Talía Teatro leva un ano sen 'Pelos na lingua'
- Detalles
- Categoría: Artes Vivas
- Publicado o Domingo, 04 Marzo 2012 21:18
- Escrito por Alberto Ramos
"É unha obra que nace da situación do idioma, tan agresiva nestes momentos. Parte desa situación e, ademais, é unha continuación de Bicos con lingua que estrearamos en 2003". Con estas palabras, Artur Trillo, director da compañías Talía Teatro, explica as orixes da exitosa obra Pelos na lingua, que o pasado 25 de febreiro cumpriu un ano de xira. Dende aquela, a compañía levou a escena 64 veces o espectáculo e teñen en axenda outras vinte funcións para os próximos meses. Esta marca converte a Talía nunha auténtica afortunada en medio da forte crise que está a atravesar o sector teatral galego porque, ademais, a compañía ten en cartel varios espectáculos ao mesmo tempo. "Realmente é algo excepcional facer 64 funcións nun ano", sinala Artur Trillo.
As comparacións de Pelos na Lingua coa súa antecesora Bicos con lingua resultan inevitables. Ambas as dúas comparten o galego como tema central tratado dende unha perspectiva humorística, un texto escrito a varias mans e a dirección de Avelino González. Ademais, as dúas montaxes supuxeron un grande éxito para Talía. Bicos con lingua foi estreada en 2003 e dende aquela acumula preto de 300 funcións. Esta cifra convértea nunha das obras teatrais galegas máis representadas. E aínda lle queda percorrido, xa que a súa próxima representación terá lugar na Casa da Cultura de Vimianzo o 6 de maio.
ARTUR TRILLO: A obra 'Bicos con lingua' fora útil para os centros de ensino e, agora, con 'Pelos na lingua' pasa un pouco o mesmo. Está a gustar entre os estudantes de secundaria
Pelos na lingua aínda está lonxe deses números, pero ten previsto acadar as oitenta funcións en maio deste ano. "Está a funcionar moi ben e a verdade é que leva un mellor ritmo que a súa antecesora. Cando fixeramos esa primeira peza, non sabíamos que ía ter tanta relevancia nin que ía ter ser tan útil para os centros de ensino. E francamente, se chegamos á metade da representacións con Pelos na Lingua, xa estaría satisfeito. Tal e como están as cousas, asinaría agora mesmo", admite Artur Trillo, consciente das dificultades do teatro galego.
Quizais, o éxito da obra vén dada pola axilidade e o humor que impregna un espectáculo de curta duración. Escrito por Avelino González, Séchu Sende, María Ordoñez e Artur Trillo, o texto encadea unha serie de gags que convidan a reflexionar, con retranca e ironía, sobre os ataques que sofre a lingua e as situacións tan incribles como verdadeiras que vive a nosa fala. Representada unicamente por tres actores -María Ordóñez, Toño Casais e Trillo-, a obra conta cunha candidatura aos Premios Max na categoría ao mellor autor teatral galego e para Trillo preséntase como unha obra "moito máis teatral" que a súa antecesora.
ADEUS A 'VOLPONE'
Ademais do éxito de Pelos na lingua, Talía Teatro tamén puido celebrar no último ano a boa acollida que tivo a súa adaptación de Volpone, obra de Ben Johnson. Dirixida por Roberto Salgueiro, esta peza acadou as 35 funcións e o pasado mes de febreiro despediuse dos escenarios en Compostela. A causa do adeus non foi a falta de público nin o cansazo da propia obra. A crise foi o motivo que levou a compañía a prescindir desta comedia. "É unha obra cara, cun elenco de nove actores e todo iso bota para atrás os programadores. Prefiren contratar dúas montaxes máis baratas e con menos actores que pagar por unha que sexa cara. Por iso decidimos poñerlle punto e final. Non pagaba a pena seguir", sinala Trillo.
25 ANOS DA MOSTRA DE CEE
Este ano a compañía enfrontarase tamén á organización da 25ª edición da Mostra de Teatro de Cee. Talía Teatro, como promotora deste evento dende os seus inicios en 1988, busca este ano realizar un festival diferente e único. Non obstante, as intencións chocarán seguramente coa realidade económica. "Gustaríanos unha edición especial e plural para celebrar os 25 anos, pero todo indica que será unha mostra de circunstancias. Haberá que ver con que apoios se contan, como se implica o Concello, a Xunta e a Deputación. A mostra de Cee sempre tivo problemas e sempre se fixo con poucos recursos. Estamos resignados a que, seguramente, haxa que facer simplemente unha mostra de circunstancias", admite.
A Mostra de Cee é un dos moitos festivais de teatro que hai en Galicia. Cangas, Ribadavia, Cee, Carballo ou Ourense son algunhas das localidades que organizan este tipo de festivais. Dende a administración pública criticouse ese "minifundismo" e asegurouse en máis dunha ocasión que eran demasiadas. Ante esas insinuacións, Artur Trillo ten clara a súa resposta. "Se son demasiadas? Hai demasiadas se non queres que a nosa sociedade sexa rica en actividade cultural. Hai moitas para seren subvencionadas? Pois que escollan. Terán que decidilo e ser valentes. Pero terán que decidilo cun programa na man. Se non teñen unha estratexia nin un programa... Para que din nada? Terán que facer unha valoración, non só económica, tamén cultural para decidir cales apoian e cales non. Se non o teñen, por que falan?", conclúe Trillo.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede