1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 18-05-2013 10:33

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

“En España non se sabe o que é o documental“

O cine galego segue colleitando participacións en festivais de todo o mundo. Se o outro día falabamos de que o primeiro pase da ópera prima de Ángel Santos Dos Fragmentos/Eva, tería lugar na Biennale do Cinéma Espagnol d´Annecy, onte soubemos que o primeiro pase da longa documental do arousán Marcos Nine, La Brecha, vaise estrear en abril no prestixioso BAFICI (Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente), organizado polo Ministerio de Cultura do Goberno de Bos Aires, e que despois de 14 edicións consolídase como un dos festivais de programación máis coherente do mundo á hora de apostar por un cine arriscado e anovador e pola procura de novos talentos. La Brecha non entra na sección competitiva pero si que se poderá ver dentro da programación da sección paralela Cine + Cine.

Para Marcos Nine, a selección no BAFICI ten un significado especial por canto boa parte do filme foi rodado precisamente na capital arxentina.  "Practicamente a metade da película rodouse alí. De feito, a última vez que estiven en Bos Aires coa miña moza (Ximena Losada, arxentina), que é a produtora da peli, estabamos a rodar La Brecha. Faime moita ilusión que cando volvamos sexa para estrear alí. Imos estar moito tempo en Bos Aires. Chegaremos o día 2, tentaremos darlle moito bombo á pelicula antes do Festival, e voltaremos logo de que remate, o día 23" (o Festival celébrase entre o 11 e o 22 de abril).

La Brecha é unha longametraxe experimental de 86 minutos. "unha peli amolada de explicar", confesa Nine. Parte dun proxecto que tiña Rodrigo Losada, que é deseñador gráfico. "Facía pequenos collages en diapositivas pero non podía controlar o resultado final. Só era capaz de velo cando era proxectado. E isto ten que ver coa idea de que cando esás metido nun traballo creatiivo, o teu oficio dalgunha maneira pasa a ser máis protagonista que a túa propia creatividade", explica. "Cando levas moito tempo traballando nunha cousa, acabas desenvolvendo os teus propios automatismos e a pensar nun determinado momento que es capaz de resolver calquera cousa, pero iso mesmo é o que lle resta aliciente ao teu traballo. Daquela a idea era facer unha peli na que desenvolveramos esta idea de como o oficio é capaz de anular a creatividade, polo tanto a idea de facer unha película que escapara ao meu control".

O carácter experimental deste documental é unha das explicacións que dá Marcos Nine á pregunta de por que os directores galegos acaban sempre estreando os seus filmes fóra. É que aquí non se lles valora? "Eu coido que en España non se sabe o que é o documental. A longametraxe documental é algo que non existe. Nos festivais máis importantes prográmanse máis que nada documentais testimoniais que teñen máis que ver coa televisión que co cine", reflexiona Marcos. "Se de repente, inda por riba, fas un proxecto coa compoñente experimental de La Brecha, que ten partes narrativas pero tamén outras que son pura abstracción...é moi complicado que teña cabida aquí. Non hai tradición deste tipo de traballos." Conta Nine como nalgúns festivais mesmo algúns programadores confesaron que lles gustaba a película pero que non a consideraban apropiada pra incluír na programación. En todo caso, non se lamenta. "Se o noso sitio está en Bos Aires ou en Francia, iremos onde nos queiran. Non imos quedar a chorar onde non nos queren.

Onde si o queren, e onde teremos a oportunidade de ver La Brecha en Galicia por vez primeira será no S8, a Mostra de Cine Periférico da Coruña, no mes de xuño. "Para nós tamén é un sitio importante pois serve para pechar o círculo. Gravamos en Bos Aires e na Coruña e estreamos en Bos Aires e na Coruña. Ademais os do S8 sempre estiveron detrás do proxecto".

FOTO: Marcos Nine nun fragmento de La Brecha.