1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Isabel Coixet presentará en Cans o guión da súa película sobre Elisa e Marcela

Isabel Coixet presentará no festival de Cans o guión da súa vindeira película, ‘Elisa e Marcela’. A cineasta traballa na actualidade neste proxecto, coproducido por Filmanova Invest, Milou Films e Castafiore Films, arredor das dúas mulleres galegas que protagonizaron o primeiro matrimonio homosexual celebrado en Europa, unha delas disfrazada de home.

Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga, dúas mestras coruñesas, conseguiron casar no ano 1901. O catedrático de Teoría e Historia da Educación na Universidade da Coruña Narciso de Gabriel afondou na historia destas dúas mulleres nun libro.  Antón Reixa interesouse por ese texto e comprou os dereitos audiovisuais. Despois entrou en contacto con Isabel Coixet para a realización da longamentraxe.

Non é a primeira vez que Coixet traballa na nosa terra, segundo lembra a organización do festival de Cans nunha nota de prensa. A finais dos 90 gravou en Galiza ‘A los que aman’. En 2010 desenvolveu no antigo cárcere provincial da Coruña a instalación de homenaxe a Jonh Berger, From I to J.

A coñecida directora presentará o guión do seu novo filme nos Coloquios da Leira o sábado 26 de maio. A idea é facer unha lectura participativa na que o público poida opinar sobre o guión. Despois da súa intervención a directora colocará a súa estrela coas súas pegadas no Torreiro das Estrelas de Cans, peza que nestes momentos xa está tallando Paco Candán.