1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Entre o son fermoso das cousas molladas

 FruashFruash. Envolto no son inconfundible do plástico en rozamento. Fruash Ese desagradable son que o acompaña todas as mañás, cada vez que baixa aquelas malditas escaleiras. O seu corpo tendo que realizar innumerables movementos. E cada un deles acompañados dun: Fruash.

Abre o portal e disponse a saír á rúa. Torpemente tenta estirar o chuvasqueiro coa man. Despois de baixar os tres pisos do edificio, e grazas á rixidez do plástico, este quedara nunha postura ridícula, case por riba da barriga.

Chisca os ollos ante a forza da luminosidade dunha mañá de inverno, poden verse anacos de ceo azul entre os edificios... e coa mirada á fronte, abre o paraugas sen sequera dubidar, sen sequera mostrar un mínimo interese polo estado do tempo, aínda que o ambiente fose asombrosamente seco, sen ameaza algunha da que protexerse.

Coma todas as mañás...

Comeza a camiñar estirando ben o brazo. O paraugas nas alturas parece dignificarse coa pose.

Nuns cantos pasos incorpórase ao espeso tráfico de persoas que circulan polas amplas beirarrúas dunha das arterias da cidade.

Na multitude caótica dos paraugas multicores o home segue avanzando. De vez en cando choca con algunha persoa, aquel mete as puntas do seu paraugas no nariz daqueloutro. Escóitase algún murmurio malhumorado aquí e acolá. Pero nin sequera se deteñen para berrarse, seguen andando, coma se os seus pasos fosen guiados por algunha sorte de carril invisible.

Pero todo cambia, sucede nun momento, deses que nunca se esperan, que te alcanzan por casualidade...

Caeu do ceo, coma contaban as lendas antigas. O home nótao primeiro nunha man. Non sabe como pero coárase entre o “infranqueable” escudo que o protexe.

Sente a humidade da gota esvarar ata perderse no seu brazo. 

A aquela gota seguen moitas máis. A claridade uniformada á que estaban acostumados dera paso ás sombras das nubes no asfalto, que só deixan pasar raios de sol aquí e alá.

O nunca visto! Aquilo que seica fora nalgún momento a orixe da utilización de todos os trebellos que os cobren, ocorre agora á vista de todos...!

O paraugas do home pesa cada vez máis ante o empuxe da auga. A multitude corre, querendo escapar, horrorizada. Incluso chegando a emitir agudos alaridos.

O home segue camiñando, coa cabeza mirando ao chan, no que bate a auga con forza crecente.

Como era que se chamaba aquilo? 

Tenta facer memoria, tentando, tamén, gardar a calma... 

Chuvia? Si! Chuvia! 

A xente ao seu redor, asustada, aterrada, espállase en todas direccións aferrando os seus paraugas, sabendo que son a súa única posibilidade.

Un son envolvente inunda o ar, o asfalto berra zunidos novos ao ser atacado por un fenómeno que descoñece.

E o mesmo ar comeza a moverse, con violencia, un vento tempestuoso que dobra o paraugas do home coma se fose de papel. Impotente, agárrao con forza, tentando evitar que o vento lle arranque o seu prezado aparello.

Loita co vento, mentres a auga se coa entre a falsa impermeabilidade do seu chuvasqueiro. 

O home vai sentindo a humidade da chuvia na súa pel... 

Mira ao seu redor, as rúas molladas brillan coas tonalidades que marca a auga na pedra. Aquela pedra que recubría as rúas e os edificios, pero que agora parece outra, nova, metamorfoseada pola película de auga que o envolve todo....

E entón, sen razón aparente, detén a súa loita e solta o paraugas, que voa co vento, en múltiples direccións a escasos centímetros do chan...

Contrariado, confuso, mantense quedo, nin sequera se dá conta de que está no medio da calzada.

Moita xente que hai pouco o rodeaba desaparece entre os edificios, resgardándose en galerías e comercios.

Outra continúa no medio da estrada, no medio dunha espesa brétema. Nunca vira a rúa naquel estado, libre dos pasos uniformes, dos plásticos que afogaban todas aquelas peles...

E algunha aínda loita co vento, outra, coma el, deixa que os paraugas partan na súa viaxe cara a algures.

Queda moito tempo alí, hipnotizado por algo que descoñece. Sentindo a humidade da chuvieira refrescarlle a pel. Respira fondo, sentindo aquel ar encoraxado encherlle os pulmóns.

Ten o rostro empapado, o cabelo mollado, o plástico que o cobre deixara de facer aquel ruído molesto, como era? Fruash..?

Todo se desliza en harmonía. Como os centos de regatos arredor dos seus pés, case chegando aos nocellos...

O home abre a boca, a auga deslízase nela a través da lingua, ata a gorxa.

Sabe doce...

E lembra unha palabra, aínda máis antiga que a de chuvia.

Dioivo. Murmura, entre a chuvia, entre a bategada, 

entre a coriscada e a decembra.

O home permanece quedo, saboreando.

A auga e aquela enigmática palabra: Dioivo

Volve dicilo, nun suspiro, entre o son fermoso das cousas molladas.

FOTOGRAFÍA: PHIL ROEDER