”A nosa é unha forma de mentalizarnos sobre o consumo consciente”
- Detalles
- Categoría: Contra vento e marea
- Publicado o Martes, 27 Marzo 2012 12:36
- Escrito por Xela Cuñarro
A tenda de Comercio Xusto Equisol é un proxecto de tres mulleres, Cristina (coa filla na foto), Gabriela e Lorena en forma de cooperativa, que comezou en abril do 2010, coa idea de facer unha proposta distinta de comercio. Na tenda venden produtos de alimentación e artesanía, que propoñen non tanto como forma de consumo senón coma un recurso educativo, que sirva para concienciar na sensibilidade sobre as cooperativas que producen en condicións xustas e sobre a produción ecolóxica. Asegúrase así que as marxes de beneficio son xustas para todos os que interveñen na cadea de produción.
Teñen unha clientela fiel, e no día a día, con diversos proxectos, tratan de crear lazos entre a xente do barrio. A tenda está situada na rúa Gómez Ulla, ó lado da compostelá Praza Galicia e teñen tamén un posto na Praza de Abastos dende xullo do 2011. Neste realizan degustacións de produtos case tódolos sábados.
O seu último proxecto é o “Cantinho do troco”, no que se poden intercambiar produtos entre os que acoden a tenda de Gómez Ulla. Este mes o tema é a cociña e a idea consiste en que a xente deixe utensilios/libros... relacionados co tema, podéndose levar a cambio outra cousa. En caso de que non atopen nada que lles interese, reciben un vale para o mes seguinte. “É unha forma de mentalizarnos sobre o consumo consciente”, asegura Gabriela, unha das responsables da tenda. Ata agora, a iniciativa tivo éxito polo que no futuro esperan continuala con temas coma cinema, libros,....sempre adaptándose ás necesidades da xente que vai a tenda e tamén ó momento determinado do ano.
A tenda está integrada na rede de troco galega á que diversas entidades lle están dando forma, con proxectos aínda por delimitar, entre os que está facer a rede itinerante. Teñen o exemplo da rede de troco de Redondela, activa nesta localidade.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede