1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Blues Explosion, a suar a camisola

 Fían temas, mallan entradas, sóbranse en breves florituras sorpresa entre canción e canción; dominados cambios rítmicos de tres pesos pesados que exhiben engranaxe de local de ensaio. Impresiona da Jon Spencer Blues Explosion esa traballada mestría para enlazar repertorio sen fisuras, sen pausas, armada con seguridade a golpe de reunirse e dun longo coñecemento mutuo. Brutal, elegante, e algo aséptica, na Sala Capitol compostelana e a un volume que doía nos tímpanos, a banda neoyorquina amosou que continúa a ser unha das mellores nos directos, con vellos temas lustrosos como Bellbottoms, e ese redundante son que outorga a ausencia de baixista e un dobre de guitarras.

SENSE OF HUMOR

“O segredo para seguirmos xuntos é o respeito e o sentido do humor”, linlle algo semellante nalgunha ocasión ao vocalista da Blues Explosion. E hai un famoso videoclip para Talk About the Blues do disco Acme (1998) que dá esa idea. Nel Winona Ryder é Jon Spencer, Giovanni Ribisi fai do guitarrista Judah Bauer e John C. Reilly ponse na batería de Russell Simins mentres a verdadeira banda, con traxe e garavata, móntase unha curta de estafas e mafia. Pero no escenario non agroma a vea simpática, só a potencia sonora cunha limpa posta en escena do trío. E unha importante entrega do público, así, a golpe de martes.

É probábel que non haxa unha nova oportunidade para ver á JSBX en Galiza. Os discretos contoneos de Jon Spencer, os fucks e are you readys -catro das seis ou sete palabras que emiten en total-, a alma perdida de garaxe ao Pussy Galore, a súa primeira gran banda. Nacida aos pes do underground en 1991, a Blues Explosion xuntouse hai un par de anos despois de distanciarse no 2005, sen comunicado oficial nin data de regreso. Desde entón todos andan en proxectos paralelos. Spencer co dúo rockabilly Heavy Trash; o rei das baquetas, o grandísimo percutor Simins, cos Men Without Pants, xunto a Dan The Automator; e Bauer acompañando a Cat Power cos Dirty Delta Blues.

ENTREGA

Á Jon Spencer Blues Explosion agradéceselle tamén o respeito polo público, a entrega. Hai bandas de renome que suben aos escenarios galegos cun certo rictus de abotargamento, como se lles tivesen dado moito de cear e andivesen a facer a dixestión durante todo o concerto, o cal probabelmente sexa real. No ano 96 ou 97 vin aos Dictators tragar case sen mastigar un churrascazo con entrantes de tortilla e empanada media hora antes de dilatar a gorxa contra o micro da Iguana, en Vigo. A arriscada combinación resultou ben, pero non todo o mundo ten as encimas gásticas privilexiadas de Dick Manitoba. Quero crer que iso foi o que lle aconteceu a Lou Reed na súa decepcionante actuación do Monte do Gozo hai unha década. Un clásico caso de empacho para un tipo que a saber que come habitualmente. 

A nós, a JSBX deixounos bo sabor de boca. A eles, Compostela parece que tamén. Ao rematar o bolo, recuperaron líquidos na Reixa, ao calor de Andrés e de Dj Morcego. Que máis se pode pedir?