Chico Buarque actuará en Portugal en setembro
- Detalles
- Categoría: Sons
- Publicado o Martes, 03 Abril 2012 11:16
- Escrito por CGM
O artista brasileiro Chico Buarque voltará a Portugal en setembro deste ano para presentar o seu espectáculo 'Chico', co que na actualidade anda de xira por Brasil. Facía seis anos que o mito da canción brasileira non visitaba o país veciño. Daquela presentou o espectáculo 'Carioca' e satisfacía unha espera aínda máis longa dos seus admiradores galegos e portugueses: 13 anos. O anuncio foi feito pola asesoría de prensa do artista e aínda non se saben o lugar e a data exacta dos concertos.O único seguro é que serán en setembro, aínda que todo apunta a que terán lugar, como fai seis anos, no Coliseu de Porto e no Coliseu dos Recreios de Lisboa. As cancións das que se compón o actual espectáculo son as seguintes: O Velho Francisco/ De Volta ao Samba/Desalento/ Injuriado/ Querido Diário/ Rubato/ Choro Bandido/ Essa Pequena/ Tipo um Baiao/ Se eu soubesse/ Sem Você 2/ Bastidores/ Todo o Sentimento/ O Meu Amor/ Teresinha/ Ana de Amsterdam/ Anos Dourados/ Sob Medida/ Nina/ Valsa Brasileira/ Geni e o Zepelim/ Sou Eu/ Tereza da Praia/ A Violeira/ Baioque/ Cálice/ Sinhá. Chico Buarque demora nos últimos anos cada vez máis a aparición de novos discos mentres que está centrado nunha notable carreira literaria, polo que non habería que descartar que a de setembro sexa a última posibilidade de ver ao vivo, a este lado do Atlántico, a un dos grandes artistas brasileiros do século XX.
A quen tamén poderemos ver en Portugal, en datas máis cercanas, será á cantante brasileira Maria Bethânia, que actuará o próximo 10 de maio no Coliseu do Porto e o 12 de maio no Coliseu dos Recreios de Lisboa. A artista baiana fará, alén dos concertos, lecturas poéticas en Viana do Castelo o 6 de maio e en Figueira da Foz o 8 do mesmo mes.
Outro artista brasileiro emblemático, Gabriel o Pensador, forma parte da programación do Sumol Summer Fest que se celebrará o 28 e 29 de xuño en Ericeira (vila costeira a oito quilómetros de Mafra).
FOTO: Fernanda Steffen



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede