Redenasa.tv reinvéntase para crear unha plataforma artística en internet
- Detalles
- Categoría: Creación
- Publicado o Martes, 22 May 2012 16:47
- Escrito por DIOIVO
A plataforma Redenasa.tv vén de reinventarse para converterse nun espazo de reunión en internet para a comunidade interesada nas artes escénicas e musicais. O novo web ofrece un deseño renovado e novas funcionalidades, como unha axenda colaborativa e ferramentas para facilitar a promoción dos artistas e o contacto cos usuarios. Ademais, funcionará como teatro dixital con contidos creados especificamente para a rede. Redenasa.tv naceu no ano 2010 vencellada á Sala Nasa, como un xeito de extender o ámbito de influencia deste histórico local fóra do seu espazo físico.
Trátase dunha iniciativa independente, de acceso libre e gratuíto, deseñada para ser modificada, dinamizada e intervida polos usuarios. En 2011, Redenasa.tv tivo 90.000 visitantes únicos, que cargaron máis de 250.000 páxinas en total. Redenasa.tv é tamén un dos maiores arquivos audiovisuais sobre artes vivas contemporáneas disponible en internet. Aliméntase do fondo documental que a Sala Nasa foi creando ao longo de 20 anos de actividade (1992/2011), co obxectivo de facelo público e accesible no prazo de dous anos (en 2012 tense publicado o 30% do mesmo).
A nova Redenasa
Logo de dous anos de funcionamento, e despois da desaparición da Sala Nasa en Santiago de Compostela, Redenasa reformúlase e engade novas ferramentas, unha iniciativa para a que se contou co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). O obxectivo desta plataforma é dar cabida aos distintos representantes das artes vivas en Galicia, enriquecer a oferta de contidos galegos en internet e construír novas comunidades que permitan producir colaborativamente novos contidos para xerar narrativas en tempo real.
Redenasa.tv ofrécelles aos creadores unha plataforma dende a que manterse en contacto co público e con outros creadores e profesionais. Entre outras cousas, é posible crear unha páxina propia onde subir e compartir vídeos, fotos, textos e documentos e recibir opinións e comentarios.
Ademais, conta cunha axenda xestionada polos propios usuarios, onde se poden subir directamente as funcións de cada grupo para que os demais usuarios da rede podan acceder a elas, buscar no mapa o lugar onde terán lugar e mesmo subscribirse para que o noso sistema os avise directamente cada vez que haxa unha actuación.
Redenasa.tv ofrece así mesmo un soporte para desenvolver proxectos de creación especificamente deseñados para internet. Aos usuarios, Redenasa.tv ofreceralles a oportunidade de entrar en contacto cos artistas e mesmo subscribirte a eles para non volver perder os seus espectáculos.
Ademais, Redenasa.tv funcionará como teatro dixital onde se programarán espectáculos, onde se poderás asistir a estreas, coloquios e debates e consultar a biblioteca. E seguirá funcionando como unha televisión á carta que permite decidir cando e como se ve aquilo que interesa, gardando e agrupando os vídeos favoritos.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede