1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 18-05-2013 10:33

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

García-Alix: ''Nunca quixen ser reporteiro, sabía que tiña a guerra na casa''

Alberto García-Alix (León, 1956) pechou hoxe cunha masterclass brillante, en clave confesional, a primeira edición do ciclo Grandes miradas dende as fragas do Eume. Esta serie de aulas maxistrais, organizada pola Deputación da Coruña e coordinada por Gabriel Tizón, reuniu unhas oitenta persoas ao longo das últimas catro semanas no mosteiro de Caaveiro arredor da fotografía. Comezou o pasado 30 de xuño co bilbaíno Ricky Dávila e prolongouse os dous sábados seguintes coa presenza de Vari Caramés, único galego no programa, e Cristina García Rodero. Catro creadores moi queridos en Galicia e dende este verán, en palabras de Tizón, tamén catro "embaixadores" desta xoia patrimonial e paisaxística da comunidade.

García-Alix comezou a súa sesión con De carne y hueso, un "autorretrato visual" de 40 minutos que preparou para Les Rencontres Internationales d'Arles e no que se mesturan as súas fotografías coa voz e a música do arxentino Daniel Melingo. Ausente durante a proxección, por "pudor" e porque moitos dos seus modelos xa non viven "e resulta doloroso", o recente Premio PhotoEspaña 2012 recordou os seus inicios, a mediados dos setenta, tras deixar as carreiras de Dereito e Ciencias da Información en Madrid. "Non quería ser fotógrafo nin tiña conciencia do feito fotográfico. O que me apaixoaba era mirar a través do obxectivo da cámara e a maxia do laboratorio", confesou.

A súa formación, autodidacta e intuitiva, empregándose a si propio como modelo e fotografando o seu universo cotián coma se fose un exercicio de estilo, sen maior ambición, deu un salto de xigante grazas a dúas exposicións: unha de August Sander e outra na que tomou contacto co traballo de Diane Arbus, Danny Lions e Walker Evans. "Máis tarde, ao descubrir tamén a Nan Goldin e Larry Clark, algo se me encendeu dentro: iso era o que estaba a facer eu! É unha mágoa que un tarde tanto en ter conciencia do que fai. Agora lamento non ter feito máis fotografías do mundo da heroína".

Esa "revelación" supuxo para García-Alix fotografar de xeito máis consciente e "apropiarse" dos temas, os xéneros e os puntos de vista que hoxe identifican a súa poética, celebrada por crítica e público en libros e exposicións de todo o mundo. "Cando miramos a través da cámara, non só estamos a ver", explicoulles aos 25 alumnos que esgotaron as prazas para asistir á súa masterclass ao pouco de abrirse o prazo. "Estamos segmentando a realidade, reflexionando sobre o que vemos e escoitando todas as resonancias que aí hai. Eu aprendín a ollar de fóra cara a dentro e non ao revés, como ao principio. Por iso nunca quixen ser reporteiro; sabía que a guerra xa a tiña na casa".

O diálogo cos participantes durante as catro horas da sesión matinal foi decantando algunhas das palabras clave no traballo do leonés, a quen o Ministerio de Cultura recoñeceu en 1999 co Premio Nacional de Fotografía: fe, sinceridade, artificio, retrato, soidade, traxedia, nostalxia, fascinación... "É a intencionalidade o que fai que un fotógrafo sexa libre e propietario da súa ollada", explicou. "Eu non son inocente. Ao contrario, forzo o xesto dos meus modelos sen ningún pudor. O corpo humano é para min unha arquitectura no espazo. Ao cabo, toda fotografía é falsa".

Antes da pausa para xantar, despediu a primeira quenda da súa aula maxistral co visionado de El paraíso de los creyentes, unha "conferencia visual" na que a súa voz e as súas instantáneas tecen unha reflexión en primeira persoa do singular sobre a relación entre a palabra e a imaxe: "A imaxe atrapa o segredo, a palabra revélao", conclúe o diaporama. Lector compulsivo dende a súa nenez até a actualidade, García-Alix recoñece que a súa formación débelle máis aos libros que dá fotografía, coa se tropezou na mocidade cando quería converterse en cineasta.

Os alumnos e as alumnas compartiron toda a xornada co fotógrafo en Caaveiro, posto que a matrícula de 110 euros que aboaron para participar –o prezo reducíase ao inscribirse en máis dun obradoiro–, tamén incluía o xantar. Tratábase, segundo os organizadores, de complementar a parte didáctica coa convivencia cos protagonistas. Aínda que a de hoxe foi a última sesión, o ciclo non está completo. Cada un dos participantes achegará dúas fotografías sobre a marcha da actividade ou a contorna do mosteiro para un libro colectivo que se publicará proximamente.

Ante o éxito desta primeira edición, tanto no que respecta á demanda das prazas como ás impresións compartidas polos protagonistas e participantes, o equipo de Grandes miradas dende as fragas do Eume xa está a traballar na continuidade da experiencia. O parque natural e o complexo do mosteiro, cuxas pezas máis antigas datan do século XII, revelouse un espazo particularmente apropiado para o desenvolvemento das aulas maxistrais.

FOTO: García-Alix durante a sesión/NACHO GÓMEZ