1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Os “lugares pictóricos” de Díaz Pardo

 A Fundación Novacaixagalicia da Coruña acollerá até o próximo 1 de maio unha exposición que trata de recoller a obra plástica de Isaac Díaz Pardo. Cos fondos das coleccións de Novagalicia Banco e Novacaixagalicia, articúlase unha exposición que -a través de grandes lenzos, estudos preparatorios, bosquexos e debuxos- analiza as bases nas que se sitúa toda a estética posterior do artista. Esta será a primeira retrospectiva que se faga de Díaz Pardo tralo seu falecemento. Xosé Díaz, fillo de Isaac, é o comisario.

Isaac Díaz Pardo realizou unha curta pero sobranceira traxectoria plástica, que abandonou a finais da década dos corenta. "No 1946, rematada a II Guerra Mundial, puiden saír ao estranxeiro e coñecer o que se facía fóra, sobre todo o que facían os nosos desterrados e, sumándolle outras cousas, axiña me decatei de que iso de andar pintando e vendendo cadros, ou pintando os señores e señoras enriquecidos daquela época, aos que tiña que sacarlles os cartos e as engurras (pois entón non había cirurxía estética), decateime, digo, de que por aí non ía a miña vocación e, no 1947, empecei coa idea de colaborar nunha posible idea de restaurar Sargadelos", así explicaba o propio artista como abandonou a arte da pintura para dedicarse en corpo e alma a un proxecto, a restauración de Sargadelos, que xuntaba de vez industria, deseño e cultura.

As 35 obras dispostas na mostra da Coruña recollen a evolución artística do intelectual falecido o pasado 5 de xaneiro. Segundo o comisario da mostra, Xosé Díaz, a pintura de Díaz Pardo tivo moito que ver con tres "lugares pictóricos". O primeiro é Madrid, territorio de formación, onde estudou Belas Artes. O segundo, "un dos máis fecundos", é o Castro de Samoedo, onde aparece a madurez e realiza os seus grandes óleos. "O terceiro lugar da súa creación pictórica sitúase na outra banda do Atlántico, a carón dos seus amigos e camaradas do exilio, nun lugar próximos a Bos Aires onde comeza unha sorte de desterro arredándose da Galicia cativa, triste e abafante dos anos cincuenta, ese lugar é: A Magdalena", explica Xosé Díaz.

A exposición, que se nutre dos fondos de Novagalicia Banco e de Novacaixagalicia, deixa espido a un Isaac de formación clásica e empapado nunha intensa tradición artística familiar. A mostra complétase coa edición dun catálogo, Isaac Díaz Pardo. Fondos Colección Novagalicia Banco e Novacaixagalicia, que se poderá adquirir nas librerías das sedes da Obra Social e que recolle textos do propio artista e dos comisarios da mostra Xosé Díaz e Rosario Sarmiento. 


FOTOGRAFÍA: Iván López