia con 20 puntos, mentres que Paul Pierce fixo 24 para os de Massachusetts.
BOSTON CELTICS 75-82 PHILADELPHIA 76ers (3-3)
Os Sixers nunca agachan a cabeza. É a súa principal virtude. Xa van cinco partidos que perden nos playoffs e que son capaces de gañar ao seguinte. Para iso, as máis das veces, teñen que facer partidos feos, chamémolos así, para a maior parte dos afeccionados, pero deliciosos para Doug Collins e para a torcida de Philly. A andaina de Philadelphia nos playoffs está a ser un fermoso exercicio de funambulismo. O mínimo erro págase coa derrota, por iso hai que explotar ao máximo as virtudes e furar sen piedade nos defectos do contrario. E o que é a vida. Se na derrota dos Sixers no quinto partido foi protagonista un actor secundario como Brandon Bass, na vitoria desta madrugada foi fundamental a ausencia doutro secundario, Avery Bradley, o especialista do xogo exterior de Boston que é baixa por unha lesión no ombreiro. Entrou no seu lugar no quinteto titular Ray Allen e Evan Turner, procurando sempre a penetración na pintura, cebouse nos seus problemas defensivos. Carregouse axiña de faltas o mellor tirador da historia (que mágoa velo tan baixo de forma nestes playoffs) e os Sixers atoparon aí o filón, no xogo interior dos seus homes exteriores: Holiday (20 puntos), Turner (12) Lou Williams (11)... En total os Sixers metéronlle un 42-16 aos Celtics en puntos na pintura (todo sexa dito, os mellores os dous puntos de Iguodala tras cravar este mate descomunal nos fuciños de Paul Pierce), e os de Doc Rivers, pola contra, non atopaban o xeito de anotar con facilidade. Turner, un portento, non lle permite a Rondo as alegrías da serie contra Atlanta e Garnett ten que afastarse demasiado da canastra para anotar (senlleiros máis unha vez Lavoy Allen e Elton Brand, cuxa achega está a ser decisiva nos últimos partidos). Ao final, a porcentaxe de acerto dos de Massachusetts quedou nun exiguo 33,3% (un dos máis baixos na historia da franquía nos playoffs). O máximo anotador de Philadelphia foi Jrue Holiday, sempre xogando a unha velocidade diferente do resto, con 20 puntos; Brand sumou 12; Turner completou unha boa folla de servizos (12 puntos, 9 rebotes e catro asistencias; e Iguodala fixo outros 12 puntos, que poderían ser moitos máis se estivese máis acertado no tiro. Non se lle pode negar en todo caso ao aleiro de Springield que non tome a responsabilidade nos momentos decisivos. Despois dun pésimo 0 de 6 en triples, cravouna a menos de minuto e medio para o final e despois dun lamentable 1 de 5 en tiros libres, anotou os dous que tivo no último minuto (do mesmo xeito que dous tiros libres seus certificaron a eliminación dos Bulls). Os Sixers, e tamén os Celtics por suposto, están a un paso da Final de Conferencia, se cadra por iso Philadelphia quixo apelar á nostalxia e concedeulle a Allen Iverson a honra de recibir unha calorosa homenaxe no prepartido. Non se parecen en nada estes Sixers a aqueles de 2001 que con Iverson á fronte chegaron ás finais da NBA (no equipo actual parece que está penado que un xogador pase dos vinte puntos, o que prima é o equipo...), pero a ilusión non llela vai quitar ninguén á afección e aos novos xogadores dos Sixers, que contan coa vantaxe de non ter nada que perder no sétimo partido, pois o conseguido até agora xa supera as previsións máis optimistas dos donos da franquía. Os Celtics, pola contra, están máis que curtidos niso de xogar ao límite, inda que Doc Rivers terá que procurar unha alternativa á relevante baixa de Avery Bradley. O sétimo partido preséntase francamente apaixonante.
ESTA MADRUGADA SEXTO PARTIDO ENTRE MIAMI E INDIANA
Hoxe xógase o sétimo partido entre Miami Heat e Indiana Pacers. Os de Florida terán dúas baixas por sanción. A NBA decidiu castigar cun partido a Udonis Haslem pola súa violenta falta flagrante sobre Tyler Hansbrough no quinto partido, e con tres a Dexter Pittman por este violento cobadazo ao rookie Lance Stephenson.
FOTO: Keith Allison



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede