1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 22-05-2013 08:11

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Xosé Luís Regueira ingresará o vindeiro 2 de xuño na RAG

 O filólogo Xosé Luís Regueira ingresará na Real Academia Galega o próximo 2 de xuño cun discurso sobre o galego oral na actualidade titulado Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI. O seu discurso tratará dos diferentes niveis de oralidade que hai na nosa sociedade, a oralidade primaria ou da sociedade 'oral' a oralidade secundaria -dos medios falados, tv e radio-, e da mestura de escrita e oral da internet. O acto de recepción terá lugar na sede da Real Academia Galega, na Coruña, e Manolo González, tesoureiro da institución, será o encargado de darlle a resposta. Deste xeito, Regueira será a nova incorporación dunha RAG que o pasado mes de febreiro lle deu a benvida a Henrique Monteagudo, quen ocupaba -case dous anos despois do seu nomeamento- a vacante de Gil Merino.

Xosé Luís Regueira Fernández (Goiriz, Vilalba, 1958) é catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela e un destacado investigador no ámbito dos estudos fonéticos, gramaticais e onomásticos da lingua galega. É membro da International Phonetics Association e da Asociación Internacional de Estudios Galegos entre outras. Regueira, que xa era correspondente desde o ano 2002, colaboraba xa coa institución en traballos de fonética, de toponimia, de gramática, e na organización dos Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros, dos que foi secretario durante moitos anos. Autor de varias obras sobre lingüística galega e secretario do Instituto da Lingua Galega (ILG), Regueira foi responsable de Os sons da lingua e do Dicionario de pronuncia da lingua galega


A MULLER NA RAG

Xosé Luís Regueira foi escollido en marzo do ano pasado para ocupar a vacante da arquiveira Olga Gallego, falecida en setembro de 2010. Para ocupar a citada vacante, a Oficina da Muller do Concello de Vigo creara unha campaña co obxectivo de propoñer dende fóra a escritora María Xosé Queizán. Unha recollida de firma e a adhesión de diversos concellos non foron suficientes para que a proposta de Queizán saíra adiante. A escritora de Amor de tango non fora escollida e Xosé Luís Regueira, polos seus méritos e o seu traballo filolóxica, fora o home designado para entrar no plenario.

Trala súa elección, xurdiu un debate na sociedade sobre a presenza feminina na Academia. Pouco despois do seu nomeamento, agromou o manifesto O xogo das cadeiras, apoiado por intelectuais, escritoras, cantantes e diversos persoeiros da cultura galega. Naquel documento esíxelle a institución presidida por Xosé Luís Méndez Ferrín que se adecuase aos tempos e a realidade social do país e incrementase a presenza feminina na Rúa das Tabernas.

Non obstante, o chamamento non foi escoitado, xa que ningunha das vacantes foi ocupadas por mulleres. A cadeira de Francisco Fernández del Riego, falecido en novembro de 2010, foi ocupada polo novelista e xornalista Fernández Ferreiro. O autor de Agosto do 36 foi escollido en votación superando a candidatura de Marilar Aleixandre nun pleno bronco en xuño.

Pouco despois, coñeceuse o nome do substituto do xeógrafo de Río Barja, falecido en xaneiro de 2011. E era un nome masculino. A Real Academia Galega sinalara o historiador Pegerto Saavedra como novo membro de número. Dábase así unha sonora portada á maior presenza da muller nunha institución que vía como o número de féminas no seu plenario pasaba de cinco a catro. Na actualidade só son catro as mulleres que teñen unha cadeira no plenario da RAG: Rosario Álvarez, actual directora do ILG; Margarita Ledo, xornalista, cineasta e catedrática da USC; Luz Pozo Garza, poeta, e Xohana Torres, escritora.

Entre 2010 e 2011, a academia presidida por Méndez Ferrín experimentou un anovamento coa chegada de catro novos académicos. A rama filolóxica viuse reforzada coa chegada de Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira. Pola súa banda, Fernández Ferreiro incrementaba a presenza do grupo Brais Pinto ao unirse no plenario a Ramón Lorenzo e ao propio Méndez Ferrín. Por último, coa incorporación de Pegerto Saavedra, a banda dos historiadores, da que forman parte nomes como Barreiro Fernández ou Ramón Villares, fortaleceuse.

A VACANTE DE ISLA COUTO

O falecemento de Isla Couto, galeguista e o último dos fundadores da xeración Galaxia, deixa unha nova vacante no plenario da Real Academia. A entidade deberá abrir no próximo plenario o proceso de presentación de candidaturas. Os académicos deberán levar ao pleno do organismo diversos nomes para que se escolla unha nova persoa que traballe a prol da lingua dende a súa cadeira na rúa Tabernas. Os académicos deberán decidir cal son as necesidades da institución para unha nova inclusión e cales serán os parámetros para escoller. Por outra banda, haberá que ver se o manifesto do Xogo das Cadeiras volve ter o impulso e apop co que contou o ano pasado.

FOTOGRAFÍA: Xosé Luís Regueira, en primeiro plano, ao lado de Juan Casares Long, reitor da Universidade de Santiago/ XORNAL USC