1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

'Producir en tempos revoltos', o gran debate do audiovisual galego

 ‘Producir en tempos revoltos’ é o elocuente título das V Xornadas do Audiovisual que o IES Audiovisual de Vigo (EAV) celebra entre o martes 29 e o mércores 30 de maio. Durante dous días, Bouzas será o centro dun intenso debate sobre problemáticas e vías de crecemento dun sector que nos últimos anos se volveu estratéxico en Galiza, pero que se atopa inmerso nunha complicada transformación, moi afectado pola crise. 

“Trátase de amosarlles aos profesionais, os campos e técnicas que marcan o futuro. Falarase sobre o cine de animación, as novas técnicas de gravación e os novos modelos de produción de cine… Porque, fronte aos cambios, podemos seguir falando de vías tradicionais de producción sen atender ao novo contexto económico? De que xeito, a nova coxuntura condiciona os fluxos de traballo?”. Pregúntano os alumnos da materia Producción de Espectáculos do profesor Vicente Bouzas, encargados da organización do evento.

O PROGRAMA 

O martes 29 ás 11.00 horas debatirase sobre a situación actual da industria cinematográfica en Galiza. Na mesa estarán o cineasta Jorge Coira; Xoán Mariño, director e produtor de Mr. Misto Films; Mario Iglesias, fundador de Matriuska producciones; e o director novel Jairo Iglesias.

A compravenda de contidos televisivos nun escenario de mudanza de formatos será o tema abordado na mesa redonda das 12.45. Estarán Montse Besada, directora do departamento de producción allea da CRTVG e Patricia Gómez responsábel de producción de CTV.

Xa pola tarde, ás 16.30, impartirase unha sesión técnica con Ricardo Spencer, especialista en efectos especiais e caracterización.

Unha hora máis tarde, Alberto Hortas, de 4 Ojos Estudio, afondará na caracterización no audiovisual –segredos, ferramentas, tempos- cunha completa master class.

A última sesión da xornada será técnica. A producción de espectáculos musicais, cos seus aspectos máis innovadores, é a temática abordada por SinsalAudio. 

O mércores 30 arrinca ás 10.00 cos colectivos culturais alternativos. A Asociación cultural Senunpeso e o Laboratorio Audiovisual de Vedra exporán as súas estratexias e modos de operar.

Ás 10.45, o creador de Xabarín Club e ex director da TVG, Suso Iglesias, falará sobre entretemento e formatos televisivos.

Unha mesa redonda dará a media mañá a oportunidade de achegarse ás exeriencias na producción de cine de recoñecidos profesionais do sector. Zircozine, Pepe Coira e Beli Martínez analizarán a evolución do cinema galego nos últimos anos a través das súas propias experiencias.

As xornadas rematarán cunha master class impartida por Canon, que presenta as técnicas de gravación cos seus últimos modelos de cámaras de video.

OS ORGANIZADORES

A alumna Carolina Rodríguez traballa nas xornadas como productora principal do equipo de alumnos do profesor Bouzas. “Este é un dos meus primeiros achegamentos á profesión, e aínda que me queda moito por aprender e moitos retos aos que enfrontarme, estame a resultar moi atractiva. Facendo un repaso polas empresas que se adican ao sector, dame a impresión de que moito traballo non hai. Pero en Galicia existen moi bos profesionais e xente nova con moitas ganas de crear, e por aí é por onde hai que tirar”, conta.

A quen van dirixidas as xornadas ‘Producir en tempos revoltos’?

O público son os profesionais do sector audiovisual e os futuros profesionais. Enviamos a diferentes escolas (Facultade de Comunicación Audiovisual A Coruña/Santiago/ Pontevedra; O Raio Verde, EGACI, Facultade de Belas Artes Pontevedra…) invitacións para que participen. Creemos que é unha boa oportunidade para asistir, porque se van plantexar alternativas que tanto necesitamos, ao novo contexto económico. Ademais das conferencias e mesas redondas, temos master class. Unha delas moi interesante sobre a canon 5D, unha cámara moi versátil e que se adapta aos novos tempos e máis asequible que o resto. 

Cal é a finalidade?

Nas V Xornadas Audiovisuais, nas que participan arredor de vinte recoñecidos profesionais do sector audiovisual, tratamos de analizar a situación actual do sector co fin de establecer alternativas aos modelos tradicionais de producción así como novas estratexias de promoción. O público asistente pode participar nas mesas redondas e nas Master Class, que nesta ocasión están adicadas á caracterización, aos efectos especiais e a coñecer as posibilidades de gravación dixital que ofrece a Canon 5D. 

Como de revolto anda o sector?

O sector audiovisual en Galicia está en periodo de adaptación. Creo que hai ideas de abondo, pero temos que indagar máis no xeito de levalas a cabo e establecer novas estratexias para producir e promocionar os novos productos. Existen colectivos alternativos moi interesantes que están a traballar nesta liña e con bos resultados.

Como alumna de producción, unha profesión que consiste en solucionar problemas -digamos, a grandes rasgos, que lles vai a marcha-, os tempos revoltos asustan ou pódense transformar en acicate? 

Máis ben son un acicate. Vivimos en tempos revoltos no que se refire a cuestións económicas, polo que é o momento de desenvolver a creatividade para levar a cabo as nosas produccións. A falta de cartos afecta ás tradicionais formas de producción e promoción por iso temos a oportunidade de crear novas estratexias que nos permitan traballar independentemente de se hai grandes orzamentos ou non. 

Que características considera que debe ter un bo productor?

Dende a miña escasa experiencia, creo que hai dúas características que son imprescindibles. Por todos os imprevistos que aparecen á hora de producir, creo que o primeiro que debe ter é unha boa capacidade resolutiva, mais non debe esquecer que forma parte dun grupo de traballo e polo tanto ha de recoñecer o traballo e esforzo que realizan as demais persoas para que todo chegue a bo porto. 

E que lle atrae deste traballo?

Eu proveño dun sector que nada ten que ver co audiovisual e onde os resultados acadados poden observarse a medio ou longo prazo. Neste sector, parece que todo é moi dinámico, plantéxaste un obxectivo e en pouco tempo sabes se o consegues ou non. O non conseguilo, obrígate a establecer outros obxectivos, xerando moito dinamismo e un reto continuo, algo que me atrae desta profesión. 

De que maneira se percibe desde o seu lugar o panorama da producción na comunidade, agora que xa se asentaron algúns referentes, sobre todo en cinema, de productoras que colleitaron éxitos como Celda 211 ou 18 Comidas?

Os futuros profesionais temos bos referentes en Galicia e non só en producción cinematográfica, tamén existen exitosas series de ficción, que van máis alá das nosas fronteiras. Queda demostrado deste xeito, que temos gran capacidade para producir e para adaptarnos aos diferentes públicos. Son defensora das películas e series que reflicten a nosa historia e a nosa cultura, xa que son un medio máis para que a nosa identidade quede rexistrada. Pero tamén somos capaces de para ir máis alá e temos que aproveitar a nosa capacidade como creadores. 

DIPLOMA DE ASISTENCIA

Aos asistentes entregaráselles un diploma acreditativo. Os interesados en acudir ás xornadas poden contactar cos organizadores a través do correo electrónico: This e-mail address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it.

Coas xornadas colabora o I Festival primavera do cine de Vigo, que ten lugar do 30 de maio o 2 de xuño.

Fotografía 2: Carolina Rodríguez, productora coordenadora das xornadas.