Dioivo presenta o seu horóscopo entre crises e rescates
- Detalles
- Categoría: Ideas
- Publicado o Martes, 12 Xuño 2012 15:58
- Escrito por Otempodirá
Os horóscopos son métodos de adiviña-lo futuro que se basean en dous elementos: un elemento físico oracular ou adiviñador que extrae información das correntes cósmicas, e a intuición da persoa que o interpreta que traduce a información proporcionada por estas correntes a unha linguaxe intelixible. O colectivo astrolóxico Otempodirá resérvase o segredo da técnica oracular para ofrecervos, non obstante, a información resultante de cada signo zodiacal. A novidade do horóscopo do Dioivo, é que a interpretación déixase á intuición do lector, ao que só se lle ofrece unha ferramenta moi suxerinte e poderosa, co fin de que el mesmo poida completar e dar sentido a ese enxame de mensaxes crípticas. Como ben se sabe tamén, recentemente produciuse unha controversia en relación ás consideracións astronómicas da cualificación de planetas novos e a retirada desta cualificación a outros existentes como Plutón. Tamén se sabe da existencia dun decimo terceiro signo, coñecido como Ophiucus, que non figura nos horóscopos tradicionais para evitar a distorsión que produciría un zodíaco de trece signos dentro dun ano de doce meses, isto a pesares de que a constelación de Ophiucus é coñecida dende sempre igual que as outras doce.
Pois ben, nós entendemos que o signo de Ophiucus debe figurar como decimo terceiro signo cun valor de comodín, é dicir, se o signo que lle corresponde ó lector non lle ofrece a información que precisa, pode elixir no seu lugar Ophiucus, que esta vez si ofrecerá unha información clara e precisa.
No caso de que nin Ophiucus lle dea ao lector a resposta que procura, e como nos consta que o lector do Dioivo é unha persoa intelixente e ben informada, recordámoslle que teña en conta que pode modificar estas predicións como mellor lle pete facendo uso do seu libre albedrío, a ferramenta máis poderosa da que dispoñemos polo de agora.
Podedes consultar o horóscopo no lado esquerdo da portada do Dioivo, e ampliar os signos premendo na imaxe.
Forza e saúde para todas e todos.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede