1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Roi Casal presenta 'Vai alborexar', o single do seu terceiro disco en solitario

 "Son tempos complexos, nos que escoitamos falar dunha xeración perdida, mais non podemos perder a esperanza sen traballar no que cremos”. Este é o resumo que fai Roi Casal de Vai alborexar, o single adianto do seu terceiro traballo en solitario, tras o éxito do seu primeiro disco Lendas douradas, un dos discos máis vendidos en Galicia en 2009 e Maxicamente vello, cunha xira de máis de 40 concertos en Galicia e España.

Estilo persoal e recoñecible

Vai alborexar é unha canción composta por Roi Casal, tanto a súa música como a súa letra, e será o primeiro single do seu novo traballo. Nela, Roi lanza a mensaxe contundente de que “non se pode falar dunha xeración perdida, somos moitos os mozos e cidadáns que loitamos polo que cremos, co noso traballo e conviccións. Parece que unha ola de desprestixio quere facer ver que non somos capaces nin estamos preparados para tomar a iniciativa. En definitiva, é un tema que fala sen complexos do dereito a poder desenvolver a vida de cada persoa dun xeito digno no seu país”.

Vai alborexar pódese escoitar no seguinte enlace: http://soundcloud.com/roicasal/vai-alborexar-adianto-terceiro/s-v82HD

Neste novo traballo, Roi Casal conta co seu grupo habitual, no que Silvia Ferre pon a voz e no que se aprecia o estilo persoal e recoñecible de Roi, cun emprego de instrumentos moi diferentes, creando unha especial sonoridade, con matices da música tradicional e o poprock. Nestes momentos Roi e a súa banda están rematando algúns dos aspectos máis importantes do disco, “aínda estamos traballando nel, de feito temos dúbidas co número de cancións que o compoñen e non temos claro o nome definitivo, aínda que Vai alborexar poderá dar título ao disco enteiro”, apunta.

Sobre Roi Casal

Nacido en 1980, Roi Casal é un músico, compositor e cantante galego de gran virtuosismo, xa que desde os 14 anos toca a arpa céltica, a zanfona, o piano e o bouzouki. Formado co Mestre Rodrigo Romaní e no Conservatorio Superior de Música de Madrid, entrou a formar parte de Milladoiro, o grupo máis internacional da música galega, no ano 2000. Tras case unha década no grupo, no ano 2008 inicia a súa carreira en solitario coa publicación de Lendas douradas. En febreiro de 2011 publicou o seu segundo traballo, Maxicamente vello, no que de novo realiza unha interpretación da música galega desde unha visión contemporánea. Na actualidade traballa no seu novo disco que sairá á venda nos vindeiros meses.