Festival Sereas e Piratas 2012: Punk, praia e psicodelia en Razo
- Detalles
- Categoría: Sons
- Publicado o Domingo, 22 Xullo 2012 16:13
- Escrito por Manel González
A praia de Razo, xoia bergantiñá, volveu ser testemuña, un ano máis, da peregrinaxe de centos de mozas e mozos de toda a xeografía galega na busca de rotundas melodías indie en medio dunha maruxía que non perdoa nin en pleno xullo. Dous días coas súas noites, acampados e non acampados, puideron gozar indistintamente de ondas e riffs nun festival que desta volta tivo que remar a contracorrente pola coincidencia en datas co máis mediático Portamérica e coas festas da Dorna ribeirás.
O venres, Lobishome, Fantasmage, Tora! Tora! Tora! e MCOM abriron esta edición 2012 do Sereas e Piratas antes de darlle paso a Joe Crepúsculo. O catalán cantoulle a Carballo Enséñame a amar e o seu teclado foi diana de ovacións. Crepus gusta en Galicia, e moito. Como tamén gusta o pontevedrés Lagartija DJ, que pechou a noite da apertura co seu technopop facendo as delicias dos centos que aínda tiñan forzas para bailar ata o amencer.
E é que aínda quedaba o día grande. Sábado de moita calor. Tocaba refrescarse na praia e recuperar enerxía nos bares dos arredores. O pavillón anexo ao escenario, no que os organizadores colocaron centos de coxíns brancos ao máis puro estilo ibicenco serviu para dar descanso e amenizar a espera ata as once da noite, hora na que os vigueses Los Árboles deron o pistolazo de saída. A voz resgada de Alexandro González deixou oco aos divertidos Pastillas Mamut, que viñeron secundados por medio Lugo e animaron o –nese momento- semidesértico aforo. Éxitos techno-garage como Me abraso ou Fiesta de mierda levantaron ao persoal mentres se enchía o campo da festa.
E chegaron Pony Bravo -que veñen de poñerlle a banda sonora á opera prima de Paco León, Carmina o revienta-. Os The Doors sevillanos. Quizais o parecido de Daniel Alonso, vocalista e organista, co finado Jim Morrison sexa soamente pura coincidencia. Non así o seu rock psicodélico e a súa lírica expresionista. Calidade era a palabra que se murmuraba entre os asistentes. E é que todo aquel que aínda non os coñecera de seguro aproveitará este domingo de resaca para darlle unha escoita –ou vinte- a xoias como Si bajo de espaldas no me da miedo –o seu primeiro traballo, de 2008- e Un gramo de fe (2010), o seu último disco. Precisamente este integra Super-Broker, o tema que lle dedican concerto tras concerto a Teddy Bautista e que onte fixeron extensivo a Rodrigo Rato. E é que algunhas das súas letras conteñen ácidas e irónicas críticas ao sistema e mais ao mundiño da música, tal é o caso de Mi DNI, rapeada polo versátil baixo e guitarra Pablo Peña. Non faltaron símbolos do grupo como Trinchera, El Rayo, Noche de Setas ou a súa particular versión da Niña de Fuego de Manolo Caracol: Ninja de fuego.
Colleron a testemuña os coruñeses Triángulo de Amor Bizarro e o público xa fervía brincando co delicioso contraste entre a doce voz de Isabel Cea e os acordes post-punk das guitarras do grupo que lidera. De la monarquía a la criptocracia, Amigos del género humano ou El himno de la bala foron algúns das exitosas letanías coreadas pola entregadísima concorrencia. DJ Yo + Yo (Igloo) puxeron o punto e final a esta edición do Sereas e Piratas que confía en seguir levando á costa bergantiñá o top do indie estatal o ano que vén. E o Dioivo que estea alí para velo.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede