Os oficios tradicionais galegos pasan a Portugal coa fotógrafa Sonia Daponte
- Detalles
- Categoría: Formas
- Publicado o Martes, 20 Marzo 2012 01:44
- Escrito por Alberto Ramos
"As mans din moito dunha persoa. Non son iguais as mans dun artesán que as dun oficinista. O traballo e a vida están nas mans. Teñen unha carga estética e emocional moi importante. Son como as enrugas da pel, contan case todo sobre o tempo transcorrido". Con estas palabras, a fotógrafa galega Sonia Daponte define a importancia desta parte do corpo na súa exposición Coas miñas mans, que neste mes se inaugurou na localidade portuguesa da Ponte de Lima. Trátase dun conxunto de series fotográficas que retratan diversos oficios tradicionais galegos e que se poderá visitar no local S.A Bar Galeria do municipio luso até finais de marzo.
A exposición fai así un achegamento á artesanía, aos diferentes traballos realizados manualmente que dan como froito obxectos decorativos e de uso común. O resultado son pezas únicas, obxectos singulares que se afastan da produción en serie e que son en si mesmo obras de arte e da cultura popular do noso país.
O interese fotográfico pola artesanía chegoulle a Sonia Daponte mediante a experimentación directa e a través da elaboración de produtos de coiro. "Eu tamén son artesá na medida en que traballo no coiro. Comecei a traballar nel porque sempre tiven interese polos oficios artesanais. Entrei en contacto con todos os mestre que saen na exposición da man de Rosa Castro, que é a miña profesora de coiro", recoñece a fotógrafa.
Grazas a Castro, Sonia Daponte puido inmortalizar o traballo de oito artesáns diferentes de Soutomaior e Arcade. Cada un deles protagoniza unha serie fotográfica que a exposición Coas miñas mans resume nun total de 24 instantáneas. Na mostra, o espectador pode ver como Pepito da Roca traballo nos mosaicos, coñecer o talento da tecedora e cesteira Espe, achegarse ao mundo do coiro da man de Ro ou admirar o estilo do artesán da madeira Lume. Na exposición tamén hai espazo para a pratería, xa que un feixe de imaxes retrata o traballo da artesá Silvia. A cerámica tamén entra na exposición con instantáneas de Fito, O sibeiro, que traballa coa cerámica. E a música tamén se pode escoitar no traballo de Sonia Daponte, que recolle varias fotografías do traballo de Carlos do Viso, mestre de luthería.
A mostra inclúe 24 fotografías, de xeito que cada un dos oito artesáns protagoniza tres instantáneas diferentes. Coas miñas mans estará até finais de mes na Ponte de Lima.
FOTOGRAFÍAS: Imaxes da exposición Coas miñas mans, de Sonia Daponte



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede