1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 19-05-2013 19:58

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Xurxo Chirro competirá nun Play-Doc aberto ás axudas do público

  O Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que terá lugar do 21 ao 25 de marzo, mostrará na súa sección oficial cinco títulos do máis destacado do xénero de non ficción desta tempada. Entre esas cinco fitas, que competirán por un premio de 5.000 euros, atópase Vikingland, de Xurxo Chirro. O cineasta galego recupera nesta película cintas de vídeo gravadas por un mariñeiro mercante da Guarda para compor un retrato da diáspora galega.

Na sección oficial, xunto a Chirro, atópaose o reputado director ruso Victor Kossakovsky, premiado en prestixiosos festivais internacionais coma o de Karlovy Vary ou Dok Leipzig, que chega a Tui para presentar ¡Vivan las Antípodas! O seu último documental é un calidoscopio do planeta Terra a partir de catro pares de Antípodas (Arxentina e China, España e Nova Zelandia, Chile e Rusia, Botswana e Hawai), cunha potente carga estética. Igual de impactante resulta Two Years At Sea, de Ben Rivers. Na súa proposta, Rivers filma en branco e negro o día a día dun ermitán que vive nun apartado bosque.

O filme Mirage, do serbio Sr an Ke combina rexistros das construcións da grande metrópole de Dubai con testemuños dos obreiros e os turistas que habitan ese espazo. Máis local, pero igual de necesaria, é Yatasto, de Hermes Paralluelo. A película mergúllanos nas vidas dun grupo de rapaces 'carreros' en Arxentina, que recollen cartóns da rúa para vendelos, montados no seu carro de cabalos. 

NOVE FITAS GALEGAS MÁIS

Ademais, Play-Doc seleccionou outros nove títulos galegos. Lois Patiño, centrado na exploración de paisaxes naturais nos seus últimos traballos, presentará Ecos del bosque, Na vibración da terra e Na vibración da auga; mentres que Ángel Santos dará a coñecer ao público do certame a súa serie Pantasmas, composta de momento por dous títulos que exploran os temas da memoria e a infancia.

Tamén se poderán ver as longas A muller do Eternauta, de Adán Aliaga; e Tralas luces, de Sandra Sánchez. Ademais, Play-Doc trae a Tui o 'work in progress' de Pela del Álamo e Víctor Hugo Seoane. O obradoiro Docs in Progress, unha iniciativa do festival para apoiar a creación audiovisual, xuntou en decembro de 2010 nunha casa rural a dez cineastas, que discutiron ata avanzar nas montaxes dos seus respectivos filmes. Del Álamo e Seoane foron os representantes galegos, que agora presentan as versións case rematadas de N-VI e Lugares no tempo respectivamente. Mentres que a primeira é un retrato da carreteiraestrada do seu título, a segunda é unha achega persoal ao ambiente rural dos avós de Víctor Hugo Seoane.

ACHEGAS DOS ESPECTADORES

Play-Doc ábrese este ano á colaboración económica do público mediante o Play-Doc Support. Esta plataforma fai un chamamento  para que, neste tempos de grandes recortes orzamentarios, os seguidores do certame poidan realizar axudas da cantidade que desexen e, a partir de 10 euros, obterán beneficios como descontos no concerto de Morphine ou unha acreditación especial que dá libre acceso a todas as actividades e proxeccións programadas nesta edición.

IMAXE: Fotograma de 'Vikingland'