1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 23-05-2013 11:48

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

”Podemos estar orgullosos de que exista o man común, que facilita a conexión entre cidadáns e territorio”

Son palabras dos membros da cooperativa Trespés, que está producindo o documental, “En todas as mans”, sobre o monte en man común. Queren así facer reflexionar sobre esta realidade histórica galega, sobre o seu presente e o seu futuro. Ó mesmo tempo buscan a posta en valor deste patrimonio galego, en ocasións descoñecido e pouco apreciado pola nosa sociedade. Galicia conta cunhas 3000 comunidades de montes en man común, que xestionan unhas 700.000 ha de territorio galego. Este proxecto, que arrancou en maio do ano pasado, quere reflectir a historia dos montes en man común, dende hai 30 anos, cando a súa xestión volveu ás mans veciñais, ata a actualidade coa incorporación de novas variables coma son a concienciación medioambiental, a visibilización do traballo da muller ou os novos medios no traballo do campo.

Ten coma referente o traballo “O monte é noso” (1978) de Llorenc Soler, que cedeu as imaxes para dar unha perspectiva histórica ós feitos. Na dirección do documental contan con Diana Toucedo, un nome propio no audiovisual, grazas o seu traballo en filmes coma o premiado “Chico y Rita”.

Actualmente o proxecto está na fase de pre-produción e conta cun teaser, que xa se pode ver na páxina web. Nel podemos ver as testemuñas dos que teñen contacto directo coa vida e o traballo no monte. Será esta voz colectiva a que explique a súa valoración sobre esta forma específica de explotación así coma a importancia das xestións comunitarias á hora de preservar e mellorar o monte. “Esta ferramenta involucra a moitas persoas, e a unha gran cantidade de territorio. Tería que ter unha relevancia maior que non se visibiliza”, asegura Alberte, membro de Trespés e un dos impulsores do proxecto. “Esta necesidade é máis urxente no ámbito urbano e tamén entre os máis novos.”

E é así coma xorde este documental, que comezará a gravarse este ano. O financiamento estase levando a cabo de maneira colaborativa, mediante a técnica do crowfunding, podéndose realizar achegas dende a propia web.

Unha vez finalizado o proxecto, esperan realizar unha difusión do mesmo noutros países, amosando a realidade dos montes en Galicia e a súa visión de futuro. A realización do documental vai acompañada dun “proxecto- intervención nun monte veciñal” por parte da produtora, “en colaboración coas propias comunidades de montes.”

Foto de Thalámas Salamatu.