1. Skip to Menu
  2. Skip to Content
  3. Skip to Footer
Última actualización:
Xeral: 02-06-2013 09:57

Dioivo na rede

FacebookTwitterYoutube

Ás caladiñas

Blog de Montse Dopico. Xornalista

O voo das aguias

Clitemnestra camiña. Corre, inqueda. Espera activa, forte, o veredicto dos deuses. Mais non é, como Esquilo deixou escrito, símbolo do mal, da infidelidade e da vinganza. Senón unha muller violentada polo sacrificio da súa filla, Ifixenia, a mans do seu marido, Agamenón. A súa xustiza de sangue -mata o seu home, levada pola inmensa dor-, é a das entrañas. A das emocións. Mais a dor enxendra máis dor. E Electra, a súa outra filla, planea a morte da súa nai por privala do seu pai. Sofre, contrariada. Non pode entender. Afoga no seu propio desexo de asasinar a nai. Pero é o fillo de Clitemnestra, Orestes, quen acaba coa súa vida. E as furias galloupan, relinchan, pelexan por saír da terra para perseguir a Orestes e esmagalo coa culpa.

Nada é simple, malia a aparencia, na interpretación da Orestea que as As Churras -Iria Sobrado, Nerea Barros e Xiana Carracelas- escenifican, ata fin de mes, as fines de semana na Zona C, en Compostela. Cada representación é única, distinta das demais. Porque todo é emoción. Procura. Esculca. Busca das personaxes nas vísceras, no máis fondo de cada actriz, nun proceso que se desentraña, e se revive e reactualiza, diante do espectador. En forma de vídeos, performances, explicacións do traballo: non ante, senón entre o público. A cuarta parede non só cae. É que non quedan dela nin os cascallos.

Algo se vía vir, malia todo, nos seus últimos traballos. No Festival Alt 2011 presentaran ‘My own life’, unha peza performática que evolucionaba cara á instalación sonora para ollar ao peso dos recordos, a memoria, na construción da nosa identidade. Era, aquela, a primeira obra que dirixían e creaban elas mesmas, sen Carlos Neira, o director de Nut Teatro, a compañía que as fixo coñecidas. Xa choveu desde ‘Corpos disidentes’, a que fora a súa primeira montaxe. E os anos compartidos foron o substrato no que se apoiaron para construír, cada unha, a súa personaxe da Orestea. Traballaron por separado, unha vez que o director, Nuno M. Cardoso, lles asignou a cada unha un papel. Mais non tardaron en xurdir as conexións.

Iria-Clitemnestra é a auga. Corre, dá voltas. Camiña a bo ritmo, ata que se detén. Colle folgos e comeza a cantar versos de Rosalía. Sobre soedade. Despois cóntanos un conto: a Orestea. Pero rebélase contra Esquilo e a súa imaxe de Clitemnestra. Defende a xustiza das emocións, fronte á das leis escritas. A mesma que reivindica Rosalía no seu coñecido poema ‘A xustiza pola man’, que despois nos le. A xustiza dunha muller violada que, ignorada polos tribunais, mata os que a aldraxaron. E non se trata, -di Iria-, do dente por dente. Senón da razón das entrañas, fronte á frialdade dos códigos lexislativos. Fálanos, tamén, de John Berger. Da súa reflexión sobre cando aumenta a intensidade do tempo vivido. Como o tempo de Clitemnestra, agardando. Cóntanos, tamén, un conto de Galiano. Metáfora do que a Unión Europea vendida ao neoliberalismo está a facer cos países do sur. Con Portugal, con Grecia, con nós... E non deixa de lembrarnos algo importante: da perda pode nacer a esperanza.

Nerea-Electra é o sangue, e o lume. A agresividade que nace da frustración e a dor da perda. Coma Clitemnestra. Coma ela, procura o xeito de atopar a esperanza. Que facer cando estás perdido? Lembras como perdiches a inocencia?, son algunhas das preguntas que Nerea formula nun vídeo que proxecta para nós. Como non perderse nos propios medos, na propia dor?. Como recuperar a paz que sentías na infancia?. Ela decatouse, facéndose estas preguntas a si mesma, de que o conflito de Electra fora a brutal perda da inocencia. O caos, a ansiedade, a dor inmensa que lle produciu comprobar que a súa nai, a mesma que a protexía, matara o seu pai. E esa contradición é a mesma que expresa outra parte do vídeo: Electra a Clitemnestra no mar. Electra quere afogar a nai, pero tamén a ama. E a súa dor afógaa a ela mesma. Pero a Electra-Nerea atopa como botar fóra a agresividade. Co seu propio sangue. Ao lado da súa familia, no seu territorio, na súa casa. Na súa identidade. Mirando de fronte os seus medos, a dor que encolle a boca do estómago. Porque detrás da crise hai unha oportunidade.

Xiana é a terra. E tamén o lume que pecha o círculo de sentido creado polas tres actrices. Representa as furias: feridas abertas. Seres mitolóxicos que habitan un mundo para nós descoñecido, o do subsolo. Ata que alguén as invoca, porque non atura a dor. As furias son a culpa de Orestes. E a dor infinita de Electra. Mais, como transformar a escuridade en luz? Xiana buscou nas culturas primitivas. Na caverna. Nun buraco que cavou na terra -en vídeo vemos o proceso-. Un lugar para o illamento. A soidade. A recolocación no mundo. Un espazo para o coñecemento dun mesmo. Despois, na parte performática, encarna a furia. A forza da terra que quere saír, e berra. Ata que chega o sol.

A triloxía, que naceu nun proxecto máis amplo que se levou a cabo en Lisboa, desenvólvese en tres días. O primeiro, Clitemnestra. O segundo, Electra. O terceiro, as furias. Ao final de cada un, actrices e público comen e beben xuntos. Practican outro ritual, o da comensalidade, que favorece o diálogo, o intercambio. No terceiro día xurdiu xa unha familiaridade que axuda, ademais, a encaixar as tres pezas. As tres obras coas que As Churras nos convidan a non deixarnos convencer de que somos pitas. Porque somos aguias. Por moito que o sistema queira engarnarnos e dicirnos que somos pitiños indefensos. Somos seres capaces de voar, de atopar o xeito de transformar a dor en esperanza. A crise en oportunidade para o cambio. O malestar en liberdade, en forza.  

“Aquí está aparcado... prohibir”


O Leo e García, no Modus. De fondo, Ania, (terceira pola dereita, e Rosa,  quinta)

Díxoo García, de Dios Ke Te Crew, ao recitar un dos “Hai cus” de O Leo: “Aquí está aparcado... prohibir”. Prohibido censurar a resistencia, o pensamento. Foi na última sesión de ‘Picaversos’, que acaba de reabrir a súa programación tras o descanso do verán. García, o Leo, Rosa Enríquez e Ania González invocaron as voces disidentes. Os poetas Prohibidos.

Comezou Ania González, con textos que levou, con Diego Vites, ao festival de poesía VOCIFERIO de Valencia o pasado xuño. Cos seus versos, que esculcan nas relacións de poder que a propia linguaxe produce e representa. Co seu ‘Con’, que explora tres ámbitos de significación desta palabra: a rocha que sae da auga, a preposición que indica acompañamento e o nome vulgar, en francés, do sexo feminino. “Con/ El idioma primero/ El que vino al principio/ Sin cuestionarse/ El que hablaba/ La madre de mi madre/ La que cocía el pan/ La que era capaz de hablar/ Un idioma distinto/ Para si mismos/ Ella y su hombre/ El hombre que nos hizo/ Al que le bailaba el pelo.// Con/ Las rocas que salen de debajo del/ agua/ el fin del mundo/ y el (último) deseo a mar// con (s)/ Son rocha(s) que/ sae(s) da auga.”...

Despois veu Rosa Enríquez, que fixo dialogar fragmentos da súa última obra, ‘Atlas de Chaguán’, con versos de Daniel Salgado, Estevo Creus e Lupe Gómez. E, ao facelo, e se cadra sen querer, teceu fíos de conexión coa intervención de Ania. “Baby comeu o ceo nacarado e rosa. meteu as poutas no frío./ compartiu corpo e casa con esas putas obreiras do orgasmo que ocupan as cidades modernas, debuxou con elas o retrato robot do Home das Neves./ ya ni siquiera mira a los cerdos, sabe que quieren violarle el alma. Baby Piel Roja-séntese pois capaz de calquera deslizamento./ é unha muller flotante no inferno de metal. esa é a verdade: está feita de puntas”, leu, do seu ‘Atlas’. Que respostou co ‘materialismo’ de Daniel Salgado: “este texto/ asina pacto de non aliña/mento: a súa xeoloxía/ fórmase nas planicies duras,/ constitúese/ contra a lingua escrava,/ en/, medio de convulsións./”(...). Ou, despois, do mesmo autor, ‘desacato’: “esta friaxe evidentemente/ evolutiva, esta precariedade/ de todas as cousas. o tempo/ cautivo: prea, certificación,/ asalto ao vector desagradábel da vida/ moderna. somos débeda,/ material cortado, os plásticos/ do idioma: residuo/ do cervical, do marítimo./ as tácticas estrañas da amputación,” (...).

Xa que o Picaversos se dedicaba aos “Prohibid@s”, ao censurado, ao agochado tra-lo tabú, Rosa escolleu varios textos arredor da sexo. Quedoulle sen ler, por falta de tempo, un anaco do ‘Dark Butterfly’ de Xina Vega. Pero trasladounos nuns segundos do Areados’ de Estevo Creus ao ‘Pornografía’ de Lupe Gómez. “Someten a pornografía a/ termos de renda./ Descobren no sexo/ palabras falsas./ Do amor fixeron/ escenas. O sangue/ convertérono en imaxes.”. Versos que armou con outros seus, escritos para ‘Sete’, un libro colectivo aínda inédito: “E o fenómeno évos este: onde o sexo é colonial sempre existe descontento. Por ambas partes.”.

Faltaba aínda a terceira parte da sesión, e xa camiñaramos, con Ania, con Rosa, pola contestación de diversos xeitos de opresión. E nesa mesma senda situáronse García e o Leo, que engadiron aínda máis intensidade ao recital. E deron máis argumentos para atopar nexos: de Daniel Salgado ao “Celso Emilio Rapeiro”. Da propia Rosa e o seu “somos apaches e sexis. fomos emplumadas polo home branco. nos encajonó en un país de sombra y muerte./ TAL VEZ PRETENDÍA TRASLADAR OS DOUSCENTOS OITENTA MIL INDÍXENAS AMERICANOS PARA A NOSA RESERVA GALEGA” a Lois Pereiro.

García presentounos, ademais, un adianto do disco que vai publicar nunhas semanas, ‘Abaixo e de pé’. Recitou versos contundentes -como os haikus de O Leo-, disidentes, abertamente políticos. Achegouse a Lois Pereiro e rapeou o seu “Todos somos Marcos! Todos EZLN, nas selvas Lacandonas dos que nos foi prohibido...”.  Reivindicou a loita palestina como símbolo de dignidade. Ou a sabedoría dun pobo, o galego, fronte aos crecentes ataques do capital, no tempo da “cuarta guerra mundial” que se chama neoliberalismo.

As mulleres nos Mestre Mateo

Hai só un días falaba para Praza Pública con Sandra Sánchez e con Sonia Méndez sobre a cativa presenza das mulleres na dirección cinematográfica en Galicia. As dúas foron premiadas nos Mestre Mateo: Sandra Sánchez pola súa primeira longametraxe, 'Tralas luces', e Sonia Méndez pola que se cadra é a súa curta máis atípica, 'As damas negras'. 'Tralas luces' comezou sendo unha historia sobre nómades, e evolucionou ata unha achega íntima a unha das súas protagonistas, Lourdes, nai dunha familia de feirantes. As frustracións desta muller poderían ser as de calquera outra traballadora do noso tempo.

Sonia Méndez -que está a traballar na súa primeira longa- uniu en 'As damas negras' as súas dúas grandes paixóns, o cinema e o teatro, para construír unha historia dentro doutra historia. Un grupo de actrices ensaia unha obra, mentres a policía investiga un crime co que unha delas está implicada. Non se sabe quen actúa máis: os policías ou as actrices. Coas mulleres tamén ten moito que ver 'As silenciadas', que levou o premio ao mellor documental. Neste traballo, Aurora Marco e Pablo Ces recuperan a memoria das guerrilleiras galegas, que durante moito tempo foi ignorada pola historiografía.

Susana Dans levou o premio á mellor interpretación feminina por 'Emilia Pardo Bazán: a condesa rebelde'. Unha das actrices galegas de máis sólida traxectoria volveu demostrar o que vale, como o fixera tamén este ano na peza teatral  'E.R. (Algún día traballaremos xuntas)' (Teatro do Atlántico). Malia ser, o seu, un papel non tan central na historia como o de María Barcala e Luísa Merelas, a súa interpretación é das mellores, cando non a mellor. 

De 'Doentes' e 'Arrugas' xa se falou moito, como da serie 'Matalobos'. Son, creo, tres bos exemplos de produtos audiovisuais galegos moi doados de exportar. Polo que, se non se aposta máis por eles, se cadra é que non se quere. Tamén a telemovie sobre Barreiros é un bo exemplo do mesmo. 







Que entendemos por democracia? Só pan e circo?

As palabras do titular non son miñas. Son da escritora e xornalista Begoña Caamaño, que acaba de presentar na Feira do Libro a súa nova novela, 'Morgana en Esmelle'. A obra é unha achega máis á revisión galega da materia de Bretaña. O ronsel de Cunqueiro é visible desde o principio, e faise aínda máis evidente nun dos últimos capítulos, que xira arredor dunha viaxe de Merlín a Compostela. Mais, tal como conto nesta entrevista coa autora en Praza Pública, ten que ver máis coa reinterpretación dos mitos desde o feminismo, a xeito da 'Antígona' de María Xosé Queizán ou da Penélope de Xohana Torres.

Tamén Caamaño construíra a súa Penélope na súa novela anterior, 'Circe ou o pracer do azul'. Desta volta, o tema non é tanto o achegamento entre dúas mulleres, -que tamén-, senón unha reflexión sobre o abuso de poder. E non só na Idade Media, na época das lendas artúricas. Senón na actualidade. Nun momento no que a crise se converte na excusa perfecta para dinamitar dereitos laborais, civís..., libros coma este axudan a repensar que é o que están facendo con nós. Queremos unha democracia de cidadáns libres e responsables ou só unha oligarquía na que nos limitemos a deixarnos levar pola man? Diso fala Begoña. E por iso, e pola axilidade que foi quen de darlle á novela, recomendo a súa lectura.

As estruturas derrubadas

Producir efecto. Afectar e afectarse. É a idea da que parte a bailarina e coreógrafa Mónica García na súa peza 'La velocidad de las cosas', que amosa esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago. Unha plataforma metálica sérvelle de lugar, espazo de confesión, de auto-enunciación como ser-no-mundo. Sobre ela, o corpo produce sons. Fala o movemento.

Mónica camiña cara ao escenario, descalza. Chega e quita a roupa. Núa, exposta, comeza o seu baile sobre o chan. Pronto oímos ruídos de obxectos pesados que caen. Que se derruban. O movemento gaña intensidade en interacción co son. Érguese, transita por unha serie de estados que poderían evocar do berro e a desesperanza á procura, a reacción, a protesta, o acougo. O son faise tamén música, e as cancións marcan os nexos entre as partes da peza. Unha delas anuncia que a vida é soño na que non hai lugar para a verdade.

Roland Barthes, -conta ela no dossier da obra-, di que o suxeito amoroso deixou de asumir a súa sentimentalidade como unha forte transgresión que o deixa só, exposto. Pois tal sentimentalidade foi desacreditada pola opinión moderna. 'La velocidad de las cosas' traballa desde o cuestionamento desa sentimentalidade subxectiva. E das estructuras sobre as que nos imos construíndo como persoas. Os conflitos -di ela-, as mudanzas de estado, de lugar, supoñen un cambio, un movemento. As estruturas serven de punto de anclaxe, de equilibrio no que sosternos nesa singradura de mudanzas constantes. Pero chega un momento en que se volven obsoletas, e nos atrapan na súa rixidez.

E así avanza a peza. As estruturas que se van xerando mudan, afectadas polo momento presente, e creando novos polos de sentido diante do espectador. Nun momento, ela detense e corre cara ao escenario Iván Marcos, que colaborou nesta obra na asistencia artística, as luces e o son -tamén Ricardo Santana lle axudou coa parte artística-. A plataforma inicial queda descomposta nas partes que a forman. E é un dos alicerces das novas transformacións. Nun dos intres visualmente máis salientables da peza, a silueta dela debúxase entre unha néboa mesta de fume, proxectada polos focos de luz.

Volve ela, e danos as claves para comprender a orixe do son. Constrúe plataformas coas partes da antes plataforma máis grande. Colócase sobre elas, e cae unha e outra vez. O equilibrio produce o desequilibrio. A plataforma muda de forma. E multiplica o ruído. E nós facémonos máis conscientes do noso ollar de espectadores. Expectantes. Testemuñas. Nós tamén construtores da obra, compañeiros de situación. Cómplices da súa presenza, da súa enunciación, da súa existencia. Da súa confesión.