1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

O concerto do Bregović

Camiñaba hai uns días pola Ferhadija –a rúa peonal “central” de Saraievo- enfiando o casco vello cando vin dous individuos saídos do Tardis –procurei ao doutor Who pero non o dei atopado- recén chegados dos anos da desintegración da ex Iugoslavia. Unha sorte de postkomunisti ni Dolce e Gabana de fin de semana: cabelo engomado, reloxo e cadea de ouro, engado de discreción ao chandal branco nuclear, e tenis Nike que fan que até un daltónico coma min distinga as cores. Non eran un anuncio de deterxente, estaban a facer negocios: “entradas para o concerto do Brega” dicía polo baixo un deles nun sotaque irremediabelmente saraievita mentres o outro, con lentes de pastilleiro que realmente eran de visión raios X, fitaba cara ao alén. Emprendedores!

Quedara para tomar un café co Marc, o catalán do gremio da tradución que tamén anda por aquí. Xa falarei del, cada cousa ao seu tempo. Comenteillo e dixo “xente de fiar” –e vindo dun catalán implica que son máis fiábeis cás previsións de Standard & Poors- “merqueilles as entradas para o concerto do Brega” –ti tamén, ou Marc! pensei- “e os ghichos tiñan dúas bolsas plásticas. Na do Konzum as entradas do Brega, na do Mercator as da Paldun.” Vese que están metidos no (sub)mundo do espectáculo, coñecen os mellores sistemas anti-roubo (quen lle bota man a unha bolsa do Froiz local!) e que o Marc sabe facer negocios. Eu preto deles botaba man á carteira... así nos vai aos galegos e así lles vai aos cataláns; e demos en falar do evento social, cultural e político (no que vai de ano) en Saraievo. O concerto, 20 anos despois, do Brega na súa cidade natal... parábola bíblica un domingo pola mañá!

Brega é o xeito polo que coñecen os saraievitas –que adoitan falar de todo quisque como se fose o veciño ou o amigo dun amigo- a Goran Bregović, músico e compositor abondo coñecido na Galiza e que non precisa presentación. Ex-líder dun grupo “de culto na ex Iugoslavia” chamado Bijelo Dugme, fíxose popular no resto de Europa polas bandas sonoras de varios filmes de outro saraievita “de culto oriental ortodoxo”, Emir Kusturica. E o Marc foi ao concerto e o que escribe non. E iso precisa dunha explicación convincente, alén da miña negativa de lle comprar entradas aos curmáns de Pedrag Mijatović a plena luz do día.

Teño –recoñézoo- toda a discografía de Bregović en solitario e case toda de Bijelo Dugme e moi rara vez póñome a escoitala. Certo é tamén que dende que me mudei á ex-Iugoslavia –vai xa para 8 anos- aumentou o meu coñecemento do compositor e do grupo, e certo é que lle fun a dous concertos: un en Castrelos –precisamente cun colega nado en Bosnia- hai uns moitos anos e a outro en Belgrado no 2005, cando actuou con Bijelo Dugme. E síntoo, non lle vou a máis. Non é pola calidade musical nin polo directo que ten o tipo –non sei de música abondo para facer este comentario tan acaido un sábado pola noite despois dun concerto e con varios licores cafés no corpo- senón a animadversión persoal ao persoeiro. Bregović ten fama de lle gustar plaxiar –algo do que acusan a unha manchea de músicos locais- pero eu non dubido da súa capacidade musical, senón, como dixen, da imaxe de persoa que é aquí e a que vende no estranxeiro. Sempre me fascinou a capacidade dalgúns de vender un conto como se fose unha exclusiva. Ben que é difícil atopar algunha referencia bibliográfica nos medios na que non se especifique que é fillo dun croata e dunha serbia e que está casado cunha musulmá... como se fose algo extraordinario e non o normal (daquela). Por certo, o de casado entra en contradición coa prensa do corazón local... pero esta pretende ser unha columna seria, síntovolo!

Bregović sempre fala –ou falan canda el- dun mito que –escoitando a xente de toda condición- hai que comezar a matizar, iso de que antes da guerra non sabían que era quen e quen era un mesmo, como se no fondo todos fosen iugoslavos e un día pola mañá tocáralles ser dos tigres ou dos leóns por mandato dos Torrebrunos (que Deus o teña na gloria!!) democraticamente escollidos. Comentábao o Marc, que no censo do 91 en Saraievo “só” o 13% se declaraba iugoeslavo; o resto, xa se sabe, Musulmáns (con M maiúsculo), serbios, croatas… Xa que logo ben sabían quen ou que eran en moitos dos casos (non en todos) pero aquí a dúbida –penso eu- está entre o verbo “ser” e o verbo “parecer”. A xente, en tempos, celebraba todo: que se Nadal dúas veces, que se Bajram, o primeiro de maio co año ao espeto... pero unha cousa era ser e outra parecer, poucas persoas publicamente dirían que son “oiga ustded, católicos de misa y comunión a diario”. Seica os había, iso é certo, pero non era o máis común... por moito que agora estea de moda dicir que daquela non había liberdade de culto. Aí está a cuestión, non había liberdade de culto ou liberdade de parecer político-discriminatorio intimamente vinculado á relixión? Cando comezou a que se montou a xente seguía a saber o que fora e o que era, pero a dúbida estaba entre se “ser” o que for implicaba “parecer” polos comentarios, e sobre todo polas accións, o que se fose (finamente dito, eu antes era o que son e non me molestaba que o meu veciño non o fose… e agora?!). Mentres houber un “ente superior” –non deus senón un estado e unhas institucións teoricamente aconfesionais e doutra ideoloxía non discriminatoria- seica este os protexería xa que todos pertencían ao colectivo por igual. Por iso a escolla foi política ou ideolóxica, non necesariamente étnica, cando ficou claro que ese “ente” (representado, tal vez, pola estrela vermella e por Tito) desapareceu. Bregović –de matrimonio mixto- marchou a París. Elvis J. Kurtović –excelente alcume do músico serbobosnio Marko Srdić- ficou en Saraievo. Emir (agora baptizado Nemanja) Kusturica –de pais musulmáns- marchou a Belgrado. Non é ser isto e parecer aquilo senón ser o que se é e parecer o que se cre. Non me amola que Bregović se apropie de cancións alleas pero que se apropie da normalidade como algo excepcional... non ten como intención facer que o excepcional (neste caso negativamente) sexa normal? É moral ese uso da vítima por ser “normal”, é dicir, unha vítima do “universo balcánico” tal e como se nos dá a entender a “normalidade” de aquí? E na creación da estética dese universo tal como se coñece “en occidente” el ten parte de culpa, como tamén a ten o seu ex-amigo.

Kusturica é tema de conversa bastante frecuente en Saraievo e dá para un compendio de libros, non tema dunha columna. Unha sorte de parábola do fillo pródigo convertido en enfant terrible, que xa editou –o pasado ano— a súa autobiografía, xusto cando se reuníu -19 anos despois- co seu guionista antes de 1992 (é dicir, antes de... Underground) Abdullah Sidran e houbo un ruxe-ruxe sobre se os dous volverían traballar xuntos. Non lle viría mal – e deixo a crítica de cine para os que saben pero... ao compararmos Maradona con Papá en Viaxe de Negocios non hai que tirar conclusións. De Kusturica hai algo curioso, foi deixar de traballar con Bregović e introducir esa serie de formas estéticas, estereotípicas dos “seus” Balcáns imaxinarios, con esa música que Brega popularizou, moi afastados da realidade. É imaxinativo, ben que o é, pero é xusta esa imaxinación? Non é un produto de mercadotecnia feito á medida occidental? Non son neutral –xa se ve- porque lle teño un aquel moi especial a este meu outro país e estes dous sónchemevos á musica tradicional local o que o Luar á galega, aos meus veciños o que Xan das Bolas ao meu avó Pepe o Xiloto.

Para outro día deixo a enigmática diferencia existente entre Kusturica visto na ex Iugoslavia –recalcitrantemente conservador, aparatchnik do antigo sistema na estética que non na ética xa que é un exitoso home de negocios ao máis puro estilo neoliberal- e en “occidente”: o rebelde, alternativo, altermundista, creativo... Unha cousa é certa: Brega –e Kusturica- non son profetas na súa terra... pero si na do exilio, sexa esta Serbia ou Francia. No caso do que foi músico e só músico de sempre é curioso que non sexa popular por estas terras, seica o que nós na Galiza consideramos música balcánica non é tal atendendo a súa popularidade aquí. Semellante ao que lle pasa ao “pulpo a la gallega” que non se chama así nas feiras do país.

Seica moitos dos que len esta columna estarán botando pestes polo pór a pan pedir nesta columna. Como chiscadela, comento o que pasou, porque como dixen, o Marc foi ao concerto. Disque o Brega falou do seu novo proxecto en cooperación cos Gipsy Kings e tivo moitas expresións en castelán, que os músicos cos que toca son do máximo nivel, sobre todo os instrumentos de aire (e o Marc sabe do tema) e sobre todo que pasou unha cousa curiosa. Houbo convidado sorpresa, outro grande saraievita da música en toda a ex Iugoslavia e rematou o concerto co seu grande éxito internacional (eu pensei que non a tocaría) pero con explicación previa de que era unha canción “satírica”. Malo é cando tes que explicar a retranca aos teus…

Pois iso, o Brega actuou, houbo quen foi, houbo quen non foi... pero en xeral non lle pareceu mal a case ninguén agás pola pésima estética dos carteis que anunciaban a actuación: a cara do compositor e unha fotografía do seu DNI bosnio; fíxenlle saber ao Marc –de mañanciña- que se semellaba á campaña electoral do PP de Fraga en Galiza 89: “galego coma ti”.