1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Unha ''gran carpa'' para ''dignificar o sector do circo''

"Hai apenas uns poucos meses fundamos no Milladoiro a Asociación de Profesionais de Circo de Galicia. Este pequeno paso, aínda unha semente, é un paso máis na construción dunha metafórica carpa común que nos protexa do dioivo. Pode que mexen por nós, pero hai que dicir que teremos carpa". Así comeza o manifesto co que se deu a coñecer a Asociación de Profesionais de Circo, que botou a andar para aglutinar os traballadores dun sector que, pese a contar cunhas vinte compañías en Galicia, nunca recibiu demasiada atención por parte das administracións. "Para a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) non existimos durante moito tempo. Cando comezamos existir para eles foi con Cristina Domínguez, cando era directora do Centro Dramático. Neses tempos tivemos algunhas coproducións. E sempre estaremos agradecidos a Cristina", lembra Pablo Reboleiro, membro da Asociación e o encargado de ler o manifesto do Circo o pasado 27 de marzo, na manifestación da Plataforma das Artes Escénicas.

Ese día, ás portas dun Salón Teatro totalmente pechado tralo polémico cesamento de Blanca Cendán, escoitouse o comunicado e deuse a coñecer a Asociación de Profesionais de Circo de Galicia. Unha asociación que, segundo Reboleiro, naceu polas circunstancias e as necesidades do sector. "Naceu coa realidade. Moitos somos profesionais e dicíannos que non podíamos ter voz sen unha asociación profesional. Tiñamos a Federación galega, pero decidimos levar a adiante a asociación profesional", sinala Pablo sobre unha asociación que está en proceso de captación de socios e que busca como obxectivo claro "dignificar a profesión" e contrarrestar o "desleixo dos gobernos galegos".

Esa "desleixo" provocou que en Galicia se perdese unha oportunidade de consolidar un sector importante e de referencia a nivel estatal e internacional. "Os grandes circos están en Madrid e moitos teñen apelidos galegos. Houbo un momento en que aquí podíamos ter un circo potente, pero non se apoio nin se aproveitou", lembra Pablo. Ademais, ese "desleixo" por parte das administracións resúmese nunha simple anécdota que pon de manifesto a situación. "Un político dixéranos que tiñamos un espazo moi importante que era o programa Tú si que vales, que era unha boa forma para visibilizarnos. É unha anécdota, pero realmente é moi sintomático", explica.

"CREACIÓN COMPLETA"

"Reclamamos o que é noso", fala ás claras Pablo. Para os profesionais do circo hai unha serie de dificultades, unha carencia de infraestruturas e diversos obstáculos para as axudas públicas. Todo se complica para un sector que, dende o seu punto de vista e mesmo da propia administración, xera unha retorno. "Pese as dificultades que haxa, o circo está aí. Segundo un estudo de mercado da propia Agadic, a facturación do sector do circo dobra á da danza e resulta ser tres veces maior que a da maxia. E aínda así, non estamos apoiados en absoluto", reflexiona Reboleiro.

As dificultades do sector pasan, principalmente, por dous atrancos considerables. O primeiro é o propio circuíto de distribución dos espectáculos escénicos. O circo carece dun circuíto propio e o acceso á Rede de Teatros e o Auditorios resulta complicado. "A presenza é menor. A maxia ten un circuíto propio, nós non. E temos que competir con xigantes do teatro. Resulta moi difícil", admite. Non obstante, os profesionais desta arte viva atopan escenarios nas rúas e prazas de Galicia. Alí, ao aire libre, entran en contacto co público en moitas ocasións. Mais esa circunstancia non pode ser a única. "Hai variantes do circo, penso no circo contemporáneo, que non se poden adaptar á rúa. Os seus espectáculos están pensados para o teatro e teñen que ser en teatros", advirte Pablo Reboleiro dende a Asociación de Profesionais do Circo.

A segunda dificultade radica nas liñas de axuda. Tamén é este un campo complicado para os espectáculos de circo. "Responden a un modelo teatral clásico. Aparecen nas bases conceptos sobre o texto ou a tradución dun determinado libreto. E hai espectáculos que non teñen texto. Ou que se crean por completo, no que non hai adaptación ningunha. O noso é creación completa, dende o principio. E as axudas, en moitos casos, céntranse para o desenvolvemento en dous meses. O circo non funciona así, hai moito ensaio corporal, moita preparación física e escénica. Precísase moito tempo. E repito, créase todo dende cero. É un exercicio de creación absoluto e completo. As axudas están pensadas dunha forma teatral e escénica clásica", explica Reboleiro.

Pese a todo, o circo segue aí e os seus profesionais crearon esta asociación para ter unha nova e unida voz ante a administración. Reunións xa houbo para buscar máis apoio institucional. "Temos un compromiso de Fasero. Haberá investimentos para o sector" sinala Reboleiro quen, preguntado se o director da Agadic nestes tempos de crise e recortes é fiable, insiste: "Confiemos en Fasero e nese compromiso", di antes de admitir con ironía que "confiar en Fasero ou en calquera político é o que é".

"UN XOGO NON COMPETITIVO"

A ausencia de infraestruturas vén sendo outro problema para o sector. "Non hai ximnasios, non hai escolas. Botamos de menos infraestruturas concretas para o circo. E a Agadic non puxo nin un peso nunca neste espazo", explica Reboleiro, quen recibiu a Dioivo na nave de Circonove, un espazo de 400 metros cadrados aberto para o ensaio e a preparacións dos profesionais. Ademais, Reboreiro pon de exemplo outros lugares nos que o circo si que conta con infraestruturas e tamén con apoio institucional. Francia, Cataluña ou Euskadi son algúns deses exemplos. "Fálase de circo catalán e de circo vasco porque teñen apoio, pero non se fala do andaluz porque non o ten", explica.

Ademais, Pablo Reboleiro tamén incide na importancia do circo como disciplina conxunta e de gran interese pedagóxico. Nesa liña, recoñece que moitos institutos recorren a profesionais de circo para dar determinadas clases. "O circo non é un xogo competitivo, é un xogo colectivo, é un deporte cooperativo", sinala.

A Nasa, no corazón

No comunicado, que leu a Asociación Profesional na manifestación da Plataforma das Artes Escénicas no Día do Teatro, recoñecíase a relevancia de determinados espazos para o desenvolvemento deste sector. "Dende finais dos anos noventa unha nova xeración de artistas, nados á beira das Okupas, do Festiclown e da Sala Nasa, puidemos pensar en facer realidade o que para nós daquela era apenas un divertimento e que agora é a nosa forma de vida, a nosa profesión. Por iso estaremos sempre orgullosas da nosa herdanza en parte ligada a estes espazos de investigación, creación e exhibición mais tamén gostariamos de recoñecernos en todas aquelas persoas que formaron parte dun dos circos máis importantes da escena europea das ultimas décadas do século pasado e que tiña a súa base de operación en Benposta. Referímonos, naturalmente, ao circo "Ciudad de los Muchachos" da cidade de Ourense", escoitouse aquel día ás portas dun Pablo Reboleiro que admite a importancia deses espazos de "investigación" como a Sala Nasa, xa desaparecida. "Notouse o peche a todos os niveis, pero no corazón máis que en ningures. Fixeron un traballo xeneroso e impresionante dende sempre na Nasa. E nos últimos anos entre insultos", sinala Reboleiro en referencia ao enfrontamento que o xa ex alcalde compostelán, Gerardo Conde Roa, mantivo con Chévere, aos que cualificou de "terroristas" en máis dunha ocasión.

"UN FEITO GLOBAL"

Dende esa época de comezos de noventa, en que moitos profesionais deron os seus primeiros pasos, xa choveu. Moito cambiou o conto e agora son auténticos profesionais os que toman as rúas e os escenarios para dignificar o mundo do circo. "Hoxendia, a realidade do Circo Galego é un feito global. Formamos un diverso ecosistema de organizacións e persoas vindas desde distintas partes do planeta: Arxentina, Brasil, Finlandia, Portugal, Catalunya, Esuskal Herria e, como non, de España. A todas estas persoas moitas grazas polo voso apoio e cooperación", explican nese comunicado.

O Circo galego é, polo tanto, un "feito global" que busca un novo pulo e novos apoios por partes do público e das institucións coa creación desta Asociación de Profesionais do Circo de Galicia. O seu comunicado, a súa carta de presentación na manifestación da Plataforma das Artes Escénicas, deixaba ás claras que o circo é unha peza a ter en conta da comunidade cultural dun país. "Somos heteroxéneos, impuros, diversos, mesturables. Somos comunidade. Somos circo. Somos Cultura", concluía con orgullo reivindicativo o manifesto.

CONSULTA O COMUNICADO DA ASOCIACIÓN DE PROFESIONAIS DO CIRCO

FOTOS: Pablo Reboleiro, durante a conversa con DIOIVO / IVÁN LÓPEZ