"Con ilusión e ganas de facer as cousas, todo ten solución"
- Detalles
- Categoría: Contra vento e marea
- Publicado o Martes, 28 Febreiro 2012 18:47
- Escrito por Xela Cuñarro
Hai xa uns doce anos que en Marta Álvarez, licenciada en Empresariais, xordeu a idea de volver a granxa dos seus avós en Cumbraos, na que pasaba os veráns de pequena e facer dela o seu modo de vida. Dende aquela percorreu un camiño cheo de golpes e dificultades, pero tamén de moitas satisfaccións. Aprendeu dende cero todo o relacionado coa explotación leiteira. Comezou cunha horta na que plantou fabas e grelos, sen dar os resultados esperados. Cando estaba a punto de estrear novas instalacións, acolléndose a un Plan de Mellora, un brote de tuberculose fixo que tivesen que sacrificar todo o gando, un “golpe durísimo, tanto persoal como económico”. Marta sabe moito de crises, e tamén de ¡como sobrepoñerse a elas. A actitude é fundamental, asegura, á hora de conseguir que as ideas acaben sendo unha realidade.
O tempo de recuperación dunha lesión de xeonllo, pola que tivo que estar un mes na cama, “despois de 7 anos traballando sen parar” serviu para que xurdira nela unha idea, cando lembrou as galletas que se facían na súa casa cando era pequena, as galletas de nata. Por que non intentar recuperar a receita e o sabor destas? Este soño precisou dunha socia, Mercedes, da maquinaria e da infraestrutura necesarias e de buscar a receita, baseándose “na intuición e na seguridade de contar cunha boa materia prima.” Foi así coma apareceron as Maruxas de Nata, que se poden mercar en diversos puntos da xeografía galega e das que dende a Granxa se encargan de todo o proceso, dende a produción ata a distribución.
Marta transmite optimismo e enerxía a partes iguais. Afirma que a ilusión e o poder facer as cousas están nun mesmo. Unha volta con ela pola súa Granxa, coidada ata o último detalle (nas paredes hai fotografías e ponlles música as vacas, sobre todo música clásica) fai comprender mellor a súa filosofía de vida, que vai moito da importancia de non asentarse, de cambiar as cousas. Vai explicando todo o tempo futuros proxectos e ideas. ¿O próximo? Un concerto na Granxa, ó aire libre, como unha das paradas do grupo Marful na súa xira por escenarios singulares. E o que virá.



Dioivo é un proxecto cooperativo, aberto, baseado na vontade dun grupo de xornalistas de recuperarmos a palabra e botala a andar. Aquí contámosvos a nosa filosofía e o xeito de participardes na nosa revista/asociación. Coñecede ademais o noso consello de redacción e quen colabora connosco.
No Dioivo queremos saber como funciona este mundo raro no que vivimos. Os nosos afoutos colaboradores cóntannos que acontece nos máis afastados recunchos do espazo, do tempo e do pensamento.
Dioivo na rede