“O festivo das Letras Galegas foi un golpe tremendo para o libro galego”
- Detalles
- Categoría: Letras
- Publicado o Domingo, 04 Marzo 2012 20:33
- Escrito por Alberto Ramos
"É un capricho, pero é un capricho rendíbel". Así define o libreiro compostelán Jesús Couceiro a resurreción de Edicións do Cerne, antiga editorial á que sempre estivo ligado e da que, dende 2010, é o máximo responsable. Ese ano Couceiro publicou o primeiro título da renacida editorial: La casa de la troya. A partir de aí, o catálogo foise ampliando ao longo de 2011 até hoxe, que xa conta con preto de corenta libros publicados. Esta cifra irá en aumento nos próximos meses, xa que neste 2012 o libreiro e editor buscará lanzar outras tantas obras.
O nivel de publicación pode constrastar coa actividade das outras editoriais que, en plena crise e padecendo os recortes nas axudas, reduciron as súas novidades editorias. Tamén pode sorprender o lanzamento de tantos títulos facsimilares de primeiras edicións. Compensa o esforzo? Resulta rendíbel semellante iniciativa nestes tempos? Couceiro ten clara a resposta. "En realidade é un capricho, pero é un capricho rendible. Son libros demandados por un público concreto", asegura o libreiro, que considera que os problemas para o sector veñen de moi lonxe e non unicamente da actual crise. "As subvencións acabaron co libro galego. Durante anos editouse calquera cousa, non importaba a súa calidade, xa que a administración ía mercalo. Iso era pan para hoxe e fame para mañá. Cando abrimos a Libraría Couceiro [en 2007], eu dixera que esa fame xa chegara para o sector", lembra. Ademais, Couceiro considera que outro gran problema para o sector é o 17 de maio. "Que sexa festivo o Día das Letras Galegas é un golpe tremendo. Foi sempre un gran problema que hai que remediar", sinala o editor, lembrando así unha das grandes reivindicacións dos libreiros.
DISTRIBUCIÓN E EDICIÓNS ESPECIAIS
Pese a fame e a crise, o libreiro puxo en marcha este "capricho" ao facerse co control de Edicións do Cerne hai uns anos e marcar unha liña moi concreta. "Era unha vella idea miña. Sempre estiven ligado á editorial e quixen seguir cunha liña concreta que consideraba interesante. Quería publicar obras facsimilares e nesas andamos", sinala Couceiro. Polo momento, os libros atopan saída mediante dúas vías. A primeira, a venda directa en libraría que, polo momento, redúcese aos establecementos de Couceiro en Santiago e na Coruña e á Liivraria Torga de Ourense. A segunda é a edición baixo demanda para regalos de empresa. Edicións do Cerne realizou en Nadal varias tiradas exclusivas para regalos de empresa. Trátanse de exemplares únicos que reproducen a primeira edición e que na contratapa inclúen o logo da empresa. Está previsto, ademais, que no futuro se amplíe a distribución a outras librarías. Non obstante, esta posibilidade tómase con calma. "Para iso hai que contar cun catálogo con 200 títulos. A nosa idea é seguir publicando bastantes títulos, pero con tranquilidade", explica o responsable de Edicións do Cerne.
Entre os numerosos titúlos publicados destaca unha colección de libros de cociña que dirixen o director do CGAI, Guillermo Escrigas, e o doutor Fausto Galdo. Os dous son os encargados dunha serie de libros históricos da cociña. Non obstante, as obras gastronómicas son só unha parte dos numerosos libros que se poden atopar en Edicións do Cerne. Obras como Resume da Historia de Galicia (1898), de Florencio Vaamonde; De mi tierra (1888), de Pardo Bazán; Ferruxe (1899), de Aurelio Ribalta; Contiños (1888), de Benito Losada; El Foro, de Manuel Murguía, ou Patria y Religión (1897), de Salvador Golpe, forman xa parte dun catálogo en continua expansión. Todos estes títulos -e outros moitos- xa están publicados en edicións facsimilar que reproducen as primeiras edicións e mesmo o tamaño orixinal de cada un dos libros.
Con esta iniciativa, Couceiro resucita a editorial creada por Luís Mariño e Carlos Delgado en Santiago a finais dos setenta. Un selo que publicou títulos de autores tan importantes como María Xosé Queizán, Xusto Beramendi, Tucho Calvo ou Bouza Brey. Unha editorial que nos últimos anos foi caendo no esquecemento e que agora Couceiro recupera cunha perspectiva ben diferente.
PREMIO DA ASOCIACIÓN DE EDITORES
A Asociación Galega de Editores (AGE) acordou outorgarlle a Xesús Couceiro, fundador da Libraría Couceiro, o premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural. Os editores recoñecen o traballo que desenvolveu o premiado a prol da cultura do país, facendo do seu establecemento un referente no campo do libro galego. Ao tempo, a AGE adianta tamén que lle outorgará o premio á edición história a Andavira Editora. Os galardóns entregaranse no transcurso da Noite da Edición, que se celebrará o vindeiro 9 de marzo no Hotel Quinta da Auga de Santiago de Compostela e que presentará Iria Pinheiro.
FOTO: Sabela Iglesias



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede